Oito concertos para "cantar a nación" e conmemorar o 116 aniversario da estrea do Himno Galego

Presentación da serie de concertos 'Cantar a Nación' © Vía Galega

Oito concertos nas sete cidades galegas e mais en Arzúa conmemorarán o aniversario do himno, organizados por Vía Galega e Galiza Cultura e baixo o título conxunto de 'Cantar a nación'

O 20 de decembro de 1907, hai 116 anos, estreábase na Habana o Himno, nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego. A vindeira semana, o mesmo 20 de decembro, oito concertos nas sete cidades galegas e mais en Arzúa conmemorarán o aniversario do himno, organizados por Vía Galega e Galiza Cultura e baixo o título conxunto de 'Cantar a nación'.

As dúas entidades buscan "popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado", reivindicando ademais a súa letra completa e restaurada "de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame  Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga", unha iniciativa que levaron ao Parlamento nos últimos meses. Salientan, neste senso, que "o texto do himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados desde había anos".

Rolda de prensa de presentación da serie de concertos 'Cantar a Nación' © Vía Galega

As dúas entidades buscan "popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado", reivindicando ademais a súa letra completa e restaurada "de acordo co texto fidedigno"

Na rolda de prensa celebrada este mércores en Compostela, o coordenador de Vía Galega, Anxo Louzao, afirmou que "desde hai tempo vimos desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira". "O himno é a afirmación patriótica da nación galega e amosa as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos os galegos e todas as galegas", engadiu.

O pasado mes de setembro presentouse no Parlamento a “Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000 sinaturas. Porén, a súa toma en consideración foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorables do BNG.

O pasado mes de setembro presentouse no Parlamento a “Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000 sinaturas

Louzao afirmou que "o impresentábel deste rexeitamento é que non está fundamentado en ningunha proposta que cuestione as documentadas e académicas correccións propostas polo profesor Ferreiro. Ao PP e ao PSOE non lles importa posicionarse en contra da certeza científica e carecer de argumentos para  refutar as propostas recollidas na ILP - que son as correctas  e as fidedignas ao texto orixinal do noso himno, creado por Eduardo Pondal- porque o seu cuestionamento responde a un total desleixo e desconsideración a todo o que nos afirma como pobo e identifica como nación".

Louzao concluíu "que miles de persoas se darán cita nos actos do día 20"

Louzao concluíu "que miles de persoas se darán cita nos actos do día 20, nos que se entoara o Himno completo coa letra fidedigna, a orixinal, a composta por Eduardo Pondal, restaurando, así, na práctica a letra do noso himno, tal e como xa o veñen cantando numerosos galegos e galegas desde hai máis de 30 anos. "Estamos certos que os "tempos son chegados" para reparar oficialmente a letra do noso himno nacional e para proclamar a "rendenzón da boa nazón de Breogan", concluíu.

Actos

  • A Coruña. 20 de decembro, ás 20h. Rúa Rego de auga, fronte ao teatro Rosalia, coa actuación do “Coro Cántigas da Terra”
  • Arzúa. 20 de decembro, ás 20hs na Capela da Madalena. Actuación  da Rondalla Moraima xunto coa Escola de Música e Baile tradicional galego O Bringuelo.
  • Santiago de Compostela. 20 de decembro, ás 20h no Teatro Principal. Actuación de Coro Crecente, Coral Solfa e Cantigas e Agarimos.
  • Ferrol. 20 de decembro, ás 20h no Centro Cultural Torrente Ballester. Actuación de Alberte Maceiras, Xoán Padín e As Revoltosas de Antónia Alarcom.
  • Lugo. 20 de decembro, ás 20h na Praza Quiroga Ballesteros (Praza de Abastos). Actuación da Coral do IV Ciclo da USC e Cántigas e Flores.
  • Ourense. 20 de decembro, ás 20:30hs no Salón de Actos da Casa Sindical ( Parque de San Lázado,12) Actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum
  • Pontevedra. 20 de decembro, ás 20hs no Teatro Principal de Pontevedra. Actuación do Grupo Maravallada.
  • Vigo. 20 de decembro, ás 20h no Auditorio Mar de Vigo. Actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión e Orfeón Mariñeiro do Berbés.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.