Os hórreos, en camiño de ser recoñecidos como patrimonio cultural inmaterial

Conxunto de hórreos da Merca © Turismo Ourense

A declaración é "un paso previo, obrigatorio e transcendente, para o camiño da presentación dunha candidatura na Unesco para a declaración universal"

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta semana a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes pola que se incoa o expediente para a declaración dos hórreos como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial. Os celeiros elevados das comunidades autónomas do norte do Estado -nomeadamente Galicia e Asturias, ademais de León, Cantabria, Navarra e País Vasco- encamíñanse cara a un recoñecemento que é "un paso previo, obrigatorio e transcendente, para o camiño da presentación dunha candidatura na Unesco para a declaración universal".

Asi o destaca a Rede Internacional HORREA, entidade presidida por Carlos Henrique Fernández Coto que agrupa a asociacións de defensa do patrimonio de distintos territorios do Estado e doutros países que traballan na protección dos hórreos. Os expertos destas entidades levaron a cabo un traballo de investigación que deu lugar á resolución aprobada pola dirección xeral dependente do Ministerio de Cultura.

Hórreo de Ozón en Muxía CC-BY-SA Xunta de Galicia

En Galicia existen uns 100.000 hórreos. Os cabazos, cabozos, canastros, canizos, piornos, paneiras ou ornos -que de todas estas maneiras (e varias máis) se denominan estes celeiros tradicionais elevados- están presentes en toda a xeografía do país

Nela destácase que os hórreos transcenden a súa función material orixinaria para desempeñar un papel esencial como marcadores culturais e expresións de identidade colectiva, vinculados a prácticas sociais, saberes transmitidos, memorias compartidas e representacións simbólicas. A declaración ten como obxectivo garantir a salvagarda desta dimensión inmaterial, incorporándoa de forma explícita nos procesos de identificación, documentación, estudo e difusión do patrimonio cultural, reforzando o seu recoñecemento e asegurando a súa transmisión interxeracional.

En Galicia existen uns 100.000 hórreos. Os cabazos, cabozos, canastros, canizos, piornos, paneiras ou ornos -que de todas estas maneiras (e varias máis) se denominan estes celeiros tradicionais elevados- están presentes en toda a xeografía do país. Tamén son moi numerosos en Asturias, onde hai uns 30.000 horrus ou paneras e no norte de Portugal (espigueiros). En Galicia calcúlase que hai uns 3,38 hórreos por quilómetro cadrado, a maior densidade do mundo, por diante da asturiana (2,83).

A resolución alerta de que os hórreos "enfróntanse a ameazas, como a perda da función social e simbólica pola progresiva desvinculación do hórreo da vida comunitaria, a descontextualización cultural, o abandono ou a escaseza de profesionais para a súa construción e mantemento"

O interese en declarar os hórreos do norte da Península Ibérica como vehículos e expresión simbólica de identidades e sentimentos de pertenza como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial vén xustificado por tratarse dun conxunto de construcións elevadas de tradición popular que, máis aló da súa materialidade, actúan como depositarios e transmisores de significados culturais e sentimentos de pertenza. 

A resolución do Ministerio de Cultura alerta de que os hórreos do norte peninsular "enfróntanse a riscos e ameazas diversas en función do seu emprazamento, como a perda da función social e simbólica pola progresiva desvinculación do hórreo da vida comunitaria, a descontextualización cultural, o abandono ou a escaseza de profesionais para a súa construción e mantemento".

Hórreo do Araño (Rianxo), o máis longo de Galicia, con 37 metros de lonxitude © Turgalicia

A súa dimensión inmaterial maniféstase en coñecementos e técnicas construtivas de transmisión oral ou usos comunitarios, valores simbólicos configuran un capital cultural que contribúe á cohesión social e ao fortalecemento das identidades

Os hórreos son arquitecturas populares que foron deseñadas en orixe para gardar as colleitas e alimentos e conservalos a salvo de roedores e outros perigos. O seu principal aceno de identidade é que se levantan sobre pilotes ou pés dereitos que os illan do chan, para favorecer a súa ventilación interna e evitar o acceso de animais; por iso é polo que adoitan adxectivarse como celeiros aéreos, elevados ou palafíticos.

Pero máis aló da súa materialidade, a súa dimensión inmaterial maniféstase en coñecementos e técnicas construtivas de transmisión oral, usos comunitarios, regulacións consuetudinarias, referencias na tradición oral, así como en celebracións e prácticas culturais que os incorporan como elemento identitario. Estes valores simbólicos configuran un capital cultural que contribúe á cohesión social e ao fortalecemento das identidades locais e rexionais, manténdose vivo grazas á interacción constante entre as comunidades portadoras e o ben, o que asegura a continuidade e recreación dos seus significados no tempo, destácase na resolución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.