Investigadoras da USC salientan que a maioría dos lugares citados existen na actualidade, pero moitos teñen unha relevancia social moi diferente
O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago vén de crear un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais, recurso elaborado no marco do proxecto Lírica galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez.
"Situamos no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos. Ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foi experimentando o espazo ao longo do tempo, e tamén observar como determinadas vilas pasaron de ter unha gran relevancia a ir perdendo protagonismo desde a Idade Media ata os nosos días”, indican as investigadoras participantes neste proxecto, denominado CANTICAR. [Aquí o enlace á web do proxecto]
O mapa tamén reconstrúe as fronteiras dos diversos reinos medievais e a súa evolución ao longo do período trobadoresco
Por outro lado, este recurso dixital achega as dimensións sociopolíticas nas que foron elaboradas as cantigas. "Non só se marcan os topónimos, senón que se reconstrúen as fronteiras dos diversos reinos que existían na Península Ibérica; de feito, no mapa pode verse a evolución deses límites ao longo de todo o período trobadoresco”, subliña a catedrática Pilar Lorenzo.
As investigadoras explican tamén que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres teñen sempre un valor distintivo, xa que son empregados nos textos tanto en función do tema abordado como do xénero escollido. Así, o peso que ofrecen os nomes de lugar varía se se trata dunha cantiga de amor, de amigo ou de escarnio. "Por exemplo, as cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo, nas que o espazo real ocupa un segundo plano, sinalan.
Ademais de situar cada topónimo mo mapa, recóllense os textos nos que se mencionan, e os usuarios poden consultar tamén os datos biográficos dos trobadores e xograres. "Toda esta información servirá de apoio ao desenvolvemento de novas investigacións sobre a nosa tradición lírica", apunta a coordinadora.
"As cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo"
Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago poñen de relevo que a maioría dos lugares que se recollen nas cantigas aínda existen na actualidade, pero cunha importancia social moi diferente á que tiveron na Idade Media. É o caso da localidade sevillana de Morón de la Frontera, a vila de Castrojeriz (situada en Burgos, no Camiño de Santiago), o mosteiro de Nogueira na localidade pontevedresa de Meis, Santa María de Reza na freguesía de Ourense, as terras de Lemos (Lugo), Deza (A Coruña), Toroño (Pontevedra) ou Crecente en Compostela…, entre outros moitos lugares que foron perdendo importancia co paso do tempo. Pola contra, outros que eran (e seguen a ser) moi relevantes como Santiago de Compostela aparecen en contadas ocasións nos textos.