A ferramenta interactiva Redes socioculturais da lírica galego-portuguesa, que se pode consultar online, ofrece a posibilidade de visualizar graficamente as relacións socioculturais e literarias entre uns e outros autores
As tenções na lírica medieval galego-portuguesa eran un diálogo (ou combate dialéctico) entre dous trobadores, algo así como as actuais regueifas ou os repentes brasileiros ou as batallas de freestyle entre rapeiros. Unha investigación da USC, dirixida pola doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas, afondou neste xénero para debullar as conexións e os vínculos socioculturais e literarios existentes entre distintos autores. A partir de aí a investigación foise ampliando para debuxar "unha imaxe máis exhaustiva e nítida das relacións entretecidas polos trobadores e xograres galego-portugueses".
O resultado da investigación é unha ferramenta interactiva, Redes socioculturais da lírica galego-portuguesa, que se pode consultar online e ofrece a posibilidade de visualizar graficamente as relacións socioculturais e literarias entre uns e outros autores. O portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta e dedicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores e que despois foi completado grazas a un segundo proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, que busca ampliar as conexións existentes.
As tenzóns servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que é doado atopar "diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica"
Déborah González explica que as tenzóns servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que é doado atopar "diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica", mentres que os diálogos de asunto amoroso "son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos". "Son pezas líricas moi valiosas desde múltiples puntos de vista; entre outros motivos porque, ao seren diálogos, permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiable, máis alá de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns", sinala.
O aspecto máis novidoso desta ferramenta é que as redes están representadas graficamente. Pódese navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario. A través desta proposta búscase unha divulgación máis aberta, amigable e accesible tanto para os especialistas en lírica medieval como para os que están en formación e tamén para un público xeral con interese na materia.
A investigación foise ampliando para debuxar "unha imaxe máis exhaustiva e nítida das relacións entretecidas polos trobadores e xograres galego-portugueses"
No centro da investigación, na que tamén traballou Almudena Bouzón Custodio, doutora en Estudos Medievais pola USC, sitúanse os trobadores á par das súas cantigas. Xunto aos indicios literarios, as noticias históricas e biográficas contribúen, por unha parte, a deseñar unha rede sociocultural e literaria; por outra, colaboran na formulación de hipóteses sobre as circunstancias de creación e recepción textual, as coordenadas socioculturais, temporais e cronolóxicas en que cada autor puido desenvolver a súa actividade.
A investigación axuda á formulación de hipóteses sobre as circunstancias de creación e recepción textual e as coordenadas socioculturais, temporais e cronolóxicas en que cada autor puido desenvolver a súa actividade
A investigadora subliña que "a rede social dos nosos trobadores e xograres foi moito máis complexa e existen outros textos e indicios que nos permitirán ampliar, en fases sucesivas, a investigación”. Refírese ao proxecto financiado polo Ministerio, que busca estudar estas relacións a través das cantigas de escarnio, que permiten estimar outro tipo de diálogo e de conexións. Tamén son de interese os ciclos literarios satíricos, constituídos por textos de varios autores nos que estes satirizan un individuo (como acontece coa célebre María Pérez Balteira, protagonista dun destes ciclos) ou denuncian un acontecemento histórico determinado, polo que tamén acadan relevancia desde unha perspectiva socioliteraria.
Coñecemos a existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, "algúns deles moi destacados e que deben poñerse en valor"
O obxectivo final é “avanzar nunha representación cada vez máis completa, exacta e nítida das redes socioculturais e literarias da nosa lírica medieval”. Déborah González conclúe que "temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos" e que coñecemos a existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, "algúns deles moi destacados pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor"