Hai uns meses púxose en marcha a Ulysses European Odyssey, unha iniciativa que busca conmemorar o centenario da publicación da novela cun programa de actividades en 18 cidades de 16 países do continente
O 2 de febreiro de 1922 James Joyce publicou Ulysses, unha das novelas máis influíntes do século XX e que axudou a rachar as convencións estilísticas do xénero. Dende entón, convertida nunha referencia da cultura universal, son habituais as celebracións ao seu redor, como por exemplos os Bloomsdays que en moitos lugares do mundo se organizan cada 16 de xuño, seguindo os pasos do seu protagonista, Leopold Bloom (a novela narra un día na súa vida, o 16 de xuño de 1904, en Dublín).
Hai uns meses púxose en marcha a Ulysses European Odyssey, unha iniciativa que busca conmemorar o centenario da publicación da novela cun programa de actividades en 18 cidades de 16 países do continente, de Atenas ou París a Marsella ou Berlín, pasando por Trieste, Lisboa, Budapest ou a inevitable Dublín, unha urbe por cada un dos 18 capítulos dos que consta o libro. E, entre elas, está Lugo, única cidade do Estado español seleccionada para esta viaxe.
O capítulo asignado a cada cidade está identificado coa temática predominante nesa parte da novela: Atenas (democracia), Copenhague (Hamlet), Marsella (inmigración) ou Dublín (casa). E, por suposto, o capítulo que centrará os actos organizados en Lugo, o oitavo ("Lestrigóns") xira ao redor da comida
Ademais, o capítulo asignado a cada cidade está identificado coa temática predominante nesa parte da novela: Atenas (democracia), Copenhague (Hamlet), Marsella (inmigración) ou Dublín (casa). E, por suposto, o capítulo que protagonizará os actos organizados en Lugo, o oitavo ("Lestrigóns") xira ao redor da comida, un elemento que na novela tamén é protagonista, dende o almorzo que o protagonista toma no primeiro capítulo. De feito, así presenta a novela a Leopold Bloom nas primeiras páxinas: "moito lle gorentaban ao señor Leopold Bloom os órganos internos de bestas e aves. Gustáballe a sopa de miúdos ben espesa, as moegas picantes, o corazón recheo asado, os filetes de fígado empanados, as rabas de bacallau fritidas. O que máis lle prestaba eran os riles de cordeiro á grella, que lle deixaban no ceo da boca un delicioso saibo cun leve recendo a ouriños".
Convidouse a 18 autores e autoras do continente, en representación de cada cidade, a escribir un capítulo dun libro colectivo a partir do Ulises. No caso de Lugo, o autor escollido é Alberto Lema
En cada cidade, seguindo a orde dos capítulos organízanse simposios, actos públicos de todo tipo (concertos, representacións teatrais), paseos literarios, residencias artísticas. Así mesmo, convidouse a 18 autores e autoras do continente, en representación de cada cidade, a escribir un capítulo dun libro colectivo a partir do Ulises, unha obra que se publicará o vindeiro ano en inglés, aínda que na web do proxecto se poderán atopar os textos nas súas linguas orixinais. No caso de Lugo, o autor escollido é Alberto Lema. Ademais, para o desenvolvemento establécense alianzas con e entidades culturais locais, encargadas de organizar a programación en cada urbe. No caso galego, a Fundación Uxío Novoneyra é a encargada do deseño e execución da iniciativa.
Os actos principais en Lugo desenvolveranse entre o 19 e o 21 de maio, momento da celebración dun simposio público, que incluirá debates sobre as tradución do Ulysses ao galego, as relacións literarias entre Galicia e Irlanda ou a cultura gastronómica galega
A viaxe comezou en setembro do pasado ano en Atenas e pasou xa por Budapest, Trieste, Marsella e Vilnius e antes de chegar a Lugo se inaugurará en Berlín. Os actos principais en Lugo desenvolveranse entre o 19 e o 21 de maio, momento da celebración dun simposio público, que incluirá debates sobre as tradución do Ulysses ao galego, as relacións literarias entre Galicia e Irlanda ou a cultura gastronómica galega. Neses días tamén se realizará un percorrido literario pola cidade de Lugo no que a Muralla, as rúas peonís do casco histórico e as referencias á gastronomía e aos viños galegos serán protagonistas.
Con todo, a programación abrirase xa esta semana, en concreto este mércores, cun encontro no Vello Cárcere a partir das oito da tarde, no que intervirán Uxío Novoneira, Maite Ferreiro, Aurelia Balseiro, Quico Cadaval e Santiago Jaureguizar, nun acto organizado pola Axencia Galega de Noticias, do grupo El Progreso.
Neses días tamén se realizará un percorrido literario no que a Muralla, as rúas peonís do casco histórico e as referencias á gastronomía e aos viños galegos serán protagonistas
O capítulo oitavo do libro que celebrará Lugo, 'Lestrigóns', está ligado "á literatura, ao acto de camiñar e pasear, as relacións sociais nos espazos públicos, á gastronomía sustentable de proximidade e a hospitalidade das tapas da nosa cociña atlántica", destaca o Concello de Lugo. A participación da cidade consistirá nunha programación literaria expandida escénica de fin de semana ligada á celebración da gastronomía popular identificada con este capítulo da icónica novela de Joyce.
“A recente peonalización da cidade e a implantación de estatuas relativas a autores galegos contribuiron a elección de Lugo como parte desta rede europea para celebrar o centenario de Ulises”, destacou Arroxo
Serán intervencións que evoquen a novela en espazos públicos de interese literaria como prazas, esculturas, rúas e gastronómicos como cafés e bares, terrazas, restaurantes, pubs que abran o acceso para a mesma. O tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, destacou que “a recente peonalización da cidade e a implantación de diversas estatuas relativas a autores galegos contribuiron grandemente a elección de Lugo como parte desta rede europea de cidades para celebrar o centenario de Ulises”