Proxecto lugares: como a arquitectura pode transformar de forma sostible o espazo público no Camiño de Santiago

Presentación do Proxecto Lugares en Palas de Rei © Proxecto Lugares

O Castelo de Pambre, en Palas de Rei, acolleu a pasada semana a presentación do Proxecto Lugares, unha iniciativa que busca poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público do Camiño de Santiago, particularmente nas comarcas de Ulloa e Valdeorras, en Palas e Larouco.

Búscase poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público do Camiño de Santiago, particularmente nas comarcas de Ulloa e Valdeorras, en Palas e Larouco

O Proxecto Lugares, comisariado por Natalia Balseiro, é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplina sobre o Camiño de Santiago coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño. 

Presentación do Proxecto Lugares © Proxecto Larouco

A iniciativa continuará cun seminario no Castelo de Pambre os días 18 e 19 de abril. Neste espazo de encontro, numerosas profesionais vinculadas á arquitectura da paisaxe, comunicación, deseño, artesanía e pensamento porán sobre a mesa experiencias de intervencións sostibles

A iniciativa continuará cun seminario no Castelo de Pambre os días 18 e 19 de abril. Neste espazo de encontro, numerosas profesionais vinculadas á arquitectura da paisaxe, comunicación, deseño, artesanía e pensamento porán sobre a mesa experiencias de intervencións sostibles; abordarán cuestións como a hospitalidade ou o deseño de lugares contemporáneos no Camiño; as posibilidades de transformación do territorio a través da ruta xacobea, así como o coidado e a beleza na mesma; exemplos de boas prácticas de arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía; ou como pensar a paisaxe desde unha perspectiva sostible e contemporánea, entre outros aspectos. 

A localidade ourensá de Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público

O evento reunirá figuras recoñecidas de ámbito galego e estatal, como as arquitectas Ana Amado, Izaskun Chinchilla, Maé Durant, María Fandiño, Carlos Pita ou Carlos Seoane, entre outras; as artesás Verónica Moar, Julia de la Cal, Inés Rir e Santiago Besteiro; as deseñadoras Amalia Puga e Uqui Permui ou as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis. Tamén participarán persoas expertas vinculadas ao mundo da paisaxe, como Amparo Maroño, Paola Sangalli e Pedro Calaza, ou investigadoras do espazo rural, coma a artista Estella Julian, ou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. 

Unha vez finalicen estas xornadas, a localidade ourensá de Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público. Durante estes días realizaranse visitas e paseos polo territorio para identificar os lugares sobre os que as e os asistentes traballarán de forma colaborativa. 

Cartel do Proxecto Lugares © Proxecto Lugares

Todas as conclusións, fotografías e vídeos, así como textos das persoas profesionais convidadas estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán

O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo e impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e pola Fundación “La Caixa”, terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas. Todas as conclusións, fotografías e vídeos do traballo feito ao longo destes meses no marco do Proxecto Lugares, así como textos das persoas profesionais convidadas -ou mesmo a recompilación de testemuñas durante o seminario-, estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán. 

Para máis información sobre o Proxecto Lugares pódese visitar o espazo web da iniciativa. Na propia web do proxecto están dispoñibles os formularios de inscrición tanto para asistir ao seminario como ao taller, cun número de prazas moi limitado das núas opcións, polo que se recomenda formalizar a praza coa maior antelación posible para garantir a asistencia. Mentres que no caso do seminario a inscrición se realizará por rigorosa orde de solicitude, no caso do taller -que se abre tamén a estudantes ou profesionais do ámbito do deseño, da arquitectura, do paisaxe ou da artesanía- o prazo estará aberto até o mércores 5 de abril.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.