Compostela vive este xoves o día grande da Ascensión, que se abrirá coa tradicional feira cabalar no recinto feiral de Amio. Ademais da celebración continua que se vivirá na Alameda e polas rúas da cidade, os pratos fortes da xornada chegarán pola tarde e pola noite en forma de concertos, especialmente co proxecto Lorca namorado, ideado e dirixido por Abe Rábade e inspirado nos "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca.
Lorca namorado xuntará no escenario a Salvador Sobral, Abe Rábade, Kike Morente, Arcangel, Marcelo DoBode, Davide Salvado e Susana Seivane
O espectáculo comezará ás 22 horas e celebrarase na praza da Quintana, con entrada libre. Xuntará no escenario a Salvador Sobral, Abe Rábade, Kike Morente, Arcangel, Marcelo DoBode, Davide Salvado e Susana Seivane, entre outros artistas.
Haberá música tamén na Alamenda, coa actuación dos Satélites ás 22 horas. E igualmente na Praza do Toural, con Germán Díaz e Benxamín Otero, que presentarán o seu traballo Trece cancións bonitas a partir das 23.30 horas, máis ou menos cando remate o espectáculo da Quintana.
Germán Díaz e Benxamín Otero, Satélites ou Folk na rúa completan unha ampla programación
Pero xa dende a mañá o programa Artellando no vermú ofrece actuacións na Praza de Cervantes: este venres será a quenda de Brassica Rapa (13 horas). Pola tarde, a partir das 18 horas, terá lugar unha nova edición do Folk na rúa, coas actuacións das agrupacións Brincadeira, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Ultreia polas prazas da cidade vella (Santo Agostiño, Toural, Cervantes e Obradoiro), antes de ofrecer unha actuación conxunta na Acibechería ás 20 horas.
O venres e o sábado quedará aínda moita festa en Compostela, cos concertos de Susana Seivane + Baiuca e de Novedades Carminha.