Samuel Merino, escollido para a Residencia Literaria Deleite

Samuel Merino © Álex Merino

A Residencia Deleite Literario  consolídase como plataforma de apoio á cultura galega e aos novos creadores, o pasado ano con Ismael Ramos e este con Samuel Merino

O pasado ano Ismael Ramos foi o encargado de inaugurar a Residencia Deleite Literario, unha iniciativa impulsada por Deleite (Leite Noso) na Residencia Literaria 1863 da Coruña co obxectivo de dar un apoio específico á creación contemporánea galega, ofrecendo un mes de residencia e unha achega de tres mil euros para o desenvolvemento dun proxecto literario en andamento. 

A segunda edición da Residencia Deleite Literario escolleu como ocupante a Samuel Merino (Mos, 1982), unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea polos seus cruces entre literatura, oralidade, escena e performance. A iniciativa consolídase así como plataforma de apoio á cultura galega e aos novos creadores.

Interior da Residencia Literaria 1863 © Residencia Literaria 1863

Merino desenvolve unha obra de forte compoñente reflexiva e escénica, que adoita tomar forma en recitais, dispositivos performativos e pezas híbridas entre a poesía e o teatro

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, Merino desenvolve unha obra de forte compoñente reflexiva e escénica, que adoita tomar forma en recitais, dispositivos performativos e pezas híbridas entre a poesía e o teatro. Entre os seus libros publicados destacan Guantanamera. Poema nun só acto (2021), Claustro Corda Comensal (2023) ou Manual de camuflaxe (2025), obra coa que obtivo o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. En 2025 foi recoñecido tamén co Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica. 

O proxecto seleccionado, titulado Sexagonal, preséntase como un artefacto literario e escénico que explora os códigos de comunicación, os espazos de encontro e as dimensións performativas asociadas ás chamadas áreas de cruising

O proxecto seleccionado, titulado Sexagonal, preséntase como un artefacto literario e escénico que explora os códigos de comunicación, os espazos de encontro e as dimensións performativas asociadas ás chamadas áreas de cruising. A proposta articúlase como unha investigación poética híbrida, concibida para transitar entre o texto, a oralidade e a posible posta en escena.

Nesta segunda edición, o xurado estivo formado pola escritora viguesa e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Ledicia Costas, a poeta e música coruñesa Lucía Aldao e o narrador betanceiro Premio Nacional de Narrativa Xesús Fraga.

Samuel Merino © Álex Sobrino

A Residencia Literaria 1863 da Coruña é unha iniciativa fundada e dirixida pola poeta Yolanda Castaño que mantén unha intensa actividade durante todo o ano cun total de 11 convocatorias de residencias

A Residencia Literaria 1863 da Coruña é unha iniciativa fundada e dirixida pola poeta Yolanda Castaño, pensada para constituír "un retiro creativo" para escritores, escritoras, tradutores e tradutoras no centro histórico da Coruña, nunha casa mariñeira de 1863 (de aí o nome) situada a carón do Teatro Rosalía de Castro. 

Mantén unha intensa actividade durante todo o ano cun total de 11 residencias dirixidas a autores e autoras de Panamá ou de Honduras, en lingua asturiana, en lingua vasca ou para intercambios entre Galicia e Irlanda, entre outras convocatorias. Por ela pasou máis dunha trintena de autores e autoras dende o ano 2019.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.