Santiago e A Coruña, as cidades que máis invisten en cultura e Ourense a que menos

Evolución do gasto en cultura das cidades galegas sobre unha imaxe do Pazo de Raxoi e Pazo de María Pita, sedes dos Gobernos locais de Santiago e A Coruña ©

Santiago (141,23 euros por habitante) e A Coruña (121,5) son as cidades que máis recursos investiron en actividades culturais en proporción á súa poboación, seguidas de Pontevedra, Ferrol e Lugo

Canto gastan en cultura os concellos galegos? Invisten máis -en termos relativos á súa poboación- as cidades ou as vilas? O pasado venres o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega presentou o estudo O gasto en cultura na Administración local en Galicia, un informe que analiza a evolución nos últimos anos do gasto executado polas entidades municipais, co obxectivo de “poñer números ao esforzo que fan os concellos en cultura”.

A investigación, que contou coa colaboración metodolóxica e técnica do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, obtivo os seus datos non dos orzamentos municipais, senón do gasto liquidado, é dicir, dos gastos efectivamente realizados e cuxos datos son proporcionados ao Ministerio de Facenda polas propias administracións.

Ourense é a cidade con menor investimento e a única na que o gasto en cultura descende dende o ano 2015

O estudo conclúe que Santiago de Compostela (141,23 euros por habitante) e A Coruña (121,5) son os concellos que máis recursos investiron en actividades culturais tanto en termos per cápita como en proporción sobre o gasto local. Aparecen a continuación Pontevedra (69,35), Ferrol (64,75) e Lugo (62,1). Vigo (48,6) e Ourense (29,43) son as cidades con menor investimento en cultura.

O estudo detecta, en xeral, unha tendencia ascendente entre os anos 2015, 2019 e 2022, especialmente claara nos casos de Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. A excepción é Ourense, a única das cidades galegas na que o gasto por habitante en cultura descende dende o ano 2015.

O informe conclúe que a intensidade do esforzo cultural non está determinada polo tamaño demográfico nin pola densidade de poboación, senón polo grao de prioridade política e simbólica que cada concello lle concede a este ámbito

O gasto en cultura varía substancialmente duns concellos a outros, polo que os servizos culturais que recibe a cidadanía difiren de maneira significativa segundo o lugar de residencia. O informe conclúe que a intensidade do esforzo cultural non está determinada polo tamaño demográfico nin pola densidade de poboación, senón polo grao de prioridade política e simbólica que cada concello lle concede a este ámbito. 

Isto explica que municipios medianos e pequenos, independentemente da súa estrutura poboacional, poidan alcanzar niveis de investimento cultural comparables ou mesmo superiores aos das cidades, que dispoñen dunha maior capacidade de gasto. 

Así, hai numerosos concellos pequenos que superan os 100 euros de gasto por habitante, como son, entre outros: Padrón, Ortigueira, Abegondo, Outes, Vimianzo, Celanova, Esgos, O Saviñao, Boborás, Folgoso do Courel ou Vilariño de Conso.

Mugardos, O Grove, Ares, Baiona, Betanzos ou Narón, que superan ou roldan os 100 euros por habitante de gasto cultural

No que atinxe ás grandes vilas (concellos con máis de 20.000 habitantes) ou a vilas medias (entre 5.000 e 20.000 habitantes) con densidade alta, destacan os datos de Mugardos, O Grove, Ares, Baiona, Betanzos ou Narón, que superan ou roldan esa cifra de 100 euros por habitante. Tamén Lalín, A Pobra do Caramiñal, Soutomaior, Noia ou Pontedeume presenta datos moi elevados, por riba dos da maior parte das urbes do país.

Presentación do estudo 'O gasto en cultura na Administración local en Galicia' elaborado polo Observatorio do Consello da Cultura Galega (OCG) © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.