Galician Beats: o pulo da música electrónica no país

Capa da investigación de Galician Beats © Galician Beats

O proxecto Galician Beats realizado polo xornalista Alejandro Gándara Porteiro, busca contextualizar e rexistrar a evolución contemporánea da música electrónica en Galicia

O proxecto Galician Beats, que busca contextualizar e rexistrar a evolución contemporánea da música electrónica en Galicia, vén de publicar os resultados da súa investigación. O texto, publicado online, ofrece un contexto global e local para explicar o fenómeno cultural mediante o cal a electrónica pasou dunha posición marxinal a formar parte das principais propostas musicais que na actualidade saen da escena galega. 

A meta principal de Galician Beats, realizado polo xornalista Alejandro Gándara Porteiro, era elaborar unha obra de referencia que non existía en Galicia e que cubrise a evolución da música electrónica no país nos últimos 15 anos. O criterio foi o de facer unha cronoloxía do proceso de popularización da electrónica, relatando o seu impacto en diferentes escenas musicais nos que estes sons están presentes. 

Así, o traballo recolle a evolución de correntes como a reinterpretación da música tradicional, fenómenos coma o trap e as chamadas músicas urbanas, a recente popularización da cultura de club ou a incorporación de ferramentas electrónicas en escenas underground coma o Galician Bizarre. Para isto, a investigación tirou dun abundante arquivo de hemeroteca, ademais de entrevistas a artistas coma Nuno Pico (Grande Amore), Alejandro Guillán (Baiuca), Belén Vidal (Bflecha) ou Elba Souto.

Tras dous anos de pesquisas e entrevistas, o proxecto sae á luz coa publicación do texto da investigación e un catálogo de artistas e entidades que resume a diversidade de propostas que se dan hoxe en Galicia arredor da música electrónica. ©

O autor ofrece un contexto global e local para explicar o fenómeno polo cal a electrónica pasou dunha posición marxinal a formar parte das principais propostas musicais da escena galega

O texto tamén fai un repaso da historia da electrónica en Galicia desde os anos 80, e ofrece un contexto global para explicar a evolución recente na música contemporánea, mediada por ferramentas electrónicas dixitais que ocupan un lugar determinante á hora de compoñer e distribuír música. 

O proxecto, realizado polo xornalista Alejandro Gándara Porteiro ao abeiro das Bolsas de Investigación da Deputación da Coruña, presentouse a semana pasada no Seminario de Futuros Urbanos da Universidade de Santiago de Compostela. 

A investigación inclúe entrevistas con artistas como Nuno Pico (Grande Amore), Alejandro Guillán (Baiuca), Belén Vidal (Bflecha) ou Elba Souto

O subtítulo da investigación —Cara a popularización da música electronica galega? (2010-2025)— convida a cuestionarse se esta será unha corrente pasaxeira. O texto conclúe que, debido ao carácter estrutural do cambio, non parece probable que a música electrónica, entendida como proceso creativo, vaia sofrer unha regresión nos próximos anos. 

Como se indica no texto, "facer electrónica hai 20 anos era unha escolla consciente que implicaba unha inversión económica en máquinas e un complicado proceso de aprendizaxe, como se viu nos testemuños de Carlos Ordóñez ou Bflecha. Hoxe, en cambio, a electrónica é simplemente o que está máis a man, como explicou Nuno Pico. Non fai falta gastar practicamente nada para facer música electrónica e hai máis recursos ca nunca para aprender. É, simplemente, a música do noso tempo, sen prexuízo de que outras sigan coexistindo e tendo relevancia". 

Alejando Gándara Porteiro ©

Un catálogo da electrónica galega

Unha parte do traballo de rexistro e mapeo quedou reflectida nun catálogo da electrónica galega, que amosa a diversidade—a nivel musical, territorial e de xénero— das propostas

O traballo desenvolveuse fundamentalmente desde setembro de 2023 ata novembro de 2024, con algunhas achegas e actualizacións no outono de 2025. O proceso de investigación combinou traballo de campo con pesquisa documental e bibliográfica. Neste tempo, o proxecto analizou máis de 400 perfís de artistas e entidades relacionadas con esta escena musical en Galicia, e os resultados demostran que a electrónica ten unha base social importante e en crecemento

Ademais da importante cantidade de proxectos musicais mencionados e analizados nunha extensa discografía, a pesquisa recolle datos de 64 colectivos que organizan eventos de música electrónica, 22 selos discográficos, 21 festivais e xornadas, 33 salas e clubs que programan música electrónica cando menos de xeito ocasional, 7 escolas e unha ducia de portais de información. 

Unha parte deste traballo de rexistro e mapeo quedou reflectida nun catálogo da electrónica galega que acompaña o texto da investigación, e que amosa unha mostra diversa —a nivel musical, territorial e de xénero— das propostas relacionadas cos sons sintéticos hoxe en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.