"Non había nin timbres tradicionais de aquí, nin pandeireta galega, nin pandeiro nin bombo galego, tampouco muiñeiras e xotas que eu puidera empregar, libres de dereitos", di Cernadas
“Non nos gustaría que dixeran que estamos a renovar o tradi. O tradi está perfecto como está, isto é como a nosa visión dende unha perspectiva externa”, aseguran os produtores musicais Juait e crnds (Cernadas), amigos e colaboradores dende os seus inicios e cunha traxectoria ascendente como creadores. Presentan un ‘sample pack’ en colaboración co músico Xabier Díaz centrado na pandeireta galega. Que é iso? Pois un paquete de mostras cunha selección dos patróns rítmicos máis representativos da música tradicional galega, interpretados por Díaz coa súa pandeireta e gravados con mimo por Juait e crnds, que tamén o edita dende o seu selo discográfico Lindisfarne.
“A idea xurdiu un ao ver a necesidade, á hora de producir música, de que sempre que quería empregar unha pandeireta, un pandeiro galego, ou algún tipo de patrón rítmico da música tradicional de aquí non o tiña accesible –conta Cernadas–. Non había nin timbres tradicionais de aquí, nin pandeireta galega, nin pandeiro nin bombo galego, tampouco muiñeiras e xotas que eu puidera empregar, libres de dereitos”. Isto non pasa se o que queres empregar é unha percusión brasileira porque na rede están dispoñibles multitude de paquetes de mostras e outros recursos útiles. E, salientan, é importante ter os sons do tradi tamén dispoñibles para ‘arrastrar’ ata o programa no que crean música, pois o proceso creativo nun ordenador segue a beber moito da espontaneidade: “Se non podes probar, igual xa pasas diso”.
En definitiva, do que se trata é de poñer os sons da nosa música tradicional a convivir con outros. “Isto é unha ferramenta que está guai, pero a persoa que interpreta este sample ten que ser consciente de que o está deixando ir. Despois, esa mostra pode aparecer nun tema de... eu que sei, de Taburete, sabes? É dicir, as persoas que están cedendo a súa interpretación deben ter presente que iso logo se pode utilizar de calquera maneira, diso se trata en realidade. Non é un ‘sample pack’ para facer única e exclusivamente música tradi. De feito, no momento no que sacas do seu contexto a música tradicional podes xogar cos ritmos como queiras”, explican os produtores musicais.
"Collemos cinco micros para gravar unha soa pandeireta. Queriamos facerlle xustiza ao instrumento na gravación", conta Juait
Este primeiro paquete contén 55 mostras –30 loops, 11 one shots, 14 FX e 5 grooves– que se poden adquirir a través do sitio web de Lindisfarne. No momento no que se compra, estes sons poden empregarse libres de dereitos en case calquera contexto. Comezan colaborando con Xabier Díaz, acostumado a estar no estudio de gravación e moi esixente coa calidade das gravacións dos instrumentos de percusión. En concreto, da pandeireta. “Normalmente non se gravan as pandeiretas así, están sempre como de fondo, non se lles pon micrófono. A diferencia é que nós collemos cinco micros para gravar unha soa pandeireta. Queriamos facerlle xustiza ao instrumento na gravación”, debulla Juait. O segundo ‘sample pack’ desta serie xa está en camiño e contará coa interpretación, tamén da pandeireta galega, da música Fransy González.
A muiñeira, describe Cernadas, tende a representarse como tres toques que duran o mesmo tempo, pero na súa experiencia non é así: “Á parte das mostras en cru ofrecemos tamén outra cousa neste paquete. Eu levo tempo observando unhas características rítmicas concretas dos patróns principais da música tradicional galega, fun vendo que daba igual a persoa á que gravara no estudio porque todas o facían igual. No programa co que gravas hai como unha grade que divide o tempo en partes iguais e eu vía que cada vez que gravaba unha muiñeira había unha desviación con respecto a esa grade que ocorría sempre da mesma forma, daba igual que quen tocara fose Fransy González ou Davide Salvado”.

Juait, crnds e Xabier Díaz presentan o 'sample pack' de Lindisfarne no festival WOS de Santiago
Así, con este paquete de mostras decidiron incluír varios ritmos (grooves) que van permitir a quen o empregue ter de base o ritmo da muiñeira e engadirlle, poe exemplo, un sintetizador, e que a iso se lle poida acompañar unha pandeireta ou un pandeiro, todos os elementos comunicándose entre si. “Trátase de que se che apetece facer un bit coa muiñeira poidas facelo, que teñas ferramentas. Temos moitas ganas de ver como resulta e como a xente o implementa”, confesan.
O público do festival de creación contemporánea WOS de Santiago de Compostela vai poder asistir en directo á interpretación de todos estes sons incluídos no 'sample pack' con Xabier Díaz e a súa pandeireta e Juait e crnds aos mandos. A sesión é este sábado ás 12 horas do mediodía no auditorio da sede de Afundación. Alí compartirán este primeiro experimento que queren ampliar a outros instrumentos de percusión do país, así como a cousas do repertorio vocal, con afinacións concretas de aquí. O obxectivo: que a música tradicional galega non teña barreiras.