40 anos de autogoberno: máis persoas facendo e consumindo cultura pero menos investimento público

Público asistente ao Culturgal, nunha imaxe de arquivo © Culturgal

O CCG publica un documento que recolle, escolma e analiza 40 anos de cultura galega a través das estatísticas, datos que amosan o progreso xeral tanto a nivel económico, de emprego e infraestruturas como a nivel dos propios hábitos persoais da poboación

40 anos dan para moito. Dende hai uns meses Galicia está a conmemorar o 40 aniversario dun gran número de fitos: a aprobación do Estatuto de Autonomía, das primeiras eleccións ao Parlamento galego, da constitución da primeira cámara de representantes, ou a da aprobación de leis fundamentais para o desenvolvemento do autogoberno e a defensa da lingua e cultura galegas, como a Lei de Normalización. Unha conmemoración na  que dende Praza.gal tamén afondamos a través do podcast Retrocorenta. Galicia mudou por completo nestas catro décadas e na maior parte dos aspectos esta mudanza foi para mellor. Por exemplo no ámbito da cultura.

Hai uns días o Consello da Cultura Galega -que tamén está a celebrar o seu 40 aniversario- publicou un documento que recolle, escolma e analiza 40 anos de cultura galega a través das estatísticas, datos que amosan o progreso xeral da cultura do país tanto a nivel económico, de emprego e infraestruturas como a nivel dos propios hábitos persoais da poboación, cun consumo de cultura moito máis intenso e maioritario que nos inicios da década dos 80 do pasado século.

O informe do CCG salienta as "tendencias positivas" que os datos revelan con claridade, pois mentres que hai 40 anos os hábitos e prácticas culturais de Galicia se situaban moi por debaixo da media do Estado español, na actualidade os indicadores galegos melloran á media estatal. De igual xeito, neste tempo duplicouse o número de empregos no sector cultural galego ou a produción de cultura en lingua galega. As principais pexas hai que buscalas na redución relativa do investimento público en cultura, que hoxe representa unha porcentaxe do PIB inferior á dos anos 80.

 As principais pexas hai que buscalas na redución relativa do investimento público en cultura, que hoxe representa unha porcentaxe do PIB inferior á dos anos 80

Entre as causas que están detrás deste maior desenvolvemento do sector cultural en Galicia, o Consello da Cultura destaca "o progreso e a conquista de maiores liberdades", que favoreceu "a accesibilidade da cidadanía á realización de actividades culturais no seu tempo de lecer". De igual xeito, salienta "o proceso de transferencia de competencias da Administración central ás comunidades autónomas iniciado na década de 1980", o mesmo que "a aprobación de leis fundamentais para a protección e o fomento da cultura e lingua galegas na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia". 

Entre as causas da mellora, o CCG saienta "o proceso de transferencia de competencias da Administración central ás comunidades autónomas" e "a aprobación de leis fundamentais para a protección e o fomento da cultura e lingua galegas na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia"

En 1983 os fogares galegos contaban con moitos menos reprodutores de música, televisión e vídeo que a media do Estado e, por suposto, con moitos menos libros. Tamén había nas cidades e vilas galegas moitos menos cines e teatros que no resto de España, e moitos menos auditorios, casas da cultura ou salas de exposición.

As mudanzas son evidentes. Hai corenta anos apenas o 37% da poboación galega lera algún libro no trimestre anterior, fronte ao 55% que o afirma na actualidade. Aumentou tamén a lectura de prensa e a asistencia ás bibliotecas e mesmo a porcentaxe de persoas que merca libros habitualmente. En todos estes indicadores, ademais, Galicia mellora agora as medias estatais, mentres que a comezos dos 80 os datos galegos estaban entre os máis baixos de todas as comunidades autónomas.  

Hoxe os fogares galegos teñen unha media de 215 libros, fronte aos 75 de hai catro décadas

Outro indicador que reflite isto é o do número de libros que hai nos fogares galegos, unha media de 215 na actualidade (194 no Estado) fronte aos 75 de hai catro décadas (108 no conxunto de España). A porcentaxe de fogares con máis de 100 libros pasou do 12% ao 35%, claramente por riba do 28% estatal.

No que atinxe á asistencia ao cine ou ao teatro ou á asistencia a concertos de música ou a exposicións, iso si, os cambios son menores. Con todo, tamén amosan como a evolución seguida polos hábitos de consumo cultural en Galicia foi máis positiva que no resto do Estado.

En todos estes indicadores, ademais, Galicia mellora agora as medias estatais, mentres que a comezos dos 80 os datos galegos estaban entre os máis baixos de todas as comunidades autónomas

En canto á existencia de infraestruturas e espazos culturais, a mudanza si que é clara. O número de teatros aumentou notablemente en Galicia (de 58 a 96), a cifra anual de representacións duplicouse e o número total de espectadores e espectadoras multiplicouse por catro.

Algo diferente é a situación do cine, un ámbito no que mudou de forma importante o contexto de consumo e as formas de distribución. Segundo as estatísticas, o número de cinemas caeu de forma considerable (de 157 a 38), aínda que moitos deles son agora multisala, polo que o número total de salas si aumentou. O que tamén decreceu foi a cifra total de filmes distintos exhibidos cada ano en Galicia, que pasou de 1.834 a 511. Menos variedade de oferta, dende logo.

O número de teatros aumentou notablemente en Galicia (de 58 a 96), a cifra anual de representacións duplicouse e o número total de espectadores e espectadoras multiplicouse por catro

Como 40 anos dan para moito, nestas catro décadas a cultura tivo que afrontar numerosas e variadas crises, que impactaron no sector de forma importante, tanto a nivel económico como de hábitos. Os datos que debulla o informe revelan o forte impacto que causou, por exemplo, a Gran Recesión iniciada en 2009, ou o efecto que tivo a pandemia de COVID, que levou a importantes mudanzas no consumo cultural, incrementando o que se realiza nos fogares, pero prexudicando gravemente á asistencia ao que ten lugar en recintos pechados, como concertos, cines ou teatros.

A porcentaxe de títulos publicados en galego descendeu un chisco, do 44,6% ao 40%, unha caída compensada pola mellora das cifras totais

No que atinxe á publicación de libros, tamén hai un aumento moi claro, pois a cifra de obras inscritas anualmente no ISBN en Galicia multiplicouse case por cinco. Tamén o fixo nunha proporción moi semellante o número de libros publicados en galego, que pasou de roldar os 200 a superar amplamente os 800. A porcentaxe de títulos publicados en galego en Galicia descendeu iso si un chisco, do 44,6% ao 40%, unha caída compensada pola mellora das cifras totais.

Os 36.500 galegos e galegas que traballan no sector cultural -o dobre que hai catro décadas- están nun ámbito moito máis "profesionalizado" que no ano 1983

Hai 40 anos unicamente o 1% dos traballadores e traballadoras galegas dedicábase a actividades ou ocupacións culturais, a metade que no conxunto de España. En cambio, hoxe en día esa porcentaxe ascende ao 3,3%, practicamente a mesma magnitude que a que se detecta para o total do Estado  Estes 36.500 galegos e galegas que traballan no sector cultural -o dobre que hai catro décadas- están nun ámbito moito máis "profesionalizado" que no ano 1983, un momento no que moitas destas actividades "se cubrían con persoal amador, voluntario e/ou non remunerado, o cal hoxe en día é claramente menos frecuente", destaca o informe. 

O informe do CCG destaca que "unha das grandes achegas á cultura galega dos últimos corenta anos foi a dotación dunha infraestrutura pública básica, que no inicio dos anos oitenta do pasado século era claramente deficiente"

O informe do CCG destaca que "unha das grandes achegas á cultura galega dos últimos corenta anos foi a dotación dunha infraestrutura pública básica, que no inicio dos anos oitenta do pasado século era claramente deficiente". "Ademais da precariedade laboral e a escasa profesionalización sinalada, as propias instalacións eran deficitarias, moitas atopábanse pechadas por diferentes razóns e as dotacións que tiñan eran claramente insuficientes", sinala o documento, que conclúe que "a mellora xeral dos equipamentos e a súa extensión polo territorio contribuíron á democratización da cultura". 

Tamén aumentou notablemente o número de bibliotecas en funcionamento en Galicia, especialmente o número de bibliotecas públicas (de 98 a 222)

Falando de infraestruturas, tamén aumentou notablemente o número de bibliotecas en funcionamento en Galicia, especialmente o número de bibliotecas públicas (de 98 a 222), o mesmo que os seus fondos, multiplicados por seis. O incremento galego estivo por riba da media española e, de feito, o número de bibliotecas por cada 100.000 habitantes en Galicia, que en 1983 estaba por debaixo da media estatal, hoxe se sitúa claramente por riba.

O recoñecemento social do valor do patrimonio supuxo que, dos 5.543 inmobles que estaban catalogados en 1983, en 2021 a cifra se situase arredor dos 16.300, practicamente o triplo

O aumento da sensibilidade pola protección do patrimonio pódese medir a través da catalogación de bens de interese cultural. O recoñecemento social do valor do patrimonio supuxo que, dos 5.543 inmobles que estaban catalogados en 1983, en 2021 a cifra se situase arredor dos 16.300, practicamente o triplo. 

O documento tamén salienta que, en cambio, nestes corenta anos non mellorou o investimento público en cultura, medido na súa relación co PIB do país. "É evidente que as partidas económicas se incrementaron notablemente, pero a proporción do gasto en cultura con respecto ao total do gasto público minguou en todas as administracións", destaca o CCG, que detalla que o gasto da Administración xeral do Estado en cultura pasou de sumar o equivalente a 233 millóns de euros en 1985 a máis de 700 millóns na última anualidade dispoñible, pero o peso no conxunto do orzamento pasou do 0,35% ao 0,21%. O recorte medido en proporción ao PIB aínda é maior, xa que pasou de supoñer o 0,14% en 1985 ao 0,07% en 2020. 

A proporción do gasto en cultura con respecto ao total do gasto público minguou en todas as administracións

O mesmo se pode dicir do investimento da Xunta, que aínda que neste momento (datos de 2020) se sitúa en porcentaxes semellantes ás do ano 1985, está moi por debaixo das cifras que chegou a acadar entre 2000 e 2009, cando roldou o 1,3%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.