“Eu non estaba moi convencido, pero menos mal que me convenceron”. Así lembra Pablo López, un dos responsables da organización do Esmorga Fest, o xerme deste festival da música indie, xunto coa Escolma de Cinema Galego, converte a vila lucense de Sarria nun dos focos da oferta cultural galega dos primeiros meses do ano. As dúas citas teñen orixes distintas, mais mostran, como tantos outros eventos culturais do país -e en especial os realizados fóra das principais cidades-, que o público existe, se se dá coas chaves para atopalo.
O Esmorga Fest, que celebra os próximos 15 e 16 de marzo a súa quinta edición, naceu case por casualidade. De festas de aniversario que foron medrando. “Eramos tres amigos que iamos xuntos a todos os festivais. Cando chegaba a data do cumpre, xuntabamos grupos para tocar. Eu daquela estaba en Igloo e, claro, tiña amigos en varias bandas. Un ano fixemos unha festa de dous días, en dúas salas, con seis grupos. Tivo tanta aceptación que comezamos a pensar: e por que non facemos un festival?”, conta Pablo López. O Esmorga Fest, cuxos cabezas de cartel son este ano Toundra, Lagartija Nick e Carolina Durante, conta cuns 1.000 asistentes por día, moitos deles chegados de fóra de Galicia, de distintos puntos do Estado.
“Un ano fixemos unha festa de dous días, en dúas salas, con seis grupos. Tivo tanta aceptación que comezamos a pensar: e por que non facemos un festival?”
A Escolma do Cinema Galego en Sarria tivo a súa xénese, tamén, nunha confluencia de sensibilidades cara á cultura, aínda que o seu cerne fose máis institucional. Naceu, en concreto, da arela da concelleira de Cultura, Mónica López, por recuperar un espazo para o cinema nunha vila que, despois de chegar a ter seis cines, levaba desde os anos 90 sen ningún. “Falamos da posibilidade de levar adiante este proxecto e a ela entusiasmouna a idea”, lembra Alberte Branco, director da Escolma. “Metémonos con este proxecto” -explica- “nunha vila onde a programación cultural do goberno saínte é pobre, cunha veciñanza pouco ou nada afeita a ir ollar cine a unha sala. Só existía no 2014, e existe, o Cine Clube Unión - Leslie Nielsen, que integramos como parte dos colectivos que tiñan que estar na Escolma".
Alberte Branco tivo claro desde o principio que a aposta ía ser, partindo das propostas dos e das cineastas galegos de hoxe, tentar deixar de lado “as linguaxes máis comerciais”, co obxectivo, ademais, de “involucrar a colectivos, o asociacionismo e a veciñanza sarriá”, cunha fórmula, quizais -a da integración da comunidade- que tiña dado moi bos resultados noutros lugares do país, coma a parroquia de Cans, en Porriño, sede do moi coñecido Festival de Cans.
“Alberte Branco tivo claro desde o principio que a aposta ía ser, partindo das propostas dos e das cineastas galegos de hoxe, tentar deixar de lado “as linguaxes máis comerciais”
A resposta foi, na opinión de Branco, xa desde os inicios, máis que satisfactoria. “Contra todo prognóstico, as nosas dúas sedes actuais, a Casa da Cultura e a Asociación Cultural La Unión, estiveron ateigadas en todas as sesións, cun abano amplo de idades, entre os 18 e os 70 anos. Lembro que na primeira edición na Casa da Cultura, cun aforo de 124 persoas, a sesión con menos público tivo 45 persoas, e na que máis foi un case cheo. Había só seis cadeiras baleiras”.
O proxecto estaba tamén ben definido desde os seus comezos, na súa orientación artística, no caso do Esmorga Fest. O repaso do cartel permite deducir facilmente que se procura a heteroxeneidade dentro dunha liña. “Temos de todo. Outros anos tiramos máis para a electrónica. Este ano quixemos máis guitarra, con grupos postnoise, postrock ou postmetal… Traemos grupos que nos gustan, e o que procuramos é non repetir a axenda doutros festivais, porque ás veces o que acaba pasando é que están os mesmos grupos en todos os lados. Nese sentido, tentamos que haxa unha coherencia, dentro dun cartel ecléctico”, indica Pablo López. Ademais dos xa citados Toundra, Lagartija Nick e Carolina Durante, estarán no Esmorga Fest deste ano Ànteros, Sierra, Apartamentos Acapulco, Za!, Tuya, Bestia Bebé, Dûrga, El Lado Oscuro de la Broca, Voltaica e Perro.
“Temos de todo. Outros anos tiramos máis para a electrónica. Este ano quixemos máis guitarra, con grupos postnoise, postrock ou postmetal”
Houbera, antes do Esmorga Fest, outros intentos de crear un festival musical potente nunha vila que, segundo Pablo López, si existía unha tradición musical máis ou menos consistente. “Estabamos Igloo, Disco Las Palmeras e outras bandas, pero sobre todo o que si había era xente que se movía para ir a concertos e festivais”, apunta.
Este substrato cultural musical, xunto co apoio da concellería de Cultura e dos demais patrocinadores, alén do das entidades colaboradoras, fixo posible que o Esmorga Fest fose medrando. As bandas convidadas “fan por vir”, subliña López, mais “se Sarria non se tivese involucrado, tería sido moi difícil, claro”. O equipo organizador do festival -apenas media ducia de persoas- constituíse en asociación sen ánimo de lucro, polo que os beneficios, de existir -a entrada para os dous días custa este ano 25 euros, 30 en billeteira-, reverten na organización do seguinte Esmorga Fest. “Facemos bastantes números, si. Este ano a aposta é a máis forte e imos algo xustos, pero ao final sempre sae ben”, afirma.
A Escolma de Cinema Galego tivo, pola súa banda, na súa primeira edición, o apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo, o que permitiu organizar unha programación de tres días. Mais “ao ano seguinte houbo un cambio na área de Cultura da Deputación. Quen entra despois non ve interese nesta mostra, o que provocou que tiveramos que reducir a un día a Escolma, podendo manter a música en directo, que é unha parte fundamental do programa. Ao poder experimentar distintos formatos, decatámonos ademais de que dous días é o ideal para non esgotar o público. Formato que levaremos adiante nesta cuarta edición”, salienta Alberte Branco.
“Ao poder experimentar distintos formatos, decatámonos ademais de que dous días é o ideal para non esgotar o público. Formato que levaremos adiante nesta cuarta edición”, salienta Alberte Branco”
O groso da programación da Escolma de Cinema Galego deste ano está formada por tres -heteroxéneas- películas feitas por mulleres: ‘Os fillos da vide’ de Ana Domínguez, ‘Trinta lumes’ de Diana Toucedo e ‘A estación violenta’ de Anxos Fazáns . As tres estarán co público tras a proxección dos seus filmes, o vindeiro 23 de febreiro. A entrada é libre e gratuíta, coma sempre nesta mostra, ata completar aforamento. “Escollín estes tres filmes” -comenta Branco- “pola súa calidade e por visibilizar as directoras que hai en Galiza. Temos que apostar por visibilizar as mulleres no cinema e responder ao desafío da igualdade. É unha débeda e unha obriga nuns tempos en que vemos como algúns queren facernos retroceder. Ademais, as súas obras teñen unha grande calidade, apostan por distintas linguaxes: pasamos dun documental a unha ficción e desta a un filme que transita entre o documental e a ficción. Son unha carteleira de luxo que deixa ver a riqueza que isto supón para o Cinema Galego”.
O groso da programación da Escolma de Cinema Galego deste ano está formada por tres películas feitas por mulleres: ‘Os fillos da vide’ de Ana Domínguez, ‘Trinta lumes’ de Diana Toucedo e ‘A estación violenta’ de Anxos Fazáns
A Escolma inclúe tamén unha retrospectiva da obra do director burelés Adrián Canoura, coa proxección de ‘Caerán lóstregos do ceo’, ‘Salitre nas veas’ e ‘O porco e o seu espírito’, o mesmo día 23 pola mañá no Cine Clube La Unión Leslie Nielsen. Pechará a velada un concerto de Baiuca, acompañado polas videocreacións de Canoura. A escolla da creación de Canoura -recoñecida en festivais independentes de distintas partes do mundo- amosa que a Escolma non teme non só a produción contemporánea, senón tampouco a súa vertente máis experimental. “A miña experiencia”, di Branco, “dime que ao público temos que amosarlle o que as e os nosos cineastas están facendo, non ter medo á súa reacción, confiar na súa intelixencia. O contrario sería como se na pintura só puideramos ver o clásico e pecharamos as portas a toda as vangardas, como se lles quixeramos impedir ver un Kandinsky! Ninguén o entendería. Co cine pasa o mesmo”.
A miña experiencia”, di Branco, “dime que ao público temos que amosarlle o que as e os nosos cineastas están facendo, non ter medo á súa reacción, confiar na súa intelixencia”
A confianza na resposta do público é tamén motor non só da continuidade do Esmorga Fest, senón dos seus plans de futuro. “Aínda que o que nos preocupa agora é que todo saia ben no festival deste ano, si que nos gustaría chegar a ter un espazo para un aforo máis grande”, di López. Este ano, comenta por último, a venda de entradas avanza a bo ritmo, aínda que parece que case se compran máis desde o resto do Estado que desde Galicia, polo que o festival ten aí aínda un camiño por andar -xunto con, talvez, unha maior presenza galega na escolla das bandas-. Polo demais, non parece -como pasa en Viveiro co Resurrection, por poñer un exemplo- que o non sempre fácil transporte a unha vila sexa un obstáculo para que acolla unha cita cultural importante. Por se alguén -aínda- o dubidaba.