"Se as protagonistas desta novela tivesen saúde mental non habería vinganza"

Antía Yáñez © @stillpablou

"Interesábame contar como se desencadea a violencia", salienta Antía Yáñez sobre 'O clan das barbies', que vén de publicar Xerais

Antía Yáñez (Burela, 1991) presenta unha historia que pode parecer distópica na que unha clínica de fertilidade provoca a catarse nas vidas de tres persoas que deciden actuar da maneira que menos se esperaría delas. O clan das barbies, que publica de novo con Xerais, ten a extensión xusta para narrar como medra a espiral da violencia nestas personaxes porque para a autora a ficción está precisamente para contar o que na realidade non sucede. Con esta terceira novela para o público adulto Yáñez non se despista das súas historias na Literatura infantil e xuvenil e xa está rematando a que será a segunda parte de Be Water, que publicará neste 2025 a editorial Cuarto de inverno.

A rabia é central na historia, sentiuna para comezar escribir esta novela?

Non foi tanto a rabia como que me gustan moito as historias de vinganza. Véxome canta película ou serie haxa e estaba un pouco farta de ver a Liam Neeson duascentas cincuenta veces vingando á filla, á muller, á avoa, á tía-irmá, á curmá-segunda... E claro, chega un momento no que te preguntas por que non son elas as que o fan, en lugar de facer sempre a mesma película, que as vexo todas, pero é un pouco canso. Comecei a buscar historias nas que se vingasen as vítimas ou as mulleres e vin que había moi poucas. Agora comeza a haber máis, pero cando empecei con isto eran moi poucas e a maioría delas eran de serie b. Isto foi antes de que saíra o filme Una joven prometedora en 2020, que tivo moita publicidade, pero eu xa viña de moitos anos atrás buscando estas películas. De feito, agora fálase moito de La sustancia e a súa directora, Coralie Fargeat, ten un filme anterior que se chama Revenge que me encantou.

Eu quería divertirme escribindo porque se eles poden facer cousas de vinganza, nós tamén. Ao principio as etiquetas axudáronme a definir a historia que quería escribir, mais axiña decateime de que o noso era vinganza rosita, feminine rageou vinganza feminina e o deles vinganza a secas. O de sempre, o deles é universal e o noso ten que levar apelidos; e iso proíame moito.

Capa da novela 'O clan das barbies' © Xerais

Que dificultades tivo á hora de construír esta historia de vinganza?

O que máis me obsesionaba a min era a evolución, como pasas de ser unha persoa abusada a ser a executora da vinganza, como é ese cambio de vítima a verdugo. Entón, empecei a buscar respostas á pregunta de por que as mulleres empregan a violencia en moita menor medida que os homes. Non nacemos cun xene da non violencia e eles con el. Mirei os datos da poboación reclusa en España e case o 95% son homes. Por que non podiamos as mulleres vingarnos con violencia coma eles? Esta era unha das principais teimas que tiña coa novela.

Conta no libro que a escritura desta novela foi unha viaxe tamén para vostede e que supuxo un camiño longo a causa das inseguridades.

É que cando comecei escribir non tiña inseguridades porque non tiña expectativas, facíao porque me apetecía, e agora que xa levo anos escribindo empezo a ter pensamentos do tipo: ‘será igual de bo que o que fixen antes?’, ‘estarei empeorando?’, ‘terá igual de éxito que a anterior? Ou terá menos?’, ‘e se isto non é o que esperan os lectores?’. A primeira novela para adultos escribina sen expectativas [Senlleiras, Premio Illa Nova de Galaxia 2018] e a segunda trata un tema que controlo moito [Non penses nun elefante rosa, Xerais 2022]. Con esta sabía tamén o que quería escribir pero xa había máis preguntas de fondo: ‘isto permitirame seguir sendo escritora?’, ‘terei que buscar outro traballo porque isto non dá?’.

"Creo que a culpa está intrinsecamente relacionada co xénero"

A culpa é consecuencia do pecado, pero non fomos nós quen pecamos”, escribe nun momento da historia. Que papel xoga a culpa neste libro?

A culpa nas mulleres é moita maior ca nos homes, desde o principio dos tempos ensináronnos a sentirnos culpables por multitude de cousas. Se temos moitas parellas sexuais, culpables; pero se temos poucas somos culpables tamén. Somos nais, culpables porque o facemos todo mal. Que non somos nais, culpables porque somos unhas egoístas... Creo que a culpa está intrinsecamente relacionada co xénero, realmente non é que non sintamos culpables porque fagamos cousas malas, está aí porque si, ten todo que ver co xénero e moita relación coas expectativas que se poñen sobre nós, as mulleres.

As persoas que protagonizan a súa novela non son conscientes de que arrastran esa culpa ata que se ven xuntas, é o poder do grupo?

Sempre digo que se esas tres persoas non se atopasen, seguramente non farían o que fan porque se retroalimentan. Moitas veces as mulleres non actuamos ao ver que somos nós as agredidas, senón ao ver que se agride a outros. As mulleres maltratadas, en moitas ocasións, atopan as forzas para reaccionar ou marchar cando ven que os seus fillos tamén sofren. Así con todo, cando eu miraba as diferencias de xénero na poboación reclusa en España tamén se dicía que a maioría das mulleres que estaban no cárcere era por delitos menores moitas veces relacionados coas súas parellas ou fillos, case nunca por delitos de sangue. A novela é como unha ola a presión, que tiña que ir pouco a pouco subindo, e cando elas se retroalimentasen que estoupase todo.

'O clan das barbies' é a terceira obra de narrativa para adultos da escritora de Burela © @stillpablou

"Toda palabra que hai está por algo, está moi medido para crear ese ambiente que posto no chan é un círculo e cando o levantas é unha espiral que se vai retroalimentando"

Á hora de escribir, foi a viaxe máis real ata agora?

Non sei dicir se a máis real, pero si a máis medida. É unha novela moi curta na que condenso moitas historias, que pode ser considerado á vez o seu punto forte e o punto frouxo. Toda palabra que hai está por algo, está moi medido para crear ese ambiente que posto no chan é un círculo e cando o levantas é unha espiral que se vai retroalimentando. Ese efecto custoume bastante, por iso quedou coas páxinas que ten porque se alongase máis perdía forza: o que a min me interesaba contar é como se desencadea a violencia.

Esa violencia sobre os corpos das mulleres, e a súa relación co sistema capitalista, está moi presente na historia, pero tamén é un debate crecente na sociedade. A chamada xestación subrogada está a supoñer un reto incluso lexislativo.

Estou lendo o libro Neuromaternal (Ediciones B), de Susana Carmona, e nel conta como nunca antes se estudara o que sucede no cerebro das mulleres mentres estamos embarazadas e cando somos nais, e que agora as científicas que o están a facer son mulleres. A venta de órganos e o tráfico de órganos está prohibida, eu non podo vender un ril pero si podo alugar o meu útero e que unha parella que non ten nada que ver comigo decida se aborto ou non, que como durante o embarazo... Aí está de novo o nesgo de xénero.

As Clínicas Eva son un lugar central para a historia, por que escolle esta figura?

Pensei na primeira muller en ter fillos e escollín ese nome para a clínica de fertilidade. Ás veces os sitios resplandecentes e asépticos tamén poden dar moito medo. Cando lin unha nova sobre os transplantes de útero pensei en que no futuro poderían engancharnos máquinas e facer criadeiros cos nosos corpos. Por iso decidín que a novela fose unha distopía, porque este ‘avance’ non existe; e por iso se xoga desde o principio coa xestación subrogada.

"A barbie era o símbolo de que tiñamos que ser perfectas, sempre está aí ese perfeccionismo que se nos impón e do que vén a culpa, pois non somos perfectas"

Comezou coa novela antes de que se estrease a película de Barbie, dirixida por Greta Gerwig, por que optou por esta boneca?

Porque era o símbolo de que tiñamos que ser perfectas, sempre está aí ese perfeccionismo que se nos impón e do que vén a culpa, pois non somos perfectas. Ademais, unha das correctoras que me leu a novela en Xerais díxome que atopaba unha relación entre as barbies e que as protagonistas eran ‘bonecas rotas’. Entón, no momento que deciden que serán ‘bonecas rotas’, pero van romper algunhas caras máis, tamén se desfán das bonecas. Ao principio púxenas para falar desa perfección inalcanzable e da revolución das barbies, que parece que avanzamos moito co feminismo pero se non coidamos os nosos dereitos conquistados podemos dar pasos cara a atrás rapidamente.

En O clan das barbies escribe: “A beleza non é para os pobres”.

Historicamente os estándares de beleza de cada época sempre eran os contrarios dos que tiñan os pobres. Traballabas fóra da casa polo que tiñas a pel morena, entón, o canon de beleza era estar branca coma un folio. Agora é ao revés, o estándar de beleza é estar morena porque significa que tes tempo para poñerte ao sol ou cartos para ir ao solarium.

Relacionándoo coa súa novela anterior, pódese afirmar que a saúde mental tampouco é para pobres.

Pois por desgraza, non. Se as protagonistas desta novela tivesen saúde mental non habería vinganza. Terían apoio psicolóxico para superar todas as putadas que lles fixeron.

Case o máis distópico da novela é que estas persoas escollesen empregar a violencia e non toda as circunstancias ao seu arredor.

Todo o que pasa na novela seguramente pase antes que que as mulleres decidamos devolver coa mesma moeda o que nos dan. Imaxínate a todas as mulleres que foron vítimas das violencias machistas, que respondan da mesma forma... Acábase o mundo. Por iso a min tamén me gusta escribir ficción. Na miña vida son a persoa máis pacifista, pero nos libros o que me gusta é deixar voar a imaxinación. Por iso escribo ficción e non auto-ficción, non me importa lela pero escribila xa me custa máis. Por iso estas mulleres vínganse nos libros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.