Os límites entre o público e o privado, nun espectáculo no que o espectador pode moverse libremente polo espazo e interactuar cos artistas. A investigación sobre as converxencias entre a danza e o circo, xunto á posibilidade de coreografiar o circo. A integración de danza, circo e teatro improvisado. A exposición dos corpos, en relación co concepto de intimidade. Varias ideas alicerzaron Multiperspectivas #2, unha peza acabada de estrear por Paula Quintas na sala Agustín Magán, C.S.C Santa Marta, en Santiago. En realidade, máis que un espectáculo acabado, é un proceso constante investigación. Un proxecto vivo e cambiante cada vez que se materializa no seu encontro co espectador. Falamos con Paula Quintas.
Cal é a relación entre a peza Multiperspectivas #2 e a túa tese doutoral, Cuerpo, objeto, tiempo y espacio, como soportes de las artes performativas: límites y confluencias entre la danza y el circo contemporáneo en la España del S.XXI.
Son procesos paralelos. Cando fixen o marco teórico, o meu director de tese, Carlos Tejo, e eu, si que falaremos dunha parte práctica, que acabou materializándose en Multiperspectivas. É unha proposta sempre viva, pois segundo como vai evolucionando a tese imos creando diferentes cápsulas. O que puido verse no centro sociocultural de Santa Marta é a Cápsula #2 de Multiperspectivas. A primeira presentámola no festival Escenas do Cambio, e estaba vinculada ao Máster que fixen antes da tese. Esta primeira cápsula exploraba os límites, as converxencias, entre o o circo e a danza. Nace tamén da pregunta sobre se o circo é coreografiable. A danza e a performance camiñan máis xuntas da man a nivel histórico, pero o circo ten menos percorrido a este nivel multidisciplinar.
Eu fixera unha investigación previa no Trinity Laban, un conservatorio que está en Londres, e a partir de aí, e de estudar tamén na National Centre for Circus Arts, sempre me roldou a pregunta sobre se o circo era unha potencial forma coreográfica. Quero dicir, o circo é unha concatenación de formas pero, pódese grafar, é dicir, pódese escribir? Como se fose unha partitura musical, pero para facer co corpo. Cando fixen Cápsula #1 encontrei un traballo de Katrin Wolf, unha artista que investigou en Francia, no CNAC, sobre a notación coreográfica como sistema para retratar de forma gráfica o movemento, baseándose na notación Benesh e Laban. No mundo hai varios sistemas de notación coreográfica e eu especialiceime no de Laban. En resumo, que a idea é se o circo se pode escribir. En Cápsula #2 experimentamos, ademais de coa converxencia entre danza e circo que xa estaba na Cápsula #1, coa improvisación teatral.
En Cápsula #1 había unha estrutura de arames que producían sons ao tocalos…
Si. Esta primeira parte do proxecto xorde na pandemia. Había unha orquestración musical da estrutura de arames. A miña idea era que houbese participación do público, mais a pandemia imposibilitouno. Na segunda parte partimos de preguntas como, cando comeza o acto performativo? E tamén os límites entre o público e o privado. A partir de aí xorde tamén unha pregunta sobre que é a intimidade, en relación coa exposición do artista e co lugar do público. E os conceptos de oco e vertixe. No libro A veces me pregunto por qué sigo bailando: prácticas de la intimidad, coordinado por Óscar Cornago, Ana Sánchez Couso escribe sobre este tema. Asomarnos a través dun oco, explica, pode producir sensación de vertixe. E a intimidade pode entenderse coma un oco que permite a apertura ao outro. Entón, a sensación de vertixe podería vir da exposición, da vulnerabilidade que a intimidade implica.
En Cápsula #2 dilúense os límites entre o público e o privado, de feito, a través da interacción co público. A perspectiva do espectador é, tamén, un dos puntos de partida.
É unha reflexión sobre a relación co público: cando está dentro e cando está fóra. Que ten que ver coa privacidade, que leva ao concepto do íntimo. En realidade, Cápsula #2 muda cada vez que se fai. Tamén muda o espazo: na Estrada fixémolo no teatro, en Lugo no Museo Interactivo de Historia (MIHL)… É unha cápsula que ten que realizarse na práctica para seguir coa investigación, e para iso precisamos do público que nos acompañe nese instante, nese lugar. O público pode moverse como queira, como pasou en Santa Marta: o público non estaba sentado nunha cadeira. Podía sentar no chan, erguerse, desprazarse, para ollar outras perspectivas dende un lugar de instalación… É un proceso en pé, distinto cada vez.
Que é, tamén, unha forma de reivindicar o proceso, fronte á obsesión polo resultado.
Si. Tivemos que facer unha estrea, que foi a de Santa Marta, por cuestións administrativas, porque tivemos unha axuda á creación de Agadic. Pero eu, como creadora, neste caso pregunteime que é unha estrea. Multiperspectivas é un proxecto vivo, un proceso que, como dicía, é sempre diferente, segundo o contexto.
Entre outros motivos, por como reacciona o espectador aos convites de Antón Coucheiro para que participe. Mudando de tema, quizais non é habitual, polo menos en Galicia, mesturar danza contemporánea, circo (equilibrio sobre arame, en concreto) e teatro improvisado.
“Multiperspectivas é un proxecto vivo, un proceso que é sempre diferente”
Eu tampouco coñezo outros exemplos. A investigación é dura, e non hai cabida para este tipo de proxectos. Os programadores precisan un produto acabado para a compra, e este non o está porque está vivo. Levamos seis e, como dicía, é sempre diferente. E para nós é moi importante o intercambio coa xente, que está cerca de nós e, cando acabamos, pódese achegar. Prodúcese moito e, sobre todo en Galicia, non hai mercado para todo. Tamén porque segue a haber moito descoñecemento das artes corporais. A nosa idea é que haxa un Multiperspectivas #3, engadíndolle outras capas, como por exemplo unha apertura á interculturalidade. A reacción do público, por exemplo, pode ser diferente noutros contextos, por unha cuestión cultural.
O achegamento ao espectador é máis habitual, se cadra, no mundo da danza.
“Prodúcese moito e, sobre todo en Galicia, non hai mercado para todo”
A danza sempre tivo unha convivencia máis ampla con outras disciplinas, hibridando por exemplo con outros xéneros como a performance, como dicía ao principio. E o circo está comezando a híbridar nos últimos anos, achegándose a outros puntos de vista e de reflexión contemporánea, a esa distancia curta co espectador, a ese achegamento. Sobre todo no circo contemporáneo. En Galicia o que se fai é sobre todo novo circo, que non é o mesmo que o circo contemporáneo. No noso espectáculo, buscamos que o público se aproxime e poida, por exemplo, tocar as estruturas de arame. Queremos eliminar esa barreira. O cal volve levarnos aos límites entre o público e o privado. É dicir, non hai un espazo noso e un espazo do espectador. Non se espera que o público chegue e sente, ocupando un espazo determinado sen moverse. O público pode circular, saír…
Antón Coucheiro improvisa o texto segundo o que vaia pasando. En Santa Marta interactuaba bastante cos nenos e nenas, que eran unha parte importante do público.
Temos unha escaleta común. Chamámoslle protocolos, en improvisación teatral, en vez de falar de escaleta. Antón Coucheiro é o mestre de cerimonias, o guía que vai levando o público a través da palabra no percorrido da experiencia escénica. Trátase de xerar ambientes, pequenas escenas, en función do contexto.
En Santa Marta utilizábanse lanternas para a iluminación do espectáculo…
A iluminación pode afastar a xente porque te leva a un lugar escénico determinado. Queriamos probar con ambientes diferentes, pero vimos que non funcionaba moi ben. Pero si quedamos cunha cadencia lumínica distinta, que non é a propia dun teatro. Hai unha parte na que hai unha proxección, coa luz baixa e a utilización de lanternas. Nesta fase investigamos tamén cunha cámara de seguimento chamada Osbot, que xera unha multiplicidade de imaxes a través dunha lanterna. O efecto é triplicar ou cuadriplicar a imaxe, vendo a imane real con diferentes perspectivas.
Os intérpretes sodes ti e Antón Coucheiro. Arturo Cobas encárgase da intervención sonora e el mesmo e Rut Balbís son os directores da peza.
En realidade é unha cocreación dos catro. Stephanie Bouchard axudoume coa técnica de arame. Ao principio ían ser Arturo e Rut os directores, pero logo vimos que, ao ser un proceso aberto, é máis un diálogo entre todos nós, a partir do marco teórico da miña tese. Fomos, así, traballando nas diferentes fases do proxecto: Santa Marta, MIHL de Lugo, Culturgal, A Estrada… Despois de cada representación facemos un traballo de reflexión: que funciona e que non en cada contexto…
Unha das ideas máis presentes, relacionada coa túa tese, é o corpo, as formas de habitar o espazo.
“Ser observado pode crear incomodidade porque, dalgún xeito, invádese a túa zona de confort”
Si que falamos bastante, por exemplo, do equilibrio, da gravidade da suspensión… E aí está o corpo que habita, e como habita. Hai unha parte que chamamos xestualidades que ten que ver con acadar información sobre os outros corpos, sobre como habitan, como se dispoñen no espazo. Se están tensos ou relaxados… Porque chega un momento que o espectador pode decatarse de que está a ser observado. Non pasou en Santa Marta, pero noutras representacións xoguei cos nenos, con obxectos, bailei con algún espectador… E isto volve levarnos ao público e o privado. Ser observado pode crear incomodidade porque, dalgún xeito, invádese a túa zona de confort como espectador.
Estudaches a carreira de circo en Londres e especializácheste en arame. En Santa Marta bailabas sobre o arame, movéndote dunha maneira ou de outra segundo os sons que producía o público.
Si, especialiceime en arame tenso. A miña traxectoria artística vén da danza, onde o chan é o que prima como soporte. O circo permíteme bailar noutros planos, como o arame. Aí bailas en altura, nunha liña de once milímetros. Achegueime ao circo por iso, porque non quería bailar só no chan. As artes corporais viaxan cara tendencias multidisciplinares. No noso espectáculo o público provoca sons que eu reproduzo co corpo. Non pasou en Santa Marta porque non nos funcionou o dispositivo sonoro, pero neste espectáculo hai unha amplificación sonora das estruturas de arame que serve para que o público faga música. Nós observamos o público como entra nese xogo. Na Estrada, de feito, ao final nós sentamos no patio de butacas para ver como o público facía música ao tocar os arames, sendo elas mesmas o propio acto performativo.