Sete concertos e museos abertos ata as dúas da madrugada nunha nova noite branca en Vigo

Entrada do MARCO, que acollerá dous concertos da Noite Branca CC-BY-SA Elisardojm2

Coincidindo co evento, este venres 14 de agosto inaugúrase unha mostra sobre a carreira do escultor Silverio Rivas


Ata as 2 da madrugada volverán abrir os museos de Vigo na noite deste venres 14 ao sábado 15 de agosto. Será unha nova edición da Noite Branca que desta volta contará con sete concertos repartidos por toda a cidade e eventos adaptados ás restricións polo coronavirus.

Coincidindo coa Noite Branca, o venres inaugurarase na Casa das Artes, ás 20 horas, a mostra Silverio Rivas. Mente-Materia, cunha síntese dos últimos 50 anos de traballo do escultor que ten na cidade algunhas das súas obras máis representativas, como a Porta do Atlántico que preside a praza de América.

Imaxe nocturna da Porta do Atlántico, de Silverio Rivas, en Vigo, que este venres celebra a súa noite branca cunha mostra do escultor © Concello de Vigo

Pola súa banda, a Pinacoteca abrirá unha mostra coas novas incorporación de arte galega no período 2015-2020 entre as que destaca a obra de Tomás Barros, dúas series de tintas de Isaac Díaz Pardo ou a presenza reforzada de Abelardo Bustamante, Carlos Sobrino, López Garabal ou Xosé Guillermo. 

O Verbum desenvolverá o proxecto Verbum Creativo, un espazo de creación artística en vivo coa participación activa do público en diferentes actividades e disciplinas. 

O Museo Liste programa unha charla a cargo de Xavier Castro Pérez, catedrático de historia e escritor, baixo o título “Festas gastronómicas galegas no verán e cociñeiras de batalla”.

E poderán visitarse as exposicións permanentes de toda a rede museística viguesa.

Na presentación do programa o alcalde gabou “a rede de museos municipais máis importante de ningunha cidade de España”

Ademais, o goberno municipal programa sete concertos: Atlántica -músicas de Cabo Verde e Arxentina- no Monte do Castro; Grupo 1500 de música antiga no xardín do Pazo Quiñones de León; concerto de ORDET na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego; na Casa Galega da Cultura, a banda viguesa de swing e blues Frasquita Vintage; o cantor portugués Eliseu Matos na Casa das Artes e sesión dobre no Marco con Son Trío ás 23 horas e Hight Paw á unha da madrugada.

Na presentación do programa da Noite Branca, o alcalde, Abel Caballero, apuntou que nesta edición se mantén a “filosofía de gratuidade, sostibilidade e participación” na que cualificou como “a rede de museos municipais máis importante de ningunha cidade de España”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.