"Ten que haber unha descentralización na SGAE que reflicta a diversidade do Estado"

Antón Reixa CC-BY-SA Dorfun

Antón Reixa enfronta nas vindeiras semanas dous retos. Un máis fugaz, pero se cadra máis emotivo: o regreso dos Resentidos nun concerto único, o 12 de maio en Ourense, que acompaña a publicación do disco de homenaxe A tribo toda baila. O outro, a posibilidade case segura de asumir a presidencia da SGAE co reto a adaptar a xestión de dereitos de propiedade intelectual a un novo contexto tecnolóxico e social ao que a industria cultural veu chegando tarde estes últimos anos.

Cos Resentidos pasaba algo curioso. Parecía que ningún grupo os reivindicaba de forma explícita, parecía que non había unha ligazón clara co pop-rock que se fixo despois en Galicia, máis identificado co bravú nun casos ou con referentes foráneos noutros. A excepción era, por exemplo, Ataque Escampe, que xa no seu primeiro ep cantaba aquilo de Non teñas medo, así son as cousas. E que veña Antón Reixa e nos baixe a hostias!. Seguramente se debía en parte ao propio eclecticismo dos Resentidos, do punk ao pop, do rap á cumbia china. Ou á súa orixinalidade, difícil de imitar.

Con este disco de homenaxe nas mans sodes máis conscientes do voso legado, da influencia que exercede no pop-rock galego?

Nunca tivemos conciencia de ningún tipo de transcendencia do que facíamos, traballabamos sempre coa inmediatez e a enerxía de facer as cousas porque nos interesaba facelas, porque desfrutábamos. Nacemos no 82 e a partir do 84 vémonos abocados ao profesionalismo, co que non contabamos. E unha das alegrías deste tributo é ver como estas 19 cancións supoñen un punto de vista novo sobre parte do noso repertorio. Tiñamos unha carencia rara, que eramos moi pouco imaxinativos para tocar as nosas propias cancións de forma imaxinativa, gravábamos e tocábamos en directo de foma parecida. E despois tamén nos vemos reconfortados por unha cuestión de tipo estatístico: mentres nos anos oitenta nós eramos o único grupo de pop que cantaba en galego, agora hai moitísimas bandas que militan no rock, no pop ou no techno e tamén no galego, e iso é moi importante.

Mentres nos anos oitenta nós eramos o único grupo de pop que cantaba en galego, agora hai moitísimas bandas que militan no rock, no pop ou no techno e tamén no galego, e iso é moi importante

Chamaba a atención o coñecemento que tiñades, e como o aplicábades na vosa música, da música que se facía nese tempo: Devo, The Residentz, Cabaret Voltaire, Talking Heads...

Tiñamos unha visión moi internacional da música, que estes grupos tamén comparten. Iso debeuse á riquísima discoteca de Rubén Losada, tamén á enorme xenerosidade de Julián Hernández de Siniestro, e despois había un rigor máis clásico de pop e de r&b de Alberto Torrado e Javier Soto, e todo iso conformou as influencias do grupo. Dialogábamos con moita sinceridade con ese repertorio, non nos sentíamos menos orixinais por facelo. Tamén facíamos o noso tributo a eses grupos que nos interesaban.

Foi unha mágoa que non se aproveitase ese momento para crear unha industria musical potente en Galicia. Asúmoo como unha frustración. No ano 90 tentamos asumir ese papel producindo o primeiro disco dos Diplomáticos, pero foi un esforzo que non tivo continuidade.

Antes era máis facil para un grupo ser coñecido?

Era moito máis fácil antes, sobre todo porque nos anos oitenta os grupos de pop eramos unha novidade sociolóxica, despois da ditadura e da Transición, e despois de que nos anos setenta se levase máis o rock sinfónico cantado en inglés. Os oitenta foron unha conquista popular do lecer, despois dos anos Transición. Pero hai unha frustración, que xa detectamos daquela: toda a miña discografía, con Resentidos e con Nación Reixa, desenvolveuse en Grabaciones Accidentales e despois cunha compañía vasca. O que quero dicir é que non se xerou unha industria musical forte en Galicia que lle dera eco e resonancia á música que se empezou a facer nos noventa, que era bastante mellor en estética e en técnica do que fomos nós.

Pero o que vexo dende o presente é que foi unha mágoa que non se aproveitase ese momento para crear unha industria musical potente en Galicia. Asúmoo como unha frustración. No ano 90 tentamos asumir ese papel producindo o primeiro disco dos Diplomáticos, pero foi un esforzo que non tivo continuidade. Nos 90 houbo un feliz rexurdir da música folk e o pop-rock quedou relegado, ao meu ver de forma inxusta.

Sempre que se volve ao pasado hai unha mitificación. Pero hai unha cousa que segue sendo un valor e que se bota de menos: Aqueles foron tempos frívolos, moi frívolos, pero foron tempos dunha tremenda tolerancia e creatividade

Canto hai de mito na imaxe que quedou da Movida?

Sempre que se volve ao pasado hai unha mitificación, os retrovisores sempre producen unha certa distorsión do que reflicten. Pero hai unha cousa que segue sendo un valor e que se bota de menos: Aqueles foron tempos frívolos, moi frívolos, pero foron tempos dunha tremenda tolerancia e creatividade. Para nós foron os mellores anos da nosa vida. E esa liberdade e esa tolerancia é añorada por moitos artistas e afeccionados á música, e é lóxico que se volva a mirada atrás. Aquel contexto libertario e aberto de creación non se volveu repetir. En canto ao que é a pulsión creativa, había dúas cousas: a absoluta inocencia e espontaneidade de todos os que estabamos alí, non lle dabamos importancia; e tamén que todo o que agora se engloba como a movida de Vigo, ou a movida de Galicia, nós non o percibiamos como tal. Non tiñamos unha visión homoxénea nin trascendental. 

Ataque Escampe dixo nunha entrevista que a influencia que exerceran Os Resentidos neles se expresa na convición de que hai que tratar o público coma se fosen maiores de idade. Iso tiña moito que ver coas túas letras...

O das letras era unha devolución que lle facía ao grupo por ser un analfabeto musical. Iso era moi típico das bandas punkies, o que non sabía tocar un instrumento, pero escribía as letras acababa cantando. Debe ser por iso que me preocupaba de traballar moito as letras. As letras eran importantes, pero tamén creo que a proposta dos Resentidos terá sido imposible sen esa proposta musical tan heteroxénea e tan internacional.

Pero tamén grazas a esas letras Os Resentidos falaban do presente, adquirían ese compromiso: reconversión industrial, inmigración...

Todas esas cuestións volven perversamente contra nós, como unha espiral. Fíxate onte, nas manifestacións do primeiro de maio un dos temas máis recorrentes era a crise do sector naval en Galicia, que foi unha das referencias épicas que tivemos os grupos nos anos oitenta. Ou Abdul, e a multiculturalidade na sociedade actual. Son as cousas que lle dan valor á música, a súa capacidade de permanencia e vixencia histórica.

Fomos a primeira xeración de galegos e galegas sen complexos, asumíamos a nosa condición de ser de Galicia con absoluta naturalidade, con positividade

Nos oitenta asistimos a unha actividade cultural que semellaba que tentaba construír unha modernidade galega con identidade de seu. Todo iso quedou truncado?

Hai algo que nos marcou a todos, tanto os que utilizabamos o galego coma os que empregaban o castelán. Fomos a primeira xeración de galegos e galegas sen complexos, asumíamos a nosa condición de ser de Galicia con absoluta naturalidade, con positividade, e iso formaba parte da idiosincrasia de todo o movemento cultural de Galicia nos oitenta. Creo que o mellor diso permanece na colectividade creativa.

Vós triunfastes en todo o Estado cantando en galego. Sería posible algo así hoxe en día? É máis difícil agora?

Obxectivamente agora é máis difícil. Fundamentalmente debido á propia estruturación da industria musical e a unha certa desafección pola diversidade lingüística en España. Pero sempre hai excepcións esperanzadoras, como Manel ou o rock euskaldún, que se mantén vivo. Hai elementos para pensar que é posible.

Antón Reixa e a "camarada Vaca" Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.