'Tintin Reporter' xa se pode xogar en galego

Captura da versión en galego do videoxogo © Pendulo Studios

O pasado ano publicouse o videoxogo Tintin Reporter: Os Xarutos do Faraón, realizado por Pendulo Studios, que agora conta xa coa súa versión galega grazas á tradución levada a cabo por Paula Regueiro e Lois Agrelo coa revisión de Ana Doval

O pasado ano publicouse o videoxogo Tintin Reporter: Os Xarutos do Faraón, realizado por Pendulo Studios a partir da adaptación da banda deseñada As Aventuras de Tintín: Os Xarutos do Faraón. Lanzado inicialmente para PS4, PS5, Xbox Series X|S e PC, a pasada semana estreou a súa versión para Nintendo Switch. Pero, ademais, este novo lanzamente veu acompañado da versión en galego do xogo, grazas á tradución levada a cabo por Paula Regueiro e Lois Agrelo coa revisión de Ana Doval, como informaba Ramón Méndez a través da súa conta de X.

Paula Regueiro e Lois Agrelo son ex-alumnas da Universidade de Vigo, con conta cun título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV).

Captura de pantalla da versión en galego do videoxogo © Pendulo Studios

Na historia, cun coidado tratamento visual, Tintín e Milú van na procura da tumba do faraón Kih-Oskh, nunha viaxe que os leva por Exipto, India e Arabia; polo camiño acabarán tendo que investigar un caso de tráfico de drogas

Na historia, que conta cun coidado tratamento visual, Tintín e Milú van na procura da tumba do faraón Kih-Oskh, nunha viaxe que os leva por Exipto, India e Arabia; polo camiño acabarán tendo que investigar un caso de tráfico de drogas a través de distitos países orientais. A adaptación do xogo foi encargada no ano 2022 por Microids ao Pendulo Studios, con sede en Madrid.

Tintin Reporter: Os Xarutos do Faraón ten un prezo de 39,99 euros en PC e Switch e 49,99 euros en consolas PlayStation e Xbox. A súa mecánica de xogo combina os mellores elementos dos xogos de aventura e investigación. Co disfrace de investigador/reporteiro trátase de atopar pistas e resolver enigmas coa axuda duns diálogos de investigación acompañados de secuencias de vídeo e de persecucións en avión ou en coche.

O cómic orixinal é o cuarto álbum da serie As aventuras de Tintín. A primeira edición en galego chegou en 1986 da man da Editorial Juventud con tradución de Valentín Arias López, pai de Xela Arias.

Captura de pantalla da versión en galego do videoxogo © Pendulo Studios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.