Un videoxogo creado por alumnado do campus de Ferrol acada catro candidaturas aos Premios iokool PlayStation Talents

Integrantes de GamesPond (Alicia Puentes, Mónica García, Sergio García e Juan García) © UDC

A historia de Avy, unha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes opta ao premio á Mellor Historia Orixinal, ao Xogo coa Mellor Arte, ao Mellor Xogo para Prensa e á Mención Especial Compromiso PlayStation

O xogo “Avy, Fábulas da Noite”, nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), conseguiu catro candidaturas aos Premios iokool PlayStation Talents que promove Sony Interactive Entertainment España. 

A historia de Avy, unha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes opta ao premio á Mellor Historia Orixinal, ao Xogo coa Mellor Arte, ao Mellor Xogo para Prensa e á Mención Especial Compromiso PlayStation.

O estudio indie que consiga o máximo galardón recibirá un cheque por valor de 10.000 euros para o financiamento do seu proxecto e poderá optar ao apoio de PlayStation España 

Os integrantes do estudio Gamespond e antigos alumnos e alumnas do Campus Industrial de Ferrol, parte da Universidade da Coruña, Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García, optan tamén, xunto con outros 24 estudos, ao Premio ao Mellor Xogo do Ano. 

O estudio indie que consiga este galardón recibirá un cheque por valor de 10.000 euros para o financiamento do seu proxecto e poderá optar ao apoio de PlayStation España mediante o acceso a kits de desenvolvemento, á participación en sesións de asesoramento con profesionais de recoñecido prestixio da industria a nivel nacional e internacional así como recibir axuda para publicar o seu xogo en todas as súas plataformas e pór en marcha a correspondente campaña de promoción. 

Nos últimos meses os integrantes do estudio Gamespond veñen recibindo un gran número de premios e recoñecementos por Avy

A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro martes 12 de decembro, ás 19:00 horas, en Madrid. Con todo, o evento, no que se conmemora o décimo aniversario destes galardóns, poderá seguirse en directo a través da canle de Twitch de PlayStation España. 

Nos últimos meses os integrantes do estudio Gamespond veñen recibindo un gran número de premios e recoñecementos por Avy, entre eles o Premio ao mellor xogo cozy  no Indie Dev Day (Barcelona) ou o Premio especial da Crítica e o Premio á mellor arte na Kokoro Japan Expo (Vigo), ademais de ser finalistas na categoría de mellor xogo cozy no Guerilla Game Festival (Madrid).

Capturas de pantalla do videoxogo 'Avy' © Gamespond

"A industria do videoxogo en Galicia está nun momento efervescente", destacaba xa en 2019 nunha entrevista Luz Castro

"A industria do videoxogo en Galicia está nun momento efervescente", destacaba xa en 2019 nesta entrevista Luz Castro, socia e co-fundadora de imaxin|software e foi igualmente unha das fundadoras de videoxogo.gal (Asociación de empresas de contidos dixitais, animación e videoxogos), nunha conversa na que salientaba a posta en marcha do mestrado de videoxogos no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña e do grao en Creación Dixital e Animación e Videoxogos, tamén na UDC. "Hai moitas cousas que están xurdindo, estamos todos tirando para adiante, facendo o mesmo camiño. Estamos nun moi bo momento para crear esa industria en Galicia", concluía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.