O Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) medra e trasládase a unhas novas instalacións, de maior tamaño, que inaugura o vindeiro 10 de setembro. Este centro cultural mantense, iso si, en Cangas do Morrazo, pasando a ocupar un inmoble de 300 metros cadrados na Rúa Aragón, número 2, en pleno Casco Vello.
O sábado 10 de setembro ás 17:30 levarase a cabo a inauguración, que marcará o inicio do horario regular do MUVI: todos os sábados de 16:30 a 20 horas
O sábado 10 de setembro ás 17:30 levarase a cabo a inauguración, que marcará o inicio do horario regular do MUVI: todos os sábados de 16:30 a 20 horas. O acto de inauguración contará coas intervencións de Galo Martínez, Presidente da Fundación MUVI; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta; Luz Castro, Presidenta de Videoxogo.gal; Aurora Prieto, Concelleira de Cultura do Concello de Cangas; e Jacobo Martínez, Director do Museo do Videoxogo. Tamén confirmaron a súa presenza diferentes personalidades do ámbito cultural e da industria galega do videoxogo.
O MUVI abriu as súas portas hai dous anos e medio co impulso dos irmáns Jacobo e Galo Martínez, entusiastas do videoxogo que dende a década dos oitenta veñen adquirindo e conservando diversos dispositivos. "Os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, lonxe do tratamento maniqueo de moitos medios convencionais", destacaban nese momento.
O MUVI abriu as súas portas hai dous anos e medio co impulso dos irmáns Jacobo e Galo Martínez
O novo Museo é unha creación da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, que nace grazas ao apoio social, avalado polo Concello de Cangas e polo patrocinio de empresas e asociacións galegas: Balidea (patrocinador preferente), Lares, Iseltec, Aitire, Asociación Videoxogo.gal (colaborador no espazo “O videoxogo Galego”), imaxin|software (patrocinador do espazo “O videoxogo Galego”) e PuntoGal (patrocinador do espazo “O videoxogo Galego”).
O novo MUVI será un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do Videoxogo, con capacidade para máis de 100 persoas e amplas exposicións cambiantes sobre o medio
O novo MUVI será un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do Videoxogo, con capacidade para máis de 100 persoas e amplas exposicións cambiantes sobre o medio. Trátase dun espazo completamente novo, sete veces máis grande que o anterior, que conta con coleccións renovadas e con representantes de todas as tipoloxías de sistemas que conforman a historia do videoxogo.
Dende máquinas Arcade, pasando por videoconsolas, portátiles e dispositivos bidirecccionais, ata unha selección dos títulos máis influentes da historia do medio. Un lugar con decenas de pezas para tocar, experimentar e xogar. Ademais, contará con aulas e áreas de divulgación, que posibilitarán o desenvolvemento de proxectos no campo do videoxogo.
O nacemento do novo Museo ven avalado por unha vertente de liñas de investigación estratéxicas que darán soporte á renovación e reinvención anual do MUVI, apuntando á súa visibilidade máis alá do ámbito local. Por un lado, traballando coas tres universidades galegas, a través de convenios de colaboración con varias escolas e facultades do País.
A Fundación Museo do Videoxogo anuncia unha nova alianza co Museo Arcade Vintage de Ibi (Alacante) formulando a primeira gran colaboración entre museos de videoxogos de España
Por outro, no ámbito museístico, a Fundación Museo do Videoxogo anuncia unha nova alianza co Museo Arcade Vintage de Ibi (Alacante) formulando a primeira gran colaboración entre museos de videoxogos de España. A curto prazo esta colaboración culminará nun intercambio de pezas entre ámbolos dous museos, reforzando a presenza do mundo Arcade -un dos alicerces do videoxogo- no MUVI, e do que o prestixioso museo alicantino é un dos maiores expoñentes de Europa.
Alí conservarase e exporase de xeito interactivo o patrimonio cultural galego do sector, o seu corpus artístico e o total dos videoxogos comerciais dos últimos 25 anos
O MUVI manterá a súa entrada semanal de balde e redobrará o seu compromiso coa industria de Galicia, contando agora con zonas exclusivas de preservación e divulgación especificamente dedicadas. Alí conservarase e exporase de xeito interactivo o patrimonio cultural galego do sector, o seu corpus artístico, o total dos videoxogos comerciais dos últimos 25 anos e documentación sobre os autores, centros de ensino, entidades preservadoras e todas as asociacións e empresas que dalgún xeito forman parte dela.