O festival aposta este ano pola descentralización con actuacións en diferentes escenarios, parroquias, centros sociais e praias da localidade
Titiriberia, festival de títeres tradicionais chega neste 2023 á súa oitava edición con 24 funcións que se celebrarán en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo a a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Catalunya, Euskadi, Brasil e Portugal. Organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, o festival aposta pola descentralización e estenderase por diferentes escenarios, parroquias, centros sociais e praias da localidade.
“Rianxo volve ser, un verán máis, fogar para o teatro de monicreques”, di Comba Campoi, presidenta da asociación Morreu o Demo, quen participou na presentación desta oitava edición que "aposta de novo polos grandes principios de Titiriberia” apostando por "crear públicos e atoparnos co público no seu día a día, en pé de rúa, nas prazas, nos escaparates e nos campamentos da cativada, apoiando e axudando na conciliación”.
O programa deste 2023 achegaralle ao público unha visión dos grandes nomes do teatro de monicreques. O cartel combina formacións pioneiras dos bonecos en Galicia como son Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Trécola ou Viravolta con nomes consolidados con longa traxectoria como son A cova das Letras, Os monifates, Diáspora, Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, ou Títeres Alakrán.
Precisamente, estas dúas últimas formacións estrearán coproducións con Titiriberia nesta oitava edición. Alakrán ofrecerá o martes 25 e o mércores 26 O xigante Barriga Verde, un espectáculo de rúa que presenta o histórico personaxe galego do teatro de cachaporra en gran formato. Pola súa banda, Seisdedos ofrecerá O Cego dos Monifates: Romance de Peito de Lobo o sábado 29.
As outras estreas de Titiriberia serán a tamén coprodución de Coa música a outra parte, de Trécola, o xoves 27; As Varitédes de Barriga Verde, que reunirán o venres 29, baixo a condución de Clara Gayo, as actuacións de artistas como Santi Prego, Ura Vázquez, ou Títeres Alakrán, e A Festa dos monicreques, pasarrúas de Viravolta, Tïteres Alakrán e Vai de Roda, outra produción propia que inaugurará o festival o luns 24 ás 13.00 horas.
Para pechar o programa, contarase un ano máis coa implicación de Teatro Airiños. A histórica formación celebrará no Titiriberia o seu 90º aniversario o domingo 30 coa última representación de República Sideral, texto da tamén rianxeira Esther Carrodeguas merecente do Premio Barriga Verde para textos de monicreques que convoca de forma bienal a Xunta a través da Agadic.
Presenza exterior
O programa de funcións complétase coa participación de compañías procedentes do exterior. Dende Portugal, a compañía de Aveiro Red Cloud Teatro de Marionetas representará Dom Roberto; dende Cataluña, contarase coa participación dos titiriteiros Toni Rumbau e Eudald Ferré; dende Euskadi, chegará a compañía vasco-nicaragense Ostomila Títeres; e dende Aragón, a formación maño-brasileira Traspusteros, quen representará Marieta e o Boi Bumbá.
Os integrantes de Trapusteros (a investigadora brasileira Izabela Brochado e o titiriteiro maño Marcos Pena) impartirán un curso de formación sobre a dramaturxia no mamulengo, xénero popular brasileiro que protagonizará con máis de 30 bonecos unha das catro exposicións deste Titiriberia 2023. Outras dúas mostras retratarán os títeres de cachaparra de Europa e a historia do galego Barriga Verde e a cuarta, recolle xa dende a semana pasada nos escaparates de doce comercios locais figuras do repertorio artístico dos Monicreques de Kukas.
O programa de Titiriberia complétase cunha conferencia de José Luis do Pico Orjais sobre Castelao e os cabezudos de Rianxo, unha mesa redonda sobre os monicreques na II República, as charlas que dirixirá cos artistas participantes o titiriteiro e crítico teatral Toni Rumbau, os obradoiros da man de Babaluva de creación e manipulación integrados nos Campamentos de Verán do Concello de Rianxo e os encontros posfunción.