Un novo 'Día dos Medios en Galego' para visibilizar as máis de 100 cabeceiras que usan a lingua do país

Cartel do Día dos Medios en Galego 2020 © AMEGA

O 7 de febreiro de 1876 publicouse o primeiro número de O Tio Marcos d'A Portela, a primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. Dende hai dous anos vén celebrándose nesta data o 'Día dos Medios en Galego', unha conmemoración impulsada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) e que recibiu o apoio de todos os grupos políticos do Parlamento galego a través dunha declaración institucional aprobada por unanimidade.

O acto do Día dos Medios en Galego celebrarase o venres 7 de febreiro en Carballo

Nesta ocasión a vila de Carballo acollerá os actos centrais da celebración, nun evento que terá lugar o propio venres 7 de febreiro, a partir das 20:30h no Casino1889, unha entidade cultural centenaria rexurdida pola mocidade carballesa neste último lustro. 

O acto será presentado, en clave regueifeira, por Lupe Blanco, estará amenizado por Avelino González, e contará a participación de representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, colaboradores do evento. Despois duns petiscos, pechará o acto a banda muradá Terbutalina, rememorando a gala de 2011 celebrada en Compostela onde a banda colaborara coa AMEGA no marco da campaña Vitaminas para o Galego.

Foto de familia do acto do Día dos Medios en Galego celebrado no 2019 © AMEGA

Ubaldo Cerqueiro demandou “establecer un marco de colaboración por parte das administracións fixo, regulado, que nos permita loitar aos pequenos proxectos xornalísticos contra a precariedade"

O Día dos Medios en Galego busca salientar "a importancia e a necesidade de que os medios comuniquen na nosa lingua", visibilizando os máis de 100 medios que hai en activo (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) e que contan "en galego o que pasa no noso país". No acto celebrado o pasado ano, Ubaldo Cerqueiro, vicepresidente da AMEGA e responsable de Que pasa na costa, afirmou que “non nos vale estar presentes só un día ao ano, porque para nós, os membros da AMEGA, todos os días son o Día dos Medios en Galego”. 

Cerqueiro demandou “establecer un marco de colaboración por parte das administracións fixo, regulado, que nos permita loitar aos pequenos proxectos xornalísticos contra a precariedade". Un marco de colaboración "que nos permita poder formular un proxecto en clave de futuro para poder saír da supervivencia e da emerxencia do día a día. Que nos permita fixar poboación no rural. Que nos permita poder seguir ofrecendo información libre, de calidade, que ademais provoque que a sociedade vaia obrigando aos grandes trasatlánticos da comunicación, sempre tan axudados por estas mesmas administracións, a virar cara a lingua galega”, engadiu.

"O Día dos Medios en Galego é unha boa ocasión para visibilizarmos os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país", destacou por unanimidade o Parlamento

Na devandita Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Día dos Medios en Galego destacábase que "desde os poderes públicos debemos contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na busca de solucións", en referencia a O Tio Marcos d'A Portela.

A declaración concluía sinalando que "desde o coñecemento e a reivindicación desta longa tradición do xornalismo na nosa lingua, consideramos que o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, é unha boa ocasión para visibilizarmos os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país". "Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento. Por todo isto, pedímoslle ao conxunto da sociedade civil que se sume a esta conmemoración", engadía.

Cartel do Día dos Medios en Galego 2020 © AMEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.