Os comuneiros especulan con que a persoa que levou a cabo este atentado contra o patrimonio o fixo máis "por ignorancia", buscando "que se visen mellor ou para que a foto lle saíse máis vistosa"
O petróglifo da Gurita, en Porto do Son, sufriu nos últimos días danos a consecuencia dun acto vandálico. A Comunidade de Montes de Baroña denuncia que a pasada fin de semana algunha persoa "dedicouse a raiar por riba dos surcos de varios gravados", empregando un obxecto punxente. As figuras que sufriron os danos son cinco cervos e un sol.
Os comuneiros especulan con que a persoa que levou a cabo este atentado contra o patrimonio o fixo máis "por ignorancia", buscando "que se visen mellor ou para que a foto lle saíse máis vistosa". A Comunidade de Montes xa puxo os feitos en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio para que os posibles danos fosen analizados por técnicos. A Dirección Xeral de Patrimonio xa levou a cabo a análise, chegando á conclusión de que os danos non son graves.
"O patrimonio é de todos e por tanto debemos coidalo entre todos", destacan os comuneiros, que sinalan que "levamos anos traballando con diferentes colectivos para dar a coñecer o noso patrimonio e buscando formas para contemplalo e conservalo sen facerlle dano"
Dende a Comunidade de Montes explican que os danos "a priori semellan leves dado que, parece ser, que o infractor puido facer ditos trazos cun anaco de pau", engadindo que "se o chega a facer cun xeixo ou pedra dura os danos poderían ser irreparables".
"O patrimonio é de todos e por tanto debemos coidalo entre todos", destacan os comuneiros, que sinalan que "levamos anos traballando con diferentes colectivos para dar a coñecer o noso patrimonio e buscando formas para contemplalo e conservalo sen facerlle dano". A Comunidade aproveita para reiterar a súa solicitude, expresada en varias ocasións durante os últimos anos, de que no lugar se instalen "uns paneis explicativos e informativos" que sinalen "como e cando se deben visitar estes xacementos", o que axudaría "a unha maior comprensión e protección dos mesmos".
A Dirección Xeral de Patrimonio analizou xa o petróglifo, chegando á conclusión de que os danos non son graves
O petróglifo da Gurita, catalogado, está situado no Monte da Gurita, na parroquia de Baroña. No lugar pódense ver "máis de corenta representacións de zoomorfos cérvidos, diferentes motivos circulares, un motivo heliomorfo inédito no catálogo da arte rupestre galega e outras imaxes de difícil interpretación, debido a erosión", explícase na web de Patrimonio Galego.