Unha nova biblioteca para Vigo, a apertura da de Ourense e melloras no rural, demandas para os partidos

Interior das instalacións da futura Biblioteca Pública do Estado en Ourense © MECD

Bamad Galicia, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación, vén de facer público un documento no que analiza a situación e necesidades do sector e no que realiza unha series de demandas concretas aos partidos políticos que concorren ás eleccións xerais do 28 de abril. A entidade destaca que as propostas "poden ser facilmente asumibles polos partidos e que contribuirían á mellora dos servizos culturais, bibliotecas e arquivos".

Bamad reclama a creación en Vigo dunha Biblioteca Pública do Estado, unha instalación da que nestes momentos carece a cidade e coa que si contan A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra

Entre as suxestións realizadas no documento hai propostas concretas e localizadas, destinadas a paliar as eivas ou necesidades que presentan cidades como Vigo ou Ourense e outras máis xerais e de base, co obxectivo de mellorar o servizo e o traballo que na actualidade realizan as bibliotecas e arquivos de toda Galicia. O texto fai especial fincapé na situación das bibliotecas dos concellos pequenos, que se están a ver moi afectadas nos últimos anos pola falta de recursos e persoal, como lembraba nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario de Bamad-Galicia.

Bamad reclama a creación en Vigo dunha Biblioteca Pública do Estado, unha instalación da que nestes momentos carece a cidade e coa que si contan A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. "Sabemos que xa se realizaron reunións e visitas á cidade co obxectivo de escoller o mellor emprazamento para unha biblioteca pública do Estado. Desde a nosa asociación solicitamos que non se abandone o tema e que se aborde o máis rápido posible", sinala a entidade.

De igual xeito, esixe a posta en marcha e o traslado da súa xestión á Xunta de Galicia do edificio da nova biblioteca pública de Ourense que, como lembra Bamad, "acumula xa 19 anos de demora". O pasado mes de decembro, dende o Goberno central anunciouse que apertura se realizaría neste mes de abril.

Propón "que os partidos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñan de Biblioteca propia, como esixe a lexislación"

A asociación demanda igualmente o "establecemento dunha verdadeira política de estado en materia de coordinación de bibliotecas" co obxectivo de "corrixir as desigualdades que existen no acceso a servizos bibliotecarios suficientes e de calidade". E lembra que "ao redor de uns 3000 municipios do Estado, decenas no caso de Galicia, carecen de servizo bibliotecario". Nos últimos anos veu descendendo o número de bibliotecas en Galicia (hoxe hai 497, fronte ás 591 de 2006). E das 497 bibliotecas galegas, só 122 permanecen abertas máis de 40 horas á semana. 

Neste senso, reclama tamén a recuperación do nivel de financiamento das bibliotecas nos Orzamentos Xerais do Estado "aos niveis anteriores á crise". E propón "que os partidos políticos asuman o compromiso de que os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñan de Biblioteca propia, como esixe a lexislación". "É preciso dotar as bibliotecas, existentes ou de nova creación no concello, de instalacións adecuadas para o desenvolvemento dos servizos, e facilitarlles medios materiais, tecnolóxicos e persoais para poder xestionalos", engade.

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel © Biblioteca Juan Compañel

Arquivos

En canto aos arquivos, Bamad reclámalle ao Estado "a dotación de edificios adecuados á recollida, custodia e servizo dos fondos, posto que padecen unha carencia crónica de espazo, e están incapacitados para cumprir os seus fins". Así mesmo, sinala algúns casos concretos de arquivos xestionados directamente pola administración xeral do Estado, como o Arquivo Militar Intermedio do Noroeste e o Arquivo Naval, ambos os dous en Ferrol. A entidade alerta de que o primeiro está "infradotado e polo tanto con dificultades para cumprir as súas funcións de servizo á cidadanía" e o segundo "directamente sen persoal técnico ao seu cargo".

A asociación demanda "recoñecemento da nosa profesión e posta en valor do noso traballo, a través de salarios dignos e niveis adecuados"

Á Xunta reclámalle, por outra banda, unha "xestión áxil e eficaz" dotando os centros propios e aos xestionados "do persoal e os medios materiais e tecnolóxicos que lle permitan cumprir non só co seu papel de garantes da custodia patrimonial". Así mesmo pide que "se presente de inmediato" o Plan de Arquivos, previsto na Lei de Arquivos de Galicia, "que levamos esperando 4 anos". Ademais, esixe "apoio loxístico" desde a administración autonómica para os arquivos municipais, "tan mermados de recursos e tan esquecidos".

Finalmente, a asociación demanda "recoñecemento da nosa profesión e posta en valor do noso traballo, a través de salarios dignos e niveis adecuados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.