Víctor Freixanes optará a presidir a RAG

Victor Freixanes © Adrián Estévez

O vindeiro martes 28 de marzo a Real Academia Galega celebrará un Pleno extraordinario de elección da nova Presidencia da institución, nunha sesión que dará comezo ás 18.30 horas. Víctor Freixanes formalizou este venres a súa candidatura, segundo publicou a axencia Europa Press, sendo de momento o único académico que deu este paso para optar a suceder a Xesús Alonso Montero á fronte da Academia.

Nos últimos días Xesús Alonso Montero publicou na web da RAG un artigo titulado "Chau": da escravitude á salutación, ao redor das despedidas, as súas formulas e significado.

No pleno do martes escollerase unha nova Xunta Directiva ao completo, unha vez cumprido o mandato da actual. As candidaturas deben ser presentadas por tres membros de número da institución cando menos con 48 horas de antelación á celebración do pleno. De acordo coa normativa interna, deben incluír cadansúa proposta de Comisión Executiva, composta, ademais por outras catro persoas: o/a secretario/a, o/a tesoureiro/a, o/a arquiveiro/a-bibliotecario/a e o/a vicesecretario/a.

Freixanes abandounou en decembro a dirección da Editorial Galaxia, que pasou a estar nas mans de Francisco Castro. Escritor, xornalista e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, ingresou na Academia en 2004.

 

Victor Freixanes © Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.