Vigo albisca unha nova sala de concertos cun Cine Fraga "polivalente"

Exterior do Teatro Cine Fraga CC-BY-SA hombredhojalata

Residencias, artísticas, espazo museístico, club infantil cultural ou a ansiada nova sala de concertos para Vigo. Todo isto parece que ha ter cabida no novo Teatro Cine Fraga 

Residencias, artísticas, espazo museístico, club infantil cultural ou a ansiada nova sala de concertos para Vigo. Todo isto parece que ha ter cabida no novo Teatro Cine Fraga que planea o Goberno galego logo de llo mercar, xunto coa Deputación de Pontevedra, a Abanca.

O plan de usos que deseña a Xunta para o emblemático edifico vigués inclúe unha sala polivalente de ata 2.000 persoas “que se pode transformar para acoller tanto espectáculos teatrais como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, segundo recolle a referencia da reunión Consello celebrada onte. 

Interior do Cine Fraga. Sala Principal. CC-BY-SA VigoÉ_cedida

Se os plans da Xunta se cumpren finalmente Vigo podería contar con estas novas instalación en 2027, segundo informou a Praza.gal o arquitecto César Portela, responsable do deseño final do proxecto de recuperación. “Estamos procurando que sen que perda o carácter orixinario, permita feitos culturais o máis variados posibles. Imos respectar ao máximo o edificio porque é un gran proxecto dun gran arquitecto, Luis Gutiérrez Soto”, detallaba Portela nunha entrevista a este xornal.

Para o Goberno galego a súa recuperación pasa por transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e do noroeste peninsular. O espazo tamén acollerá actividades formativas.

O Fraga tamén vai contar cunha sala de exposicións para compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema e está prevista a recuperación do histórico organo do cine, único que hai en España

O Teatro Cine Fraga tamén vai contar cun espazo museístico, tal e como se recollía no proxecto inicial, na antiga sala de festas Nova Olimpia. A nova sala de exposicións está “destinada a preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia”, asegura o Goberno galego, que engade que está prevista a recuperación do histórico órgano do cine, "único que hai en España para acompañar as proxeccións".

O plan de usos anunciado tamén recolle a posta en marcha de actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade así como a creación dun club infantil, que permita á cativada asistir e participar en eventos culturais que programe o Teatro Cine Fraga.

Dúas décadas no limbo 

No verán de 2008 o presidente de Caixa Galicia, José Luis Méndez, presentaba a reforma do histórico cine Fraga de Vigo nun Centro Socio Cultural, con case 7.000 metros cadrados de superficie. O que foi o cine máis grande de Galicia, inaugurado en 1948, con 1.758 localidades, pechara en 2001.

O arquitecto César Portela xunto a Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, no Fraga en outubro de 2024. CC-BY-SA Deputación de Pontevedra/Rafa Estévez

O cine Fraga representa, sen querelo, o exemplo máis monumental do fracaso do sistema bancario galego

As obras estiveron en marcha arredor de dous anos e, segundo explicaron a Praza.gal fontes coñecedoras do proxecto, Apenas quedaban “remates finais” cando chegou a fracasada fusión das caixas galegas (2010)  e parou o proxecto. O investimento previsto neste primeiro proxecto –que tamén deseñara o arquitecto César Portela- eran case 18 millóns de euros. O cine Fraga representa, sen querelo, o exemplo máis monumental do fracaso do sistema bancario galego.

A nova vida para o Fraga chegou este pasado verán cando a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra adquiriron o inmoble, propiedade de Abanca, nunha operación que ascende a 9,3 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achega o 51% e o órgano provincial o 49%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.