"As obras que máis quero son aquelas que me formularon máis problemas e fun quen de superar"

O arquitecto César Portela, no seu estudio de Pontevedra. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

"Eu xa lle tiña moito afecto ao Cine Fraga antes de traballar nel. Os meus pais, aínda que vivían en Pontevedra, ían moito a Vigo e eu recordo de neno que a primeira película que vin no cine foi no Fraga, Botón de Ancla, promovida polo propio Isaac Fraga"

Pontevedra, Galicia, España, América, África ou mesmo Xapón. A emoción na arquitectura de César Portela salpica recunchos por todo o mundo en grandes proxectos como o Museo do Mar de Vigo ou a premiada estación de autobuses de Córdoba, mais tamén, e sobre todo, nos pequenos, nas menos coñecidas pero moi amadas casas unifamiliares que Portela denomina “as miñas casas”. Di César Portela (Pontevedra, 1937) que as obras máis queridas son seguramente as que lle ofreceron máis problemas e desafíos que tivo que solucionar. Con esa filosofía recoñece que seguramente a rehabilitación do Teatro-Cine Fraga de Vigo será das súas obras preferidas, porque problemas houbo abondo. 

As obras para a rehabilitación do Teatro-Cine Fraga xa comezaran en 2008, por encargo de Caixa Galicia, e avanzaron uns dous anos. Xa estaba feito bastante, mais chegou a fusión da caixas, a súa reconversión en banco e a paralización do proxecto. Como viviu vostede ese silencio ata este ano?

Estaba feito como un 60 ou 70% cando foi toda a lea das caixas. Todo se embarullou e parou. Eu xa lle tiña moito afecto a ese edificio antes de traballar nel. Os meus pais, aínda que vivían en Pontevedra, ían moito a Vigo e eu recordo de neno que a primeira película que vin no cine foi no Fraga, Botón de Ancla, unha película promovida polo propio Isaac Fraga. Eu con 11 anos fun vela, que inauguraba o cine, e gustoume moito porque falaba da Escola Naval de Marín, da Ría e tamén me gustou moito o sitio porque daquela era despampanante.

Debeu de ser moi especial entón cando lle fixeron o encargo da rehabilitación hai case dúas décadas desde Caixa Galicia.

Claro, cando me propuxeron facer a obra quedei moi contento e comezamos con moita ilusión todo o equipo e de repente todo parou. Realmente non nos deron unha explicación. 

 

César Portela sinala a imaxe da Illa de San Simón e San Antón, onde rehabilitou os espazos públicos, coa maqueta da cemitero de Fisterra debaixo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

O 11 de febreiro deste ano publicamos neste xornal: A “vergoña” de Abanca: o cine Fraga esmorece, rehabilitado, no centro de Vigo, era un contexto de campaña electoral e oito meses despois a cousa está en marcha. Hai uns días visitou o lugar, que atopou?

Penso que se conserva ben pero xa pasaron máis de vinte anos desde que pechou e hai moitas cousas que hai que revisar e probar. Non só é a imaxe. Hai que facer probas moi precisas de moitas cousas e despois tamén ver o que se adapta e cumpre ou non a normativa actual para tentar modificalo. Hai que conxugar o proxecto feito polo arquitecto orixinal, Luis Guitiérrez Sot, o proxecto que xa tiña eu feito, as directrices de Patrimonio, o que quere a propiedade actual e mais o que marca a normativa de incendios e evacuación, que cambiou desde que eu fixen o primeiro proxecto en 2005. Cambiou a normativa de seguridade de incendios, eléctrica. Entón estamos vendo eses temas.

Vostede xa tiña ás súas costas ducias de proxectos moi recoñecidos. Era a primeira vez que lle pasaba algo así?

Era a primeira vez que me pasaba algo así e o peor foi dicirllo a todo o equipo. Tivemos unha comida e expliqueilles que se paraban as obras e que nese momento non había futuro porque non se sabía que se ía facer no cine. Estaba Obradoiro, unha consultora que se dedica a instalacións coa que levo traballando moitos anos e Estruturas Reboreda, xente moi competente coa que xa traballara na Domus ou no Museo de Historia Natural de Santiago. Son colaboradores meus de sempre e tiven que decirlles que se paraba todo e sen data de retorno.

"Os novos propietarios queren que a xente atope un edificio cuns espazos moi agradables, porque o propio edificio o exixe e Vigo tamén. Parece que hai moita xente que está a opinar e todas as opinións que chegan se analizan. Unhas son posibles e outras non o son"

Agora estamos en outubro e renace o proxecto, que volve dirixir vostede. Satisfeito?

Eu estou moi contento desta posibilidade de continuar a obra e rematala. Aínda estamos a darlle voltas a todo o proxecto pero, claro, cambiar moito non pode, porque tamén hai que ter en conta que é un edificio protexido que non se pode modificar moito. Eu xa tiña feito un estudo moi concienzudo daquela. 

A sala de exposicións prevista na antiga discoteca Nova Olimpia manterase?

Si, si, a sala de usos múltiples culturais prevista continúa e o teatro e o cine seguirán alí. As butacas vermellas estaban danadas e haberá que buscar outras, haberá que elixilas ben porque esas eran moi emblemáticas, pero aínda estamos vendo cousas prioritarias, aínda que eu xa teño na cabeza os remates finais.

A Xunta e a Deputación, os novos propietarios, teñen en marcha unha campaña para recoller ideas da sociedade: “O mellor espazo busca o mellor contido”. Buscan que sexa un proxecto moi participativo.

Si, os novos propietarios queren que a xente atope un edificio cuns espazos moi agradables, porque o propio edificio o exixe e Vigo tamén. Parece que hai moita xente que está a opinar e todas as opinións que chegan se analizan. Unhas son posibles e outras non o son. Pero a xente se interesa moito por este proxecto e opina con moito criterio. 

O arquitecto César Portela retoma agora o proxecto para a rehabilitación do Teatro-Cine Fraga de Vigo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

"Estamos procurando que sen que perda o carácter orixinario, permita feitos culturais o máis variados posibles. Imos respectar ao máximo o edificio porque é un gran proxecto dun gran arquitecto, Luis Gutiérrez Soto"

Máis de duascentas achegas ata o momento, e as que virán… Algunha idea interesante que nos poida comentar?

En xeral todo o mundo o que quere é que se respecte o máximo posible o cine, pero que se actualicen un pouco os usos, xa que pasou moito tempo desde que se fixo o cine Fraga e hoxe hai outra maneira de ver a cultura.

En Vigo falta un gran espazo para concertos, que garanta unha boa acústica. Poderá o Fraga solucionar esta carencia?

Si, é unha cousa que estamos tendo en conta. Estamos procurando que sen que perda o carácter orixinario, permita feitos culturais o máis variados posibles. Imos respectar ao máximo o edificio porque é un gran proxecto dun gran arquitecto, Luis Gutiérrez Soto. 

Cales serían agora os prazos das obras para poder reabrir o Teatro-Cine Fraga?

A propiedade quere comezar as obras o ano que vén, e o prazo de execución sería entre un ano e medio e dous. 

E de que investimento estamos a falar? Eran case 18 millóns daquela, dos que xa se investiron 12.

A propiedade está dándolle voltas e cando me pregunten darei a miña opinión.  Non sei canto será pero máis dos seis pendentes, seguro. E logo habería cousas novas que se modernizaron coa nova normativa, temas de iluminación, evacuación, ventilación que precisan novas solucións.

Recreación do primeiro proxecto de rehabilitación feito por Portela para o antigo Cine Fraga de Vigo. CC-BY-SA Cedida

En Vigo vostede asinou os proxectos do Museo do Mar, a Casa das Palabras (Verbum) ou a ampliación do aeroporto. O Verbum, desgraciadamente, é un exemplo de gran edifico con falta de contidos. Pode sufrir o Fraga esta doenza?

Esperemos que non, pero esas cousas xa non dependen do arquitecto. Dependen de como se xestione o edificio. Eu do que son responsable é do edificio, de como quedou. No meu proxecto non estaba prevista a cafetaría pero tamén lle permite ter unha vida, para a xente que está na praia. 

No caso do Museo do Mar, pola contra, é un orgullo polo edificio, o lugar e os contidos que se ofrecen, cun proxecto feito en colaboración co malogrado Aldo Rossi.

Eu sentino moito porque nolo encargaron aos dous. Tivemos algunha xuntanza no propio espazo que daquela era un depósito de coches abandonados e despois eu fun unha semana á casa de Aldo a Milán e estivemos alí dándolle voltas ao proxecto. Cando comezamos a facer os primeiros croquis morreu Aldo e entón con cada raia que facía pensaba “que lle parecería isto a Aldo, gustaríalle?”. E algunhas cousas cambieinas respecto á idea orixinal, porque ao pensalas máis devagar vin que se vivise Aldo tamén as cambiaría. Pero estou moi satisfeito co Museo do Mar. Aquela zona estaba desfeita. Cando fomos Aldo e mais eu había gardas municipais porque aquilo era un sitio de droga e delincuencia. A xente de alí tamén estaba moi preocupada por se se cortaba o paseo, pero ao contrario. Alongamos o espigón e alí báñanse os rapaces. Quedou un paseo moi agradable e o museo non corta nada, senón que te permite achegarte ao extremo onde está o faro e contemplar a ría en toda a súa magnitude.

"Eu nunca pensei nos premios, sempre pensei en que os que van habitar os espazos se sintan cómodos, seguros e ao mesmo tempo co espírito libre polos espazos interiores e polos espazos que podes contemplar desde o edificio"

Leva máis de 30 anos de carreira, acadou o Premio Nacional de Arquitectura, o Premio Nacional de Urbanismo e vén de recibir a Medalla de Ouro da Arquitectura 2023, entre outras ducias de recoñecementos. A que pode aspirar agora?

Eu nunca pensei nos premios, sempre pensei en que os que van habitar os espazos se sintan cómodos, seguros e ao mesmo tempo co espírito libre polos espazos interiores e polos espazos que podes contemplar desde o edificio. Despois se hai un premio, fenomenal, pero se non o hai e acado todo isto, estou igual de contento.

De todas a súas obras, de cal está máis orgulloso?

Iso pasa como cos fillos. A quen queres máis? Cada obra é distinta e tivo os seus problemas. Unha obras valórase pola súa calidade final, pero hai algunhas que parece que as valoras máis porque tiveches máis dificultades ou máis problemas con elas e fuches quen de superar. Como cos fillos, cada un é diferente. Eu ás obras que máis lles quero son aquelas que me formularon máis problemas e fun capaz de superar. Seguramente as casas unifamiliares, non as grandes obras.  Sempre lles chamo “as miñas casas”, porque é como se as fixese para min e con todas fixen unha colección de amigos co que cada vez que vou a unha é como se me atopase na miña. 

Portela comezou o deseño do Museo do Mar, en Vigo, xunto ao falecido Aldo Rossi. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

"Mentres poida facer cousas que me gustan en arquitectura, seguirei. Dicía meu pai que os que non servimos para outra cousa non nos xubilaremos nunca (*risas*). Eu estou moi contento por seguir facendo obras"

Pero hai proxectos moi especiais como a estación de autobuses de Córdoba, premio nacional de arquitectura.

Era un reto porque era un clima totalmente distinto. Alí estivemos facendo os muros con 43 graos no verán. A xente de alí traballaba de sete da mañá a once e despois pola noite, pero polo día non traballaban. Pero os canteiros de aquí que foron montar as pedras aguantaron. Nunha visita que fixen vin que estaba un veciño lendo o xornal e pregunteille se ía coller o bus e díxome que non, que vivía alí ao lado pero ía alí porque era o sitio máis fresco que hai en Córdoba. Para min que a xente se atope ben nos meus proxectos é o que máis me gusta. Iso é a arquitectura. 

Quizais con esa filosofía de que as obras máis problemáticas son as máis queridas, a rehabilitación do Fraga está chamada a ser a obra máis amada de César Portela.

Pois seguramente. Non sei se a que máis, pero é moi desexada e moi amada.

Os arquitectos non se xubilan?

Mentres poida facer cousas que me gustan en arquitectura, seguirei. Dicía meu pai que os que non servimos para outra cousa non nos xubilaremos nunca (*risas*). Eu estou moi contento por seguir facendo obras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.