Tras anos de irregularidades salariais condenadas pola xustiza e opacidade nas contas da fundación que o rexe, a actual directora, Marta Lucio, ex-senadora popular, quere compaxinar o cargo coa alcaldía de Meis á que aspira
O Consello da Xunta do 22 de decembro deu un paso significativo na regularización do Museo do Mar de Galicia, aberto en 2002 na parroquia viguesa de Alcabre tras unha década de conflitiva xestación previa. Impulsado no seu momento pola Zona Franca, que en principio non tiña ese tipo de cometidos entre as súas funcións, a fundación que o vén rexendo estaba nun limbo entre o Estado e a Xunta ao que agora se pon fin ao aprobar o Goberno galego, que xa viña asumindo a súa supervisión, que formalmente sexa parte do sector público autonómico. Un cambio que fará que desde o museo se asuma a xestión da Illa de San Simón, tamén da Xunta e cuxo contido e actividades foron decaendo na última década.
Por diante queda o reto de poñer fin á opacidade e irregularidades contables -mesmo con condenas por ilegalidades salariais- que vén rexistrando un ente marcado tamén polo seu uso partidista por parte do PP, que colocou na súa dirección entre 2011 e 2015 e novamente desde 2019 a Marta Lucio, quen polo medio foi senadora popular e que agora aspira a compaxinar ese cargo co de alcaldesa de Meis se sae elixida nos comicios de maio.
A orixe do Museo do Mar está nun acordo acadado a comezos dos anos 90 do pasado século entre o Concello de Vigo, daquela co socialista Carlos González Príncipe á fronte, e a Xunta para recuperar as naves do antigo matadoiro xunto ao mar que había en Alcabre. O proxecto asumírono os arquitectos Aldo Rossi e César Portela, o seu custo disparouse, os gobernos locais foron mudando de cor en Vigo e Zona Franca, ente estatal pensado para a promoción económica e non a cultural, acabou facéndose cargo del.
Foi nunha época na que, coincidindo cos gobernos de Aznar (1996-2004), á fronte do consorcio estatal estivo o home forte do PP local Pablo Egerique, que incidiu na configuración da Zona Franca como un contrapoder político fronte a gobernos locais de distinta cor ou de apoio ao executivos populares. Nesa clave abriuse ao público en 2002 o museo, coincidindo co terceiro centenario da Batalla de Rande, e para a súa xestión a Zona Franca creou unha fundación que pola súa orixe pasou a estar adscrita ao Estado.
Zona Franca, cuxas prioridades son outros cometidos, gastou uns 30 millóns de euros en construír e xestionar o museo na súa primeira década, pero a opacidade dificulta fiscalizar a súa xestión actual e a supervisión que vén facendo a Xunta
Porén, a finais desa primeira década deste século, e tras gastar Zona Franca na construción e xestión posterior do museo arredor de 30 millóns de euros, segundo un informe do Tribunal de Cuentas, o consorcio estatal cedeu á Xunta o control do padroado da fundación, no que tamén está presente o Concello de Vigo malia que non participa nas reunións desde hai anos. A Xunta pasou a encargarse de nomear a dirección da fundación-museo e impulsar a súa actividade cultural, pero formalmente non fora ata agora adscrita ao sector público autonómico, o que derivou en diversas irregularidades.
Ao contrario do que ocorre con outras fundacións públicas dependentes do Estado ou da Xunta, os orzamentos da Fundación Museo do Mar de Galicia, que funciona con transferencias de cartos públicos, non figuraron nos últimos anos nin nos orzamentos xerais da Xunta nin nos do Estado, segundo veñen censurando os sucesivos informes anuais tanto do Tribunal de Cuentas que fiscaliza as contas estatais como do Consello de Contas que fai o propio coas das administracións galegas.
O paradoxo da Fundación Museo do Mar reflíctese no último informe anual do Consello de Contas, no que se refire a ela malia ser unha fundación de adscrición estatal, pero para constatar que a Xunta ten o control do seu padroado e situala entre as entidades galegas que “non renderon contas”. Desde a Consellería de Cultura asegúrase que a fundación "cumpre coa lexislación vixente" e que as súas contas "remitíronse sempre de maneira periódica ao Tribunal de Contas [sic]".
Porén, no Tribunal de Cuentas só é posible atopar un informe que analizou contratos puntuais de entes estatais en 2012 e que detectou varias irregularidades na contratación da Fundación Museo do Mar. E no seu último informe sobre as contas estatais sinálase expresamente que os orzamentos da fundación non foron incluídos e que "as súas liquidacións non foron integradas dentro da información orzamentaria das entidades con orzamento estimativo que figura na memoria da Conta Xeral do Estado".
Ademais, a fundación ten abertas “actuacións de comprobación e investigación do IVE” dos anos 2020 e 2021. Unhas actuacións ás que a Xunta contesta que se iniciaron "debido a un cambio de criterio por parte do Ministerio de Hacienda nun caso similar e que conclúe que a fundacion estaría exenta de IVE na súa actividade de prestacion de servizos de museo e, polo tanto, non pode recuperar as cotas soportadas no imposto".
A fundación xa recibiu cando menos tres condenas por superar o soldo da dirección-xerencia os límites establecidos pola normativa estatal
O que si recibiu xa a fundación foron cando menos tres condenas xudiciais sucesivas, a última de xuño deste ano, porque as retribucións anuais do seu posto de dirección-xerencia excederon nos anos 2017, 2018 e 2019 en 8.200, 8.800 e 15.800 euros os máximos previstos pola normativa aplicable a entes estatais como ese. Así o considerou o Ministerio de Facenda, pero a fundación recorreu á xustiza cando menos en cada un deses tres anos, e nos tres casos o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid quitoulle a razón.
Así o fixo en sentenzas sucesivas e similares que reflicten como a Fundación Museo do Mar tentou argumentar que formaba parte do sector público galego “sen prexuízo da formalidade pendente de aprobación do Consello da Xunta”, e polo tanto que a resolución que limitaría os seus soldos “cae fóra do ámbito de competencias do Ministerio de Facenda”. Porén, o tribunal desbotou ese argumento e sentenciou nas tres sentenzas feitas públicas ata o momento que a fundación formaba parte do sector público estatal. Pero engadiu que “aínda no suposto de que a fundación fose unha fundación autonómica, sempre deberían axustarse [as súas retribucións] aos límites establecidos” pola normativa estatal.
Segundo a Consellería de Cultura, eses preitos perdidos pola fundación "iniciáronse polas retribucións da anterior dirección, por unhas diferenzas de criterio co Ministerio de Hacienda que foron solventadas". Remítese así a Xunta a quen ela mesma deixou como director interino do museo cando Marta Lucio foi elixida senadora, o ata daquela arqueólogo conservador Vicente Caramés, ao que en 2019 volveu substituír pola política popular agradecéndolle os servizos prestados.
Por outra banda, esas sentenzas non concretan a contía exacta do soldo da dirección-xerencia do Museo do Mar, e esta tampouco é posible averiguala a través do apartado de transparencia da web da fundación (integrada dentro das webs corporativas da Xunta: museodomar.xunta.gal) xa que non existe. Malia ser unha obriga legal para todas as fundacións públicas, sexan estatais ou galegas, o Museo do Mar non informa nin dos seus soldos, nin do seu organigrama, nin das súas contas, nin de moitas outras cuestións obrigadas pola Lei de Transparencia.
A fundación incumpre a Lei de Transparencia e a Xunta rexeita detallar o soldo da súa dirección-xerencia e di que a lei permite que sexa compatible co cargo de alcaldesa
Segundo a Xunta, a fundación "está nestes momentos renovando e actualizando a súa páxina web como consecuencia da súa conversión nunha fundación pública galega" e nela "está previsto incluír un apartado de transparencia". Porén, malia a pregunta directa e expresa deste medio, Cultura négase a detallar o importe concreto do soldo da dirección-xerencia limitándose a indicar que "o salario correspóndese co establecido na normativa autonómica para a dirección dunha fundación do sector público segundo a categoría que lle corresponde". Pero non indica cal sería esa categoría dunha fundación que ata o de agora non era do sector público autonómico.
Ese posto da dirección-xerencia da fundación foi entregado pola Xunta en 2011 a Marta Lucio, que ata daquela era a responsable da programación cultural da Deputación de Pontevedra controlada naquel momento por Rafael Louzán. Lucio foi gañando peso no PP e en 2015 foi elixida senadora por ese partido en Pontevedra. Pasada esa lexislatura, Lucio foi elixida concelleira do PP en Meis e recolocada novamente en 2019 pola Xunta á fronte do Museo do Mar, no que durante a última década o PPdeG vén celebrando todo tipo de actos. Alí mesmo gravou unha mensaxe de fin de ano Alberto Núñez Feijóo.
Marta Lucio vén de ser ser designada agora candidata á alcaldía de Meis, e aspira a compaxinar ese cargo, se o consegue, co de directora-xerente da Fundación Museo do Mar. A Consellería de Cultura limítase a dicir a respecto da compatibilidade dos dous postos que é "un suposto amparado pola lei".