“Xeramos espectadores cunha visión crítica e que se deixan sorprender”

Play-Doc é unha idea orixinal de Sara García e Ángel Sánchez © Tamara de la Fuente

Cine de non ficción nunha vila periférica son os arriscados ingredientes que consolidaron o Festival Internacional de Cinema Play-Doc como un referente internacional, extremadamente rigoroso na súa programación e atraente tanto para os creadores do celuloide como para o público. Arredor de 8.000 persoas adoitan asistir cada ano a esta cita co cine documental nunha localidade que roza os 17.000 habitantes. Para Ángel Sánchez, co-director do festival, un dos grandes éxitos deste certame, que celebra do 3 ao 7 de abril a súa XV edición, foi a capacidade para xerar un público crítico co que ve e que foi crecendo ao tempo que o propio evento.

Quen foi tan ousado para apostar por un festival de cine documental nunha vila fronteiriza como Tui?

O proxecto é unha idea orixinal de Sara García e mais eu. Alá polo ano 2004 xa se producira unha atención mundial en torno a este tipo de cine. Foi cando Michael Moore gañou a Palma de Ouro de Cannes, a canle Arte de Francia empezaba a xurdir e a apostar por este tipo de cinema de non ficción. Digamos que había unha corrente histórica que propiciou o nacemento. Por exemplo, Documenta Madrid naceu un ano antes que nós. Aproveitando esa corrente, ocorréusenos xerar un espazo que visibilizara este tipo de cine e logo demos o salto mortal de facelo nunha vila pequena, porque eu son de Tui, cos tremendos condicionantes que iso supuña porque había que xerar público, construílo, ese era o grande reto, como se despraza a xente a Tui para ver cinema de non ficción?, o que non deixa de ser unha tarefa complicada. Pouco a pouco fomos crecendo e desde o principio o público comezou a responder. E agora temos que encher unha sala de 500 butacas, o que é realmente complicado, incluso para os grandes festivais de España.

Como é ese público creado polo festival?

Temos un público heteroxéneo e moi numeroso que creceu ao tempo que o festival. Xeramos espectadores críticos e á fin e ao cabo ese é o gran obxectivo da cultura e de toda manifestación artística, xerar espectadores que teñan unha visión crítica do que ven e que se deixen sorprender. Temos moito militante de Play-Doc, xente que dalgunha maneira se enganchou ao festival, correu a voz e se foi contaxiando e cada ano recibimos en torno a 7.000 ou 8.000 espectadores.

Cada ano acoden ao festival de Tui arredor de 8.000 espectadores © Tamara de la Fuente

Son xa 15 anos de Play-Doc

Si, dise pronto...A nosa estrutura non variou moito. Somos un proxecto independente, pequeno, feito desde unha cidade da periferia pero moi ambiciosos no ámbito da nosa programación e no xeito de facer as cousas. O tempo pasa e os fitos están aí. Coas enerxías ao límite agora na previa ao festival pero con moitas ganas de seguir crecendo e seguir compartindo unha proposta cultural que aposta por cousas que non atopas nas ventás habituais.

Agora, e pese a todas as dificultades, podemos dicir que o festival está plenamente consolidado

Si, para o público, os medios, o sector, é unha referencia. Pero nos gustaría poder consolidar esta estrutura fráxil que temos para sumar máis profesionais ao equipo de traballo do festival. Isto supón un pouco máis de orzamento. Pero ese era o risco que nós asumiamos desde o principio. O feito de facelo nunha localidade pequena supón que o concello conta cuns orzamentos pequenos, para chegar aos anunciantes privados hai que pelexarse máis por chamar a atención desde onde estamos... pero pasamos do discurso da queixa ao discurso da pelexa e de demostrar que facendo ben as cousas se poden trascender todas esas dificultades.

"Pasamos do discurso da queixa ao discurso da pelexa e de demostrar que facendo ben as cousas se poden trascender todas esas dificultades"

Cales foron os fitos principais que destacaría nestes anos?

En canto ao cinema galego foi un festival que coicidiu cunha nova xeración de cineastas que o entenderon como un punto de encontro e de intercambio. Así como o festival ía crecendo tamén comezou a ter máis repercusión o novo cinema galego. Entón creouse unha irmandade entre un grupo que vai sumando cada ano novos autores e iso foi moi importante. Logo, en canto a figuras internacionais, para min, ademais de Bruce Weber que vén este ano, habería que destacar o grande realizador norteamericano Albert Maysles e o armenio Artavazd Artavazd Pelesjan. Probablemente estas dúas figuras representan o momento de consolidación do festival, que foi hai cinco ou seis anos. Que estas grandes figuras elixan o noso festival supón que estamos a facer ben as cousas.

Sempre houbo un sitio para o cinema galego

A idea do festival era, nun formato reducido de cinco días, tratar de marcar tres liñas de traballo. Unha é rescatar a grandes figuras do cinema internacional, por un lado, con algunha retrospectiva;  por outro lado, tomar o pulso ao cine de non ficción internacional no momento con esa sección competitiva que está chea de estreas de pelis que teñen pasado polos festivais máis importantes de Europa e do mundo e que están aquí; e outra líña fundamental é poñer en valor, compartir, e que dialoguen con estas grandes producións os autores e cineastas galegos. Ao longo destes anos houbo moitísima calidade na programación do cinema galego e cada ano tomamos o pulso a cineastas que ao mellor xa pasaron polo festival así como a outros que son novos realizadores, primeiras obras... dalgún xeito queremos ser un expoñente de difusión para compartir o enorme talento que temos aquí.

Como se convence a un personaxe tan afamado como Bruce Weber para que veña a Tui?

Hai dous motivos principais. Un é que o festival xa ten a súa traxectoria, durante este tempo xa pasaron cineastas importantes e pouco a pouco comezou a labrarse unha reputación no ámbito do cinema internacional. O feito de que viñeran figuras do eido cinematográfico americano como Albert Maysles, por exemplo, ou Peter Emanuel Goldman o ano pasado axudou a convencelo. E outro, que somos un festival atípico, fóra da norma, nunha cidade pequena e á xente que está acostumada a grandes festivais lle parece unha ocasión diferente. A estrea da súa última peli no Play-Doc pois vén un pouco polo prestixio e a traxectoria que o festival foi acadando durante todos estes anos.

 "Somos un festival atípico, fóra da norma, nunha cidade pequena"

Que non nos podemos perder este ano en Play-Doc?

Máis aló do impacto que xera Bruce Weber pola súa figura e polas grandes películas que fixo, para min unha figura que paga a pena coñecer é Kidlat Tahimik, cineasta filipino que ao longo da súa carreira se converteu en todo un referente do cine asiático. Ten unha mirada case naíf do cinema, con películas de baixo orzamento pero cunha carga moi poética. Un tipo moi poliédrico, arquitecto, escultor, economista, vive nunha casa museo increíble e ademais fai unhas películas como saídas dos soños dun neno. Paréceme que a súa visita ao festival é moi importante aínda que mediaticamente non sexa un home moi coñecido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.