Youtubeir@s volve para encher as redes de vídeos en galego

Presentación de Youtubeir@s © Youtubeir@s

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, lanzou este xoves a súa segunda edición.  Volve este certame coa vontade de "promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube". E faino logo do éxito do ano pasado. 

A segunda edición do proxecto insiste en "promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través de Youtube"

A iniciativa pretende fomentar así a creatividade con temas propios e xerar "referentes" en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. Así o adiantou en rolda de prensa, celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; e a vicerreitora de Servizos Universitarios da USC, María do Carme Silva, detallou as liñas mestras do proxecto.

O acto contou tamén coa presenza de José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; José Andrés García, alcalde da Baña; Pilar Pérez, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, e Belén Iglesias, concelleira de Cultura e Educación de Ourense.

A iniciativa pretende incrementar a presenza do galego nos vídeos desta gran rede social

Na presentación destacouse a colaboración das diferentes administracións para lanzar a segunda edición de Youtubeir@s, un amplo proxecto que compila diversas accións que buscan un claro obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube. Dentro desta iniciativa, recóllense varias liñas de acción que van dende campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma até a formación de youtubeiros e youtubeiras, pasando por actividades para outorgarlle visibilidade ao proxecto, pola dinamización nas redes sociais co obxectivo de xerar comunidade ou pola convocatoria dos Premios Youtubeir@s.

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público.

O certame entregará 5.500 euros en premios, con máis categorías que o ano pasado

Precisamente, este último galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores. O ano pasado, a gala final tivo lugar en Ourense

Por outra banda, o proxecto Youtubeir@s incluíra diferentes programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nesta nova edición nas persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías

Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o Culturgal (no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con youtubeiros/as este sábado ás 13.00 horas no Espazo Foro) e festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias con festivais para a programación de contidos youtubeiros en galego.

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.

Web youtubeiras.gal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.