Xa se coñece o percorrido de 'O Gran Camiño', o regreso da 'Volta a Galicia' que este mes de febreiro buscará "recuperar o pulo do ciclismo profesional galego" cunha rolda de primeiro nivel. Este venres presentose en Compostela o perfil das catro etapas que compoñen a primeira edición, que terá lugar entre o 24 e o 27 de febreiro, en pouco máis dun mes.
Este venres presentose en Compostela o perfil das catro etapas que compoñen a primeira edición, que terá lugar entre o 24 e o 27 de febreiro
Serán algo máis de 500 quilómetros de percorrido, 512 exactamente, que atravesarán un total de 45 concellos galegos. Os ciclistas participantes terán que se enfrontar a un desnivel acumulado de 8.158 metros, unha cifra considerable se temos en conta que a derradeira tirada é unha contrarreloxo de pouco máis de 15 quilómetros.
No acto deste venres, presentado polo xornalista Terio Carrera e no que interveu o ex-ciclista Ezequiel Mosquera -responsable de EME Sports, organizadora da proba-, deuse a coñecer o perfil das catro etapas e tamén algúns detalles máis da competición. Por exemplo, que a rolda será retransmitida internacionalmente por Eurosport e, ademais, ampliouse a nómina de equipos participantes confirmados. Aos xa coñecidos: Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Euskaltel, RP-Boa Vista, Tavira, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani, uníronse xa o Caja Rural, o Burgos-BH, o Tavfer-Mortágua, o Kern Pharma e o Gazprom. 15 formacións ás que se poden sumar aínda algunha máis.
A rolda será retransmitida internacionalmente por Eurosport e xa está confirmada a participación de 15 equipos
A primeira etapa percorrerá boa parte do Baixo Miño, unindo O Porriño e Vigo, probablemente a zona con máis tradición ciclista de Galicia. A 23 quilómetros da meta subirase o alto de Peinador, pero esta pode ser a tirada máis propicia para unha chegada ao sprint. Na presentación, Álvaro Pino, deseñador desta etapa destacou que lle tería gustado meter "máis dureza". "Pero díxome Ezequiel que se non chegaba ningún sprinter o primeiro día, o vindeiro ano non volverían”, explicou,
A segunda tirada rematará no Alto do Ézaro despois du accidentado percorrido que partirá de Bertamiráns e atravesará boa parte da Costa da Morte.
A terceira, considerada a etapa raíña, amosará a beleza do Canón do Sil cun duro perfil entre Maceda e Luíntra que nos últimos 50 quilómetros ascenderá tres portos de montaña. O derradeiro, o Alto de Moura, de primeira categoría, está situado a dous quilómetros da meta.
Finalmente, unha crono de 15,9 quilómetros de certa dureza ao redor de Sarria decidirá o gañador da proba. Os últimos quilómetros da proba seguirán o Camiño Francés, o mesmo que as anteriores tiradas pasaran polo Camiño Portugués, o Camiño de Fisterra e Muxía ou a Vía da Prata. A meta estará situada no casco antigo da vila.