A 'Volta a Galicia' regresa no 2022 buscando "recuperar o pulo do ciclismo profesional galego"

O Alto do Ézaro será o final da segunda etapa © Turgalicia

Durante anos a Volta a Galicia ocupou un lugar no calendario ciclista internacional. Despois de celebrarse de forma intermitente entre 1933 e 1955, a competición regresou entre os anos 1984 e 2000, 16 edicións que tiveron nos seus podios a Marino Lejarreta, Miguel Indurain, Piotr Ugrumov, Andrew Hampsten, Claudio Chiappucci, Abraham Olano, Laurent Jalabert, Frank Vandenbroucke ou os galegos Álvaro Pino, Suso Blanco Villar ou Marcos Serrano. Dende o ano 2002 a proba ten un carácter non profesional.

O Gran Camiño disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro, datas cunha meteoroloxía adversa pero que poden permitir atraer unha participación de maior nivel

Porén, o ano 2022 teremos de novo unha volta ciclista por etapas en territorio galego de carácter profesional e do máximo nivel, aínda que unicamente en categoría masculina. A renacida Volta a Galicia adoptará a denominación de O Gran Camiño, coincidindo coa organización dos actos do dobre ano Xacobeo 2021-22. 

A organización da volta, que conta co apoio da Xunta e das catro deputacións provinciais, foi presentando nas últimas semanas os detalles das súas catro etapas (unha en cada provincia), dando a coñecer este luns o percorrido da súa derradeira tirada, unha contrarreloxo individual que se correrá en Sarria, seguindo nos seus últimos quilómetros o percorrido do Camiño de Santiago.

Ezequiel Mosquera en Sarria, na presentación da derradeira etapa de 'O Gran Camiño' © Deputación de Lugo

A crono de Sarria decidirá o gañador dunha proba que terá outras tres etapas: O Porriño-Vigo, Ames-Alto do Ézaro e Maceda-Luíntra

A crono de Sarria decidirá o gañador dunha proba que terá outras tres etapas: O Porriño-Vigo, Ames-Alto do Ézaro e Maceda-Luíntra. A primeira tirada, en terras pontevedresas percorrerá un terreo rompepernas nunha das zonas con máis tradición ciclista en Galicia. A segunda, na provincia da Coruña, ofrecerá o espectáculo das inhumanas pendentes o Alto do Ézaro, habitual nos últimos anos na Vuelta a España. A terceira, en Ourense, está considerada a etapa raíña, especialmente nos seus últimos 50 quilómetros, por estradas da Ribeira Sacra e de gran dureza. Luintra foi xa final de etapa da rolda española nos anos 2016 e 2018.

Mentres que a vella Volta a Galicia corríase tradicionalmente no mes de agosto, O Gran Camiño disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro, datas cunha meteoroloxía menos benévola pero que poden permitir atraer unha participación de maior nivel. O Gran Camiño está considerada pola Unión Ciclista Internacional unha volta de categoría 2.1, un nivel que non é doado acadar para unha carreira que debuta no calendario e que comparte coa Volta a Murcia, o Tour dos Alpes Marítimos, a Semana Internacional Coppi e Bartali, o Giro de Sicilia, a Volta a Asturias, o Tour de Hungría ou a Ruta de Occitania ou a Volta a Portugal, entre outras.

Catro equipos da primeira división xa confirmaron que estarán en Galicia: Movistar, Israel Start Up Nation, Education First e Cofidis. Tamén o fixeron o Euskaltel, os portugueses RP-Boa Vista e Tavira e os italianos Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani

Os organizadores de O Gran Camiño esperan poder atraer un gran número de equipos de primeira división e corredores de primeiro nivel, aproveitando que moitos deles adestran durante o inverno na Península Ibérica e que nas semanas previas moitos estarán correndo a Vuelta a Andalucía ou a Volta ao Algarve. De momento, catro equipos da primeira división xa confirmaron que estarán en Galicia: Movistar (España), Israel Start Up Nation (Israel), Education First (Estados Unidos) e Cofidis (Francia). Tamén o fixeron o Euskaltel, os portugueses RP-Boa Vista e Tavira e os italianos Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani.

Inicio da suba a Ézaro, onde rematará unha das etapas © Inicio da suba a Ézaro, onde rematará unha das etapas

Os ex-ciclistas Ezequiel Mosquera (responsable de EME Sports) e Óscar Pereiro (asesor da proba) están aos mandos do que prometen será "o meirande evento deportivo do vindeiro ano en Galicia"

Os ex-ciclistas Ezequiel Mosquera (responsable de EME Sports) e Óscar Pereiro (asesor da proba) están aos mandos do que prometen será "o meirande evento deportivo do vindeiro ano en Galicia". Nas distintas presentacións realizadas ata agora subliñaron ademais o "empurrón" que esta carreira pode ter para o ciclismo galego, necesitado de apoios a todos os niveis dende hai anos, como destacaba nesta entrevista Gustavo César Veloso

Nas distintas presentacións participaron tamén varios corredores profesionais galegos, como Delio Fernández, Samuel Blanco, Alex Marque ou Carlos Canal. E na última, que tivo lugar este luns en Sarria tamén o fixo o ex-ciclista Alejandro Paleo, neste momento traballador da empresa Vestas e que en outubro pedaleou de Viveiro a Dinamarca para loitar pola continuidade da planta.

”Co impulso a este evento queremos contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias”

En Sarria, o deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou a importancia de "recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional". ”Co impulso a este evento, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo queremos contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias”, dixo, salientando de novo a relevancia desta carreira como "viveiro" de novos profesionais do ciclismo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.