Na última edición da Volta a Portugal un dos grandes protagonistas foi Gustavo César Veloso (Vilagarcía de Arousa, 1980). Non gañou, aínda que aos seus 41 anos de idade volveu amosar un gran nivel, cun traballo sensacional para o seu compañeiro de equipo, o tamén galego Alex Marque, que finalizou en terceira posición. Pero en todas as etapas afeccionados, xornalistas e os propios corredores homenaxearon e recoñeceron a traxectoria dun deportista que gañou o respecto de todo o ciclismo portugués, despois de correr 13 das súas 20 tempadas como profesional en equipos lusos, obtendo a vitoria na Grandíssima en 2014 e 2015 e subindo ao pódio noutras catro ocasións.
Na última Volta a Portugal, afeccionados, xornalistas e os propios corredores homenaxearon e recoñeceron a traxectoria dun deportista que gañou o respecto de todo o ciclismo luso, despois de correr 13 das súas 20 tempadas como profesional en equipos dese país
Ao remate desta tempada, colgará a bicicleta, despois cunha longuísima carreira na que tamén defendeu as cores do Xacobeo-Galicia (primeiro Karpin-Galicia), o equipo profesional galego que nos seus catro anos de traxectoria acadou un nivel extraordinario, acadando tres vitorias de etapa na Vuelta a España (unha delas do propio Veloso, que tamén gañou nese tempo a Volta a Catalunya) e chegando a correr o Giro de Italia. O soño do equipo galego finalizou no 2010, o seu ano máis exitoso, no que Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) obtivo a segunda praza da clasificación xeral, da que foi posteriormente desposuído ao serlle atopado nun control unha substancia presuntamente enmascaradora de elementos dopantes. Aínda que no 2014 a Audiencia Nacional anulou a sanción por dopaxe por un defecto de forma, a UCI nunca reabriu o caso e mantivo anulados os seus resultados.
Veloso, como outros corredores galegos continuou a súa carreira en Portugal, unha terra na que sempre se sentiu moi ben, destaca, e onde foi moi respectado no pelotón, alcumado "o velhote" nos últimos anos, nos que chegaba a dobrar a idade dalgúns rivais. Falamos con el sobre a súa traxectoria, a historia do Xacobeo Galicia e a situación actual do ciclismo galego de estrada, que vive -tanto a nivel de fichas profesionais, de equipos e de carreiras- un momento moi baixo.
"Teño diferentes portas que se están abrindo e estou nesa fase de organizar a miña vida despois deste ano. Gustaríame seguir vinculado ao ciclismo e creo que teño posibilidades de facelo, sobre todo de ir de director para algún equipo"
Tes aínda algunha carreira este ano ou xa podemos dicir que estás retirado?
Non teño carreiras nas que me xogue nada, pero si teño algúns compromisos, como marchas cicloturistas, grandes fondos e teño en outubro unha carreira de BTT en Marrocos que se corre en equipos de cinco e eu vou co equipo dunha asociación chamada Asdent que busca recadar fondos para investigar sobre a enfermidade de Dent, que é unha enfermidade rara que afecta a bastantes nenos. Van aproveitar a carreira para gravar un documental que dea a coñecer a doenza e o traballo desta asociación.
E como é o teu futuro a nivel persoal? Vas seguir ligado ao mundo do ciclismo, participando neste tipo de carreiras e iniciativas ou mesmo dedicado de forma profesional a algunha actividade?
Vou seguir facendo este tipo de carreiras, por suposto, e tamén dando charlas en centros de ensino, que é algo que xa viña facendo ao longo da miña carreira como ciclista. Pero, claro, disto non vivo e todo isto fágoo de balde ou mesmo corro eu cos gastos, e agora que dende o 31 de decembro xa non vou estar dedicado profesionalmente profesional, teño que buscar a vida. Teño diferentes portas que se están abrindo e estou nesa fase de organizar a miña vida despois deste ano. A min gustaríame seguir vinculado ao ciclismo e creo que teño posibilidades de facelo, sobre todo de ir de director para algún equipo. Estou tendo reunións con algúns equipos e, ademais, estou xa adestrando a algúns corredores de distintas categorías.
Como foi esta última Volta a Portugal, na que volviches estar a un nivel moi alto e, ademais, que se converteu nunha homenaxe non oficial a ti e á túa traxectoria? A que soubo esa despedida?
"Sentín a Volta a Portugal como unha homenaxe. En cada etapa e en cada porto de montaña sentía o apoio e o cariño da xente, que me animaba e me daba as grazas pola miña carreira. Esa é moito mellor homenaxe que as que se fan por protocolo"
Corrín a Volta a Portugal e dúas semanas despois corrín a carreira Jornal de Notícias, que si que foi a derradeira competición oficial. Pero a verdade é que si sentín a Volta como unha homenaxe. Hai moitas formas de facer unha homenaxe: pode que te metan nun salón, fagan un acto e che entreguen unha placa, pero para min é moito máis importante outro tipo de homenaxe, como as que eu recibín tanto na Volta coma despois no Jornal de Notícias, nas que en cada etapa e en cada porto de montaña eu sentía o apoio e o cariño da xente, que me animaba e me daba as grazas pola miña carreira. Hai etapas, coma a da Nossa Senhora da Graça, que me quedaron gravadas e creo que vou tardar máis en esquecelas que algunha das vitorias que conseguín. Iso queda aí, esa é moito mellor homenaxe que as que se fan por protocolo. Tamén é moi bonita a homenaxe que che fan os teus compañeiros de profesión, como pasou na derradeira etapa do Jornal de Notícias, na que nos deixaron ir diante do pelotón durante dez quilómetros a min e ao Sérgio Paulinho, que tamén se retira, mentres por detrás todos os ciclistas nos aplaudían. Non imaxinaba unha despedida así de fermosa.
No ciclismo portugués es un corredor moi respectado e querido. Estiveches moi a gusto todos estes anos que corriches en Portugal, non si?
"Sempre estiven moi a gusto en Portugal, tanto nos meus primeiros anos como profesional como nestes últimos dez anos"
Si, eu sempre estiven moi a gusto en Portugal, tanto nos meus primeiros anos como profesional, que comecei correndo nun equipo portugués, coma estes últimos dez anos. Sempre estiven moi ben, pero deixo o ciclismo porque a idade non perdoa e porque a cabeza tampouco é a mesma, cambian as prioridades e cada vez se fan máis difícil algúns esforzos e sacrificios: saír a adestrar todos os días, con chuvia, calor ou frío, no verán marchar de concentración en lugar de ir á praia cos fillos. A min encántame andar en bici, pero competir a un nivel profesional esixe un gran sacrificio.
Como lembras os anos do Xacobeo-Galicia e do Karpin-Galicia, no que correstes tantos galegos, algúns comezando a súa carreira profesional, que tan bos resultados conseguiu e que tivo ese final tan abrupto?
"Todos os que formamos parte dese proxecto hoxe temos a ilusión de volver ver un equipo así en Galicia e volver vibrar con el"
Co paso do tempo vas esquecendo as partes malas da película ou tentas non darlles importancia. Do Xacobeo, quedo con que formei parte dun equipo que para Galicia foi histórico, co que conseguimos uns resultados moi importantes a nivel individual e colectivo. Durante catro anos foi unha referencia e axudou a que saísen moitos rapaces galegos que seguramente non terían chegado a ser profesionais sen este equipo. E que tivo corredores moi bos que en moitos casos despois da nosa desaparición quedaron sen equipo por culpa precisamente da maneira en que rematou.
Eu síntome privilexiado por facer unha Vuelta a España cun equipo galego saíndo de aquí de Galicia como pasou no 2007. Ou por ese último ano 2010, no que practicamente todo o equipo da Vuelta eramos galegos, agás un ruso e un rapaz que tiña orixe galega aínda que nacera en Madrid. Todos os que formamos parte dese proxecto hoxe temos a ilusión de volver ver un equipo así en Galicia e volver vibrar con el. Cada vez que compartimos nas redes sociais algo desa época ves que hai moita nostalxia na xente.
Por que cres que o Xacobeo-Galicia non seguiu adiante? Puido evitarse ese final?
"O peor foron as formas, co equipo en concurso de acredores e deixando a deber diñeiro. Pero pasou o que pasou e agora o que hai que pensar é en como volver repetir esta experiencia nalgún momento en Galicia"
Eu estou cada vez máis convencido de que o equipo desapareceu porque nese momento a nivel político non interesaba a continuidade, non había interese en que continuase. Sempre se pon a escusa de que houbera un positivo por dopaxe, pero a cousa é que a nós comunicáronnos que o equipo non ía continuar o último día que había para presentar os papeis na UCI para inscribilo. Polo tanto, a decisión estaba tomada antes, porque ti para facer a inscrición tes que presentar os contratos asinados polos corredores. A min chegaron a apalabrarme a miña continuidade durante a Vuelta a España e o que se dicía era que o equipo ía continuar. A realidade é que non había moito interese en que o equipo seguise e simplemente se deixou que morrese.
Que o equipo non continuase é lícito, pero non é lícito a maneira en que se fixo, sen avisar en tempo e forma ás 30 persoas e ás 30 familias que dependían do proxecto. Cando desapareceu o equipo, corredores e auxiliares tentamos manter o equipo nunha división inferior, pero non fomos quen de atopar os patrocinadores suficientes. O peor foron as formas, co equipo en concurso de acredores e deixando a deber diñeiro, porque moitos deixamos de cobrar moitos cartos. Pero ben, pasou o que pasou, e agora o que hai que pensar é en como volver repetir esta experiencia nalgún momento en Galicia.
Cres que o ciclismo en xeral e a UCI en particular foron xustos con Ezequiel Mosquera?
"Fíxose xustiza tres anos despois, pero Ezequiel estivo vivindo un inferno durante ese tempo, porque pasou de estar no mellor momento da súa carreira a estar sen equipo e ter que retirarse"
A partir do momento en que se sacan á luz pública procedementos que non están finalizados ou nos que se cometen erros pois xusto non se está a ser, dende logo. De feito, fíxose xustiza tres anos despois, pero Eze estivo vivindo un inferno durante ese tempo porque pasou de estar no mellor momento da súa carreira a estar sen equipo e ter que retirarse. Quen tiña que facer ben o seu traballo non o fixo, pero iso é o malo que ten o ciclismo, onde neste tipo de casos es culpable ata que poidas demostrar a túa inocencia, cando debería ser o revés, que a outra parte demostre a túa culpabilidade e que aí, se se demostrou a túa culpabilidade, si que sexas sancionado.
Como ves a situación do ciclismo galego hoxe en día, tanto a nivel de corredores, como de equipos e carreiras?
"Hai que traballar todo en conxunto, vendo o ciclismo en Galicia como unha grande empresa na que todas as seccións deben funcionar. Se ti nas categorías inferiores non tes unha base importante, nunca van chegar arriba. E ao mesmo tempo o feito de non ter arriba un espello no que os rapaces se miran tamén inflúe negativamente"
Véxoo mal e creo que hai que cambiar moitas cousas, facer un investimento de futuro para poder sacar o ciclismo galego da situación na que está. Hai un problema moi importante na base: hai poucos clubs que a traballen como hai que traballala, formando persoas máis que ciclistas. Ademais, case non hai competicións en estrada para os rapaces. Hai que conseguir formar un calendario para os corredores aquí, comezando por recuperar todas as carreiras históricas que había en Galicia para as categorías inferiores. Despois, estamos vendo como moitos equipos galegos case non teñen corredores galegos, pero é moi difícil que cheguen corredores ao máximo nivel, cando nas carreiras de cadetes e xuvenís está habendo carreiras con 40 corredores.
A clave neste momento, daquela, é fortalecer a base, máis que pensar en recuperar unha Volta a Galicia profesional ou en formar un equipo profesional?
O ideal sería que todo fose da man. Se ti nas categorías inferiores non tes unha base importante, nunca van chegar arriba. E ao mesmo tempo o feito de non ter arriba un espello no que os rapaces se miran tamén inflúe negativamente. Hai que traballar todo en conxunto, vendo o ciclismo en Galicia como unha grande empresa na que todas as seccións deben funcionar. Que haxa unha carreira profesional ou un equipo profesional sempre é bo; os nenos queren ser Cristiano, Messi ou Aspas porque son os seus ídolos e os ven na tele; e os nenos querían ser ciclistas porque tiñan como referente a Indurain, Perico, Contador ou Ezequiel Mosquera. Vai todo ligado: nun extremo está a base e na outra o profesionalismo e hai que reforzar as dúas.
Levas 21 tempadas correndo, dende o ano 2001. Notas que cambiou neste tempo a forma de correr? Falo dos potenciómetros, de medir os vatios en todo momento, dos pinganillos... Córrese de forma máis controlada, máis defensiva?
Non, o que temos son máis ferramentas para controlar o que fas, sobre todo adestrando. Pero ao final hai unha parte que non poder controlar. O potenciómetro permíteche ter unha referencia que podes utilizar nun determinado momento como un limitador, sabendo que non podes pasar dese nivel, pero é algo que antes se facía co pulso e coa experiencia. En realidade, tes tan interiorizados os ritmos e os datos que é algo que ao final fas de forma inconsciente. E despois tampouco creo que os pinganillos sexan un problema, porque ademais xogan un papel importante nas carreiras para a nosa seguridade, informándonos de posibles perigos na estrada. Tamén é certo que hoxe no ciclismo as forzas están máis igualadas que antes, o que tamén limita os ataques dende lonxe.
"Hai unha maneira de correr máis conservadora, tense máis medo a perder. Antigamente corríase para gañar e tentando provocar o fallo do rival, e hoxe moitas veces tentas non perder ti e só se o rival falla, pois aproveitalo"
Eu o que si vexo é que hai unha maneira de correr máis conservadora, tense máis medo a perder. Antigamente corríase para gañar e tentando provocar o fallo do rival, e hoxe moitas veces tentas non perder ti e só se o rival falla, pois aproveitalo. Ti ves a Volta a Portugal, onde tamén moita xente corre con vatios e pinganillo, e córrese dunha maneira completamente distinta, ao ataque e atacando dende lonxe. O problema moitas veces son os directores e a forma en que se dirixen os equipos. Moitas veces os propietarios dos equipos e quen os xestionan non son xente do ciclismo, senón xente que ten diñeiro e que só mira para o rendemento económico do equipo. Para eles moitas veces tomar un risco para tentar gañar unha carreira é inaceptable, porque podes perder a posición que ocupas agora. E penso que antes iso importaba menos e buscábase sobre todo gañar e dar espectáculo.
Que consello lle darías a un rapaz ou rapaza que queira dedicarse ao ciclismo? Que debería facer para chegar a ser profesional?
"Cando chegas a profesional, moitas veces non che apetece adestrar e telo que facer igual, porque é o teu traballo, como en calquera outro emprego. Pero ata entón ten que ser un hobby e non hai nada mellor de que poidas converter o teu hobby nun traballo remunerado"
Desfrutar, desfrutar do que fai, e non só no ciclismo, senón en todo en xeral na vida. Creo que cando as cousas se fan por gusto, sempre se ten un mellor rendemento e sobre todo non te vas aburrir. Se ti a un rapaz de 14 anos, que ten ilusión polo ciclismo, o presionas demasiado, por suposto que vai cumprir, pero vai chegar un momento en que se vai saturar e se se satura con 17 ou 18 anos, que é unha idade complicada, moitas veces acaban por deixar o deporte. É a partir dos 17 ou 18 anos cando hai que empezar a implicarse no deporte, pensando en chegar a algo, pero ata esa idade o que hai que facer é divertirte co que fas. Eu nunca deixei de desfrutar andando en bici; é certo que cando chegas a ser profesional, moitas veces non che apetece adestrar e telo que facer igual, porque é o teu traballo e cobras por iso, como en calquera outro emprego. Pero ata entón ten que ser un hobby e non hai nada mellor de que poidas converter o teu hobby nun traballo polo que che pagan. Por iso eu sempre me considerei un afortunado, un privilexiado.