O Culturgal acolle a presentación de A gran final. Contos e contas do fútbol galego (Positivas). Trátase dun libro colectivo, coordinado por Xaquín Núñez Sabarís, con 22 textos, obra de escritores e escritoras e xornalistas, pero tamén de futbolistas e ex-futbolistas
"En que se parece o fútbol a Deus?", preguntou unha vez Eduardo Galeano, e el mesmo respondeu: "na devoción que lle teñen moitos crentes e na desconfianza que lle teñen moitos intelectuais". Durante moito tempo pareceu un tabú xuntar fútbol e literatura, fútbol e cultura, entender o propio fútbol como unha manifestación cultural e profundamente social. Sobre todo o fútbol de verdade, non o odiable fútbol moderno. Porén, nos últimos anos cada vez son máis os libros que en Galicia veñen explorando esta intersección, que no Río da Prata entenderon sempre moito mellor, comezando polo propio Galeano.
Este domingo o Culturgal acolle a presentación de A gran final. Contos e contas do fútbol galego, publicado por Edicións Positivas. Trátase dun libro colectivo, coordinado por Xaquín Núñez Sabarís, con 22 textos -relatos literarios e historias persoais- obra de escritores e escritoras e xornalistas (Xurxo Souto, Patricia Janeiro, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Afonso Eiré, María López Sández, Héctor Pena, María Sabarís...) e tamén de futbolistas e ex-futbolistas como o ex-capitán deportivista Álex Bergantiños, Vero Boquete (actualmente na Fiorentina), ou os ex-celtistas Eduardo Berizzo e Sergio Álvarez.
Aos contos de Xurxo Souto, Patricia Janeiro, Marilar Aleixandre ou Bieito Iglesias, engándense as contas de Álex Bergantiños, Vero Boquete, Eduardo Berizzo, ou Sergio Álvarez
Será ás cinco da tarde (un horario moi futbolístico), nunha primeira presentación á que seguirán outras por cidades e vilas galegas e na que se debullarán as historias que compoñen o libro e que se achegan ás moi distintas vertentes do fenómeno futbolístico, dende as pachangas de barrio ata o deporte profesional.
"A idea do libro xurdiu de varias conversas con moita xente, como Xesús Torres, director da biblioteca Ánxel Casal, ou Javier Peña e Lito Vila, todos moi afeccionados ao fútbol. Falabamos da importancia cultural do fútbol e das historias que había ao seu redor. E de que se podía facer un volume con elas. Aquí non había ata hai pouco moitas iniciativas de vincular fútbol e literatura", explica Xaquín Núñez en conversa con Praza.
"Sempre houbo un certo preconceito por parte da xente da cultura cara ao fútbol como un mundo carente de sensibilidade e de valores", destaca Núñez Sabarís, que di que "é importante dignificar todos os intereses que teñen as persoas: algo que é importante para tanta xente non merece ser desprezado"
"Falando con Paco [Francisco Macías, editor de Positivas] pensamos nun formato de 11 relatos literarios, a xeito de aliñación", di. "O que pasa é que mentres non lle dabamos forma, xurdiron proxectos un pouco semellantes e pensamos que a proposta podía ser un pouco redundantes con elas", engade. Xaquín Núñez refírese, por exemplo, a O libro do fútbol, publicado por Galaxia o pasado ano, e que reúne precisamente once relatos sobre o balompé obra de Pedro Feijóo, Cristina Pato, Xosé Ramón Pena, Alberto Avendaño, Rexina Vega ou Xosé A. Perozo. Ou ao máis recente Entre liñas, con oito relatos de Rosa Aneiros, Carlos Meixide, Lois Pérez, Antonio Fraga, Manuel Seixas ou Iolanda Zúñiga, coordinados por Óscar Losada na colección O Dez.
Así, o proxecto inicial de Núñez Sabarís foi reformulado a un conxunto de 11 contos (relatos literarios) e 11 contas (historias persoais de persoas falando do fútbol dende dentro), dúas aliñacións, un partido que amplia o foco da obra, co interese engadido de contar coas voces de persoas que tiveron (ou aínda teñen) un papel protagonista no mundo do fútbol profesional.
O libro vén unirse a outros proxectos recentes en Galicia no que fútbol e literatura van da man, afondando na importancia social e cultural do fenómeno do balompé
"Sempre houbo un certo preconceito por parte da xente da cultura cara ao fútbol como un mundo carente de sensibilidade e de valores", destaca Núñez Sabarís, que di que "é importante dignificar todos os intereses que teñen as persoas: algo que é importante para tanta xente non merece ser desprezado". O propio Galeano escribiu que “para a dereita, o fútbol era a proba de que os pobres pensan cos pés; e para a esquerda, o fútbol tiña a culpa de que o pobo non pensase. Esa carga de prexuízo fixo que se descualificase unha paixón popular”.
O coordinador da obra salienta ademais a importancia que obras coma esta (e as xa publicadas) nas que o fútbol é protagonista poden ter para achegar á lectura e á literatura a moitas persoas que habitualmente non len ou que non o fan en galego. "Nun momento de alarma pola situación lingüística, un elemento como o fútbol pode atraer a moitos rapaces a ler en galego", di Núñez Sabarís.
"Nun momento de alarma pola situación lingüística, un elemento como o fútbol pode atraer a moitos rapaces a ler en galego", di Núñez Sabarís
Neste senso, adianta que queren propoñer á Federación Galega de Fútbol algún tipo de colaboración para levar o libro aos clubes, especialmente ás súas divisións inferiores, nun intento de achegarse a estes rapaces e rapazas moi interesadas polo esférico e o fenómeno futbolístico. "Todos, e cando digo todos refírome a min mesmo, á editorial e aos autores e autoras, estamos dispoñibles para que os clubes se impliquen en actividades de fomento da lectura. O libro pode ser un instrumento útil", di.
"Unha tolemia digna de mellor causa? Un negocio vulgar e silvestre? Unha fabrica de trucos manexada polos seus donos? Eu son dos que cren que o fútbol pode ser iso, pero é tamén moito máis que iso, como festa dos ollos que o miran e como alegría do corpo que o xoga". Así definiu Galeano o fútbol, sobre o que hai moito que contar.