A selección galega de fútbol feminina regresa oito anos despois. Logo da volta da Irmandiña masculina no pasado mes de maio, as rapazas volven ante Catalunya esta tarde (19 horas) no estadio da Lomba de Vilagarcía de Arousa nun encontro que será retransmitido pola segunda canle da TVG e máis pola TV3 catalá.
A 'Irmandiña' regresa capitaneada por unha estrela mundial como Verónica Boquete
Capitaneada por toda unha estrela mundial como Verónica Boquete, agora no PSG francés, a selección galega regresa en Vilagarcía, localidade dun dos principais clubs femininos do país -o Atlético Arousana- e de onde saíu outra das figuras do equipo, a goleadora do Valencia Mari Paz Vilas, dúas veces campioa de Copa e unha de Liga.
Galicia xoga en Vilagarcía, sede dun dos principais clubs femininos do país, o Atlético Arousana
Son ela e Boquete as principais figuras da Irmandiña. A compostelá acumula varias ligas en diferentes países, unha Liga de Campións co Frankfurt ou unha participación no Mundial de 2015, entre outros moitos galardóns. Xunto a elas dúas, outras futbolistas de Primeira División como Carolina González (Oiartzun), Belén Fernández (Valencia) ou Patricia Carballo (Atlético de Madrid). Quedaron fóra algunha máis por lesión.
É o Deportivo -club que nesta tempada creou o seu equipo feminino, que compite na Segunda División- quen máis xogadoras achega á convocatoria da Irmandiña (Miriam Ríos, Teresa Abelleira, Eva Luz e Ana González), seguido do Atlántida Matamá (Carla Otero e Marta Martínez), Friol (Sheila Fernández e Laura Souto), El Olivo (Natalia de Francisco e Desiree Gardón), Victoria (Nerea Carballo), Sárdoma (Sandra González) e Atlético Arousana (María Arufe).
Malia todo, foron moitas as baixas no combinado dirixido por Quin Valbuena, Edu González e Susú Cores. Tal e como aclarou o primeiro deles, "ata 15 futbolistas da lista inicial" non puideron acudir á convocatoria ben fose por lesión ou polo veto do Sporting Braga, equipo portugués no que xogan varias futbolistas galegas que eran fixas na Irmandiña.
O prezo da entrada na Lomba é de 5 euros, sendo de balde para as persoas menores de 14 anos. Será un partido contra unha das mellores seleccións do Estado, a catalá, que chega tamén con varias estrelas de nivel, entre elas varias mundialistas. As futbolistas galegas xa pediron o apoio do público para que acuda á Lomba nun vídeo difundido polas redes sociais: "Contamos contigo, non faltes!".