A xustiza investigará dous policías pola presunta detención ilegal de Álex Bergantiños, capitán do Deportivo, no marco do caso Fuenlabrada do pasado verán. A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña ordenou a continuación do procedemento penal contra os dous axentes que o pasado 5 de agosto detiveron o futbolista pola presunta comisión dun delito de corrupción de particulares, caso que foi sobresido, tras filtrarse nun medio un audio que enviara ao resto de compañeiros do equipo en relación ao polémico último partido de Liga contra o Fuenlabrada, aprazado no seu día por un brote de COVID no conxunto madrileño.
Bergantiños fora detido o pasado 5 de agosto por un presunto caso de corrupción tras enviar un audio de whatsapp aos seus compañeiros que fora sobresido
O polémico caso Fuenlabrada --que impediu o Deportivo xogar a última xornada en horario unificado e supuxo mesmo a denuncia do Concello da Coruña contra a Liga por permitir presuntamente a viaxe dun equipo cun brote de coronavirus-- acabara cunha única detención: a do capitán do Deportivo por parte de dous policías chegados desde Madrid. O futbolista coruñés fora detido mentres paseaba por un parque do seu barrio xunto á súa familia e trasladado ao cuartel de Lonzas da cidade.
A Audiencia cre "razoable" investigar os axentes por unha actuación con "indicios de reunir marcadores de tipicidade penal" por "detención ilegal"
Agora, a Audiencia da Coruña acolle o recurso presentado por Bergantiños contra o auto que ordenaba o arquivo da causa sobre o seu arresto e decreta que se tome declaración aos dous axentes da policía como investigados por un delito de detención ilegal. O tribunal considera "razoable" a investigación reclamada polo capitán deportivista "en relación cunha actuación policial xa tachada repetidamente de irregular e que presenta indicios de reunir marcadores de tipicidade penal (detención ilegal por funcionario)”.
Os xuíces da Audiencia aseguran que os feitos --criticados tamén por sindicatos policiais-- "poñen en cuestión a necesidade conceptual da detención”, pois “nada avalaba o prognóstico” de que Álex Bergantiños non comparecería ao ser chamado a dependencias policiais, fiscais ou xudiciais, e, ademais, “de ningún xeito existía risco de fuga”.
“Para afirmar a legalidade dunha detención, para descartar a desviación de poder, non abonda con averiguar a obxectiva existencia dun feito delituoso e tampouco chega con percibir un xuízo indiciario de autoría, no presente caso, francamente cuestionable, é imprescindible unha valoración do perigo de fuga do sospeitoso, sen a cal se desvanece a lexitimidade da detención”, engaden os maxistrados, que recalcan que ese risco de substracción á acción da xustiza do futbolista “nin é suxerido no atestado nin se infere de dato ningún traducido da instrución” porque “sinxelamente, non existía”.
A denuncia contra Álex Bergantiños fora interposta polo departamento de Integridade e Seguridade da Liga de Fútbol Profesional (LFP), tal e como desvelara o propio Bergantiños. En poucas horas, dous policías da brigada contra o xogo e as apostas no deporte viaxaran de Madrid á Coruña para deter o futbolista te tomarlle declaración.
Fora pouco despois de que o daquela presidente do Deportivo, Fernando Vidal, anunciara que a petición ao Consello Superior de Deportes (CSD) da inhabilitación de Javier Tebas, presidente da LFP, no marco da agre polémica que se ergueu na Coruña, onde moitas voces acusaron o máximo dirixente do fútbol español de favorecer o Fuenlabrada, club para o que traballaba o seu fillo.
Os axentes detiveron o futbolista horas despois da denuncia do departamento de Integridade da Liga, dirixida por un ex-comisario que condecorou a Tebas
Ademais, o máximo responsable desa dirección de Integridade da Liga é Florentino Villabona, un ex-comisario de policía contratado por Tebas en 2018 para ocupar o cargo logo da súa xubilación e de ocupar importantes cargos no Ministerio de Interior e ser responsable de operativos antidisturbios como contra marchas como a de Rodea el Congreso ou as Marchas da Dignidade. Durante aquel período, impuxo a Javier Tebas a medalla ao mérito policial.
Agora, a xustiza investiga as presuntas irregularidades dun proceso que permitiu que, menos de 24 horas despois dunha denuncia interposta pola Liga contra Álex Bergantiños --e que acabou finalmente arquivada--, dous axentes de policía se presentasen na Coruña para a súa detención e toma de declaración.