Dous equipos galegos. Dous conxuntos femininos. Dous clubs ás portas dun título europeo. A pasada fin de semana, o Conservas Orbe Zendal Porriño clasificouse para a final da EHF European Cup logo de volver vencer no partido de volta de semifinais o Hazena Kynzvart checo por tres tantos de diferenza. O equipo porriñés fixo historia e aspira agora a conseguir o primeiro título europeo dun equipo galego de balonmán.
Xogará en maio unha final continental como a que tamén a pasada semana comezou a disputar o Baxi Universitario Ferrol en baloncesto, converténdose tamén no primeiro conxunto galego nesta disciplina en alcanzar este fito.
O Balonmán Porriño alcanzou a final da European Cup só uns días antes de que o Baxi Ferrol dispute a volta da final da Eurocup de baloncesto feminino en Francia
O conxunto departamental completou a súa fazaña europea chegando ao último chanzo previo ao título da Eurocup que intentará conquistar este vindeiro mércores en Villeneuve d’Ascq. Alí, nesa localidade da área metropolitana de Lille, intentará remontar os tres puntos de vantaxe que o equipo francés do ESBVA acadou na ida disputada nunha Malata ateigada e entregada.
A epopea do Baxi vai camiño de se converter en historia. Un equipo que hai dous anos estaba na segunda categoría do baloncesto feminino, que a piques estivo de non disputar a segunda competición europea por falta de orzamento pero que ten unha das cifras de abonados máis altas da competición profesional española. O mércores pode completar unha fazaña que non deixará de selo no caso de quedar co subcampionato.
Mentres, no Porriño, a vila vibra co balonmán como Ferrol o fai coas súas rapazas de básquet. O seu último atranco para chegar ao ceo será o equipo islandés do Valur os próximos 10 e 17 de maio, unha final que entrará na historia dun club centrado na canteira desde que se fundara en 1987, cunha vintena de equipos, unha ampla base e a metade do primeiro equipo formado por xogadoras galegas.
O Balonmán Porriño enfrontarase o Valur islandés na final os días 10 e 17 de maio
O Baxi Universitario Ferrol é dez anos máis novo. Foi fundado en 1997 e a actual é a súa novena tempada na elite do baloncesto feminino estatal. Con 14 experiencias na segunda categoría, a súa participación na Eurocup é a primeira en competición europea para un equipo que aínda en 2023 acadou o regreso á máxima categoría do básquet profesional.
Recollendo o ronsel do mítico OAR Ferrol, o Baxi presume de afección e dun proxecto que lidera Lino López, o seu adestrador, o grande arquitecto do equipo. Ferrolán e ex-xogador profesional, iniciouse como técnico no Universitario nada máis retirarse, en 2011, para posteriormente conseguir o ascenso co club da súa cidade. Fichou por un grande como o Perfumerías Avenida de Salamanca en 2018 pero axiña regresou á súa cidade, onde insiste en que está a vivir un soño.
O próximo mércores, o soño pode virar nunha realidade inimaxinable non hai moito. En maio, o Balonmán Porriño será quen busque outro éxito impensable para o deporte galego. Tamén da man das mulleres. Sexa como for, en ambos casos xa gañaron.