Irene Vilaboa, nova adestradora do Teucro, primeira muller en dirixir un equipo masculino nas máximas categorías

Irene Vilaboa, adestradora do Teucro © Deputación de Pontevedra

A serie norueguesa Heimebane, emitida nos últimos dous anos, retrata a loita dunha adestradora que rompe esquemas e barreiras cando é élixida para dirixir un equipo da primeira división masculina. Segue sen ser habitual que mullleres adestren equipos deportivos nas máximas categorías, pero algunhas profesionais están a rachar eses teitos.

Irene Vilaboa vén de ser confirmada, de forma oficial, na adestradora da S.D. Teucro, o equipo pontevedrés da División de Honor Prata Masculino. A viguesa convértese así na primeira muller que dirixe un equipo masculino nalgunha das dúas categorías principais do balonmán español. E, de feito, é a primeira muller adestradora en nun equipo masculino nunha das dúas primeiras categorías entre os principais deportes colectivos do Estado.

Irene Vilaboa, adestradora do Teucro © Deputación de Pontevedra

Vilaboa ten unha ampla experiencia tanto en equipos masculinos como femininos. Así, dirixiu durante sete tempadas o Bueu Atlético na Primeira Nacional masculina

Vilaboa ten unha ampla experiencia tanto en equipos masculinos como femininos. Así, dirixiu durante sete tempadas o Bueu Atlético na Primeira Nacional masculina e, igualmente, adestrou o Balonmano Porriño na División de Honor Feminina e o Atlético Guardés na Primeira Nacional feminina. En todos estes clubes destacou pola súa aposta pola canteira e a formación de xogadores e xogadoras novas.

Así mesmo, formou parte do corpo técnico da Federación Española, adestrando a Selección Júnior Femenina durante 10 tempadas, acadando unha medalla de prata no Europeo de Turquía e un 4º posto no Mundial de Seúl. E, ademais, foi durante dous anos seleccionadora absoltua feminina da Federación Galega. A nova adestradora estará acompañada da súa irmá Rosa, coa que compartiu banco durante varias tempadas e que o pasado ano traballaba xa como segunda adestradora do Teucro, ás ordes de Luis Montes.

O Teucro é o vicedecano do balonmán español, fundado en 1945 e na súa longa traxectoria alternou a súa presenza na máxima categoría con anos na segunda categoría. Dende 1989 militou 18 tempadas na Liga Asobal, na que acadou nos anos 90 os seus merandes éxitos, sendo 4º na liga 1994-95 e clasificándose para as competicións europeas. Na tempada 2018-19 descendeu de novo á División de Honor Prata na que xoga na actualidade. Na tempada 2019-20 o equipo finalizou na 13ª posición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.