Dous episodios de racismo ensuciaron a xornada futbolística de dous equipos galegos do grupo primeiro da Segunda Federación este pasado domingo. O máis grave aconteceu nos últimos instantes do encontro entre os filiais do Deportivo e do Racing de Santander. Unha algarada que implicou a ambos conxuntos acabou con varios cartóns amarelos, un amago de liorta, a forte indignación de varios membros do corpo técnico coruñés e un xogador especialmente afectado: o senegalés do Fabril Alioune Mane.
A importante reacción no banco do Fabril e o desacougo de Mane tiñan unha explicación sobre a que deitou luz pouco despois a acta do partido. O filial deportivista, a través do seu adestrador de porteiros, advertiu ao árbitro ao entrar nos vestiarios dun "incidente de índole racista", segundo di o acta. Nunha reunión posterior entre o colexiado e membros do corpo técnico branquiazul, estes aseguran que "un xogador do Rayo Cantabria dirixiuse a el (Mane) empregando expresións como : Eres un mono de mierda".

Mane, xogador senegalés do Fabril, foi atendido por ansiedade aguda logo de que un futbolista do filial do Racing de Santander o insultase: "Eres un mono de mierda"
Segundo o médico do Fabril, presente na reunión, revela que o futbolista senegalés presentaba "un cadro de ansiedade agudo como froito do incidente racista e que vai ser trasladado a un centro hospitalario para recibir atención médica", unha situación que reflectiu nun informe médico, aínda que Mane foi finalmente atendido na propia cidade deportiva de Abegondo e trasladado logo á residencia do club, onde reside.
O colexiado sinala tamén que o delegado do Fabril identificou o futbolista do Rayo Cantabria Diego Fuentes "como autor do incidente" e de verter, presuntamente, insultos racistas cara ao futbolista deportivista.
O Deportivo anuncia que denunciará o incidente "no máis alto nivel das institucións competentes" ata que os responsables "sexan sancionados de forma exemplar"
Unhas horas máis tarde, o Deportivo emitiu un comunicado advertindo de que "levará o incidente ao máis alto nivel das institucións competentes e non cesará ata que os responsables sexan sancionados de forma exemplar". Ademais, o club expresa a súa "máis enérxica condena" polo acto racista e por un tipo de comportamentos "absolutamente inaceptables" e que "non teñen cabida nin no fútbol, nin no deporte en xeral, nin na sociedade".
"O Deportivo non tolerará ningunha manifestación de intolerancia", insiste, tras trasladar a Mane "todo o seu apoio". O club, ademais, xa enviou á Real Federación Española de Fútbol un escrito no que solicita a partura dun expediente para investigar os feitos, segundo conta La Opinión.
Pola súa banda, o Racing de Santander emitiu un comunicado no que nega o sucedido, denuncia o acoso en redes ao presunto culpable do insulto racista e denuncia tamén o comportamento do árbitro por reflectir na acta o testemuño de membros do club galego malia que os colexiados "non foron testemuñas" do suposto improperio.

Omar Ouhdadi, xogador do Bergantiños, foi insultado por un grupo de afeccionados do Real Ávila: "Puto moro de mierda"
Por outra banda, na mesma xornada, outro xogador dun equipo galego sufriu tamén insultos racistas. Desta vez foi por parte dun grupo de afeccionados do Real Ávila, que berraron en varias ocasións "puto moro de mierda" ao futbolista do Bergantiños Omar Ouhdadi durante un partido da mesma competición, o grupo I da Segunda Federación.
Así o advertiu un dos xuíces de liña do partido ao árbitro principal, que o acabaría reflectindo tamén na acta do partido. Segundo comenta, Omar "recibiu insultos de carácter racista por parte dun grupo de afeccionados locais identificados pola súa vestimenta e zona do campo. En concreto, dirixíronse a el nos seguintes termos en reiteradas ocasións: Puto moro de mierda", di no documento o colexiado.
O futbolista foi apoiado por compañeiros e varios rivais que condenaron a actitude dese grupo da súa propia afección no seu campo. O Bergantiños, pola súa banda, lamentou nun comunicado calquera comportamento que implique "racismo, xenofobia ou violencia" e condenou os improperios "duns poucos afeccionados locais" tras destacar o comportamento "excepcional" do "Real Ávila, corpo técnico, xogadores e maioría de afeccionados".
Ademais, o propio Real Ávila emitiu tamén un comunicado no que "rexeita calquera tipo de manifestación ou comportamento de índolo racista ou xenófoba" e condena "enerxicamente" os feitos ocorridos. "A nosa afección non se ve representada por estes actos e o club atópase en disposición da entidade rival e a Federación para concluír os feitos", di, tras advertir de que non permitirá "que o racismo gañe terreo no noso deporte".