O BNG insta a emitir os partidos do Breogán pola TVG, que asume que non se interesou por mercalos

Celebración durante un partido do Breogán en Lugo © Carlos Castro para VINTE

O BNG insta a TVG a que adquira os dereitos para emitir partidos do Club Baloncesto Breogán na ACB. A deputada nacionalista Olalla Rodil anunciou este xoves que presentará unha serie de iniciativas no Parlamento logo de que seareiros do único equipo galego na elite do básquet, así como afeccionados a este deporte, advertisen de que televisións públicas como a catalá xa anunciaron acordos para retransmitir encontros dos conxuntos cataláns ou que outras como a vasca e a canaria negocian poder facelo. 

O BNG presentará iniciativas no Parlamento para instar a TVG a que adquira os dereitos de emisión dos partidos do Breogán na ACB

Rodil, acompañada polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro e concelleiras e concelleiros do BNG na cidade, anunciou a iniciativa que trasladará á Cámara e censura que o "apoio e seguimento" ao Breogán que "se sente, non só no concello de Lugo, senón no conxunto de Galiza" non se vexa "correspondido coa presenza do club nos medios públicos" do país. Así, lembra que nos últimos anos a TVG tan só emitiu os partidos do conxunto lucense en competición europea na temporada 2023/24. 

Rodil, Efrén Castro e edís do BNG en Lugo, ante o Pazo dos Deportes CC-BY-NC-ND BNG

"Entendemos o disparatado mercado dos dereitos de emisión deportiva, do práctico monopolio dos mesmos e o abuso de poder que as grandes produtoras exercen sobre as televisións máis modestas, máis o certo é que outras corporacións públicas están a traballar para emitir partidos de equipas das súas áreas de influencia", advirte Rodil. 

A CSAG di non ter "constancia" de que TV3 vaia emitir partidos da ACB e aclara que nin DAZN nin a Liga se puxeron en contacto con eles

"A Lugo e ao Breogán sempre nos tratan como de segunda e no nos teñen en conta; o que é unha realidade histórica é que o Breogán é o buque insignia do noso país no baloncesto e a televisión pública debera estar á altura", insistiu Efrén Castro. 

Para esta temporada 2025/2026 a televisión pública de Catalunya alcanzou un acordo por 1,5 millóns de euros co operador DAZN, que se fixo cos dereitos da Liga ACB, polo que emitirá un partido de cada xornada o domingo ás 12 horas no que participará polo menos un dos cinco equipos cataláns que compiten na elite do baloncesto. Ademais, e tras un acordo con TVE, a canle pública emitirá en aberto outro partido, tamén os domingos, ás 12:30. 

TV3 emitirá cada xornada un partido con equipos cataláns, a TVE emitirá un encontro en aberto e as televisións canaria e vasca negocian con DAZN

Malia as abondosas referencias en prensa a estes acordos, e preguntada por este diario, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG) asegura que "non ten constancia de ningún acordo asinado por 3Cat con ningún operador público ou privado para emitir os partidos dos equipos cataláns da ACB". 

Afección do CB Breogán no Pazo dos Deportes de Lugo © Carlos Castro para VINTE

Ademais, e cuestionada sobre a posibilidade de negociar a adquisición dos dereitos dos partidos do Breogán para emitir na TVG, asegura que "nin desde o operador que posúe os dereitos da competición nin desde a ACB se puxeron en contacto coa CSAG para explorar ningunha clase de acordo sobre a cesión ou venta dos dereitos adquiridos". Tampouco —suponse— se puxo en contacto a Corporación con ningún deles. 

"O deporte galego e especialmente os clubs que levan o nome de Galiza ao máis alto nivel de competición merecen que os seus medios públicos, os de todas as galegas e galegos, lle dean un tratamento á altura do seu nivel deportivo e do da súa afección", lamenta Olalla Rodil. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.