Os lucenses non xogaban uns cuartos de final da competición dende o ano 1990, nun equipo no que xogaban Manel Sánchez, George Singleton ou Tito Díaz
O 10 de febreiro de 1990 o Breogán xogou o seu derradeiro partido dunha fase final da Copa do Rei de baloncesto. Aquel día, nas Palmas de Gran Canaria, os lucenses perderon nos cuartos de final (94-78) ante o Joventut de Villacampa ou os Jofresa. Era un Breogán adestrado polo recentemente finado Ricardo Hevia e liderado por Manel Sánchez e George Singleton e con Greg Foster, Tito Díaz ou José Manuel Cabezudo no equipo.
Este xoves, 32 anos despois, os lucenses regresan a unha fase final da Copa do Rei e en Granada enfrontaranse ao todopoderoso Real Madrid. Nunha loita de David contra Goliat, o Breogán busca dar a sorpresa, confirmando o éxito dunha tempada na que o regreso á máxima categoría do baloncesto estatal non puido comezar mellor. Será ás nove e media da noite, nun partido televisado a través de VAMOS, canle da plataforma Movistar.
A clasificación do Breogán para a final a 8 de Granada é a primeira conseguida por un equipo galego dende a participación de OAR Ferrol e Coren Ourense na de 1994. No 2016 o Obradoiro foi convidado como equipo anfitrión.
Non só hai tres décadas que o Breo non chegaba a unha fase final da Copa do Rei, senón que esta seca se ampliou a todo o baloncesto galego nos últimos 28 anos, coa única excepción da participación no ano 2016 do Rio Natura Monbus Obradoiro como anfitrión, nunha fase final que se xogou na Coruña. Con todo, os composteláns non se clasificaran entre os 8 primeiros, como si conseguiu o Breogán.
O ano 1994 foi a última vez que o equipo do país se clasificou por méritos propios para esta final a 8. Naquela ocasión o Coren Ourense e o OAR Ferrol xogaron os cuartos de final dunha competición que se xogou en Sevilla, perdendo os clubs galegos os seus partidos. Un ano máis tarde o OAR Ferrol volveu clasificarse para a fase final, eliminando o Cáceres nun playoff. Porén, a saída da Liga ACB do equipo ferrolán por motivos económicos impediu que xogase a rolda final, que se celebrou en Granada.
O partido ante o Real Madrid comezará ás nove e media da noite e será retransmitido por VAMOS
O partido deste xoves trae á memoria, polo tanto, as tempadas históricas do Breogán de finais dos anos 80 e comezos dos 90, que repasamos na segunda entrega de Retrocorenta da man de Tito Díaz. Outro baloncesto distinto ao actual, pero coa mesma emoción, como relataba naquela entrevista. Os lucenses clasificáranse para aquela fase final despois de eliminar na fase previa ao Caja de Ronda, como lembra o vídeo publicado polo programa En Xogo da TVG nas redes sociais.
Os lucenses, que regresaron este ano á Liga ACB, están a realizar unha tempada espectacular, con triunfos coma os recentemente acadados ante Baskonia ou Valencia
A clasificación dos lucenses entre os oito mellores da competición no ecuador da fase regular, que lle outorgou o billete para Granada, é froito dunha tempada espectacular, que incluíu vitorias ante equipos a priori moi superiores, como a conseguida hai unhas semanas ante o Baskonia ou a acadada o pasado domingo ante o Valencia Basket. Neste momento o Breogán é 9º e segue fixando como obxectivo a permanencia, aínda que cun ollo posto na clasificación para os playoff polo título.
O ano pasado os lucenses conseguiron o desexado ascenso dende a Leb Ouro e foi, precisamente, en Granada, ante o equipo local, nun escenario que lles trae boas lembranzas e onde buscan repetir éxitos.
O éxito dos lucenses, adestrados por Veljko Mrsic, aséntase sobre o xogo de Dzanan Musa e as achegas do resto de xogadores fóraneos, pero tamén sobre a participación dos irmáns Quintela
O éxito dos lucenses, adestrados por Veljko Mrsic, aséntase sobre o xogo de Dzanan Musa, que está promediando case 20 puntos por partido, e as importantes números do resto de xogadores foráneos, como Trae Bell-Haynes, Rasid Mahalbasic, Tyler Kalinoski, e Marko Lukovic, pero tamén sobre a excelente achega de Iván Cruz e, igualmente, sobre a participacións dos lucenses irmáns Quintela.
As canastras de Erik (1991) e Sergi (1996), criados no Chao, son das máis celebradas no Pazo dos Deportes, nunha reivindicación da importante canteira existente na cidade e da galeguidade dun equipo que quere seguir facendo historia.