As futbolistas do Burela xogaron con máscaras FFP2 ante a negativa do rival a realizar as probas de detección da covid-19 previas ao partido
Un empate a tres goles que foi o de menos. O Burela Pescados Rubén de fútbol sala volveu ser este sábado protagonista ao disputar o seu partido da Primeira División Feminina en Móstoles con máscara. Club pioneiro en varias medidas, a imaxe das súas xogadoras con protección quedará tamén como unha delas, malia a incomprensible polémica que ergueu nalgúns.
"O Orgullo Laranxa brillou na xornada tres por profesionalidade, seguridade e responsabilidade social na pista do FSF Móstoles", relata o propio club. Ante a negativa do equipo madrileño a facerse os tests de detección de coronavirus antes do encontro, as futbolistas do club mariñaou disputaron o partido con máscaras FFP2.
"A modo de protesta decidimos non xogar o primeiro minuto de partido e, para a nosa sorpresa, o equipo rival deunos as costas. Cadaquén queda retratado coas súas propias accións. Ao final son estas cousas as que te definen como persoa", explica.
Federacións deportivas ameazaron aos clubs galegos con facelos xogar fóra de Galicia como locais para esquivar os tests de covid que esixe a Xunta
O partido rematou con empate a tres goles no que foi, segundo o Burela, "un enfrontamento brusco e igualado" ante un Móstoles "certamente agresivo".
Hai tan só un mes, as federacións deportivas españolas ameazaron aos clubs galegos con facelos xogar fóra de Galicia como locais para esquivar así os tests para a detección da covid que esixiu a Xunta nos seus protocolos.
O Sergas ratificara daquela a súa esixencia de probas previas para os equipos que viaxasen ao país logo de que as federacións do deporte español lle advertisen de que podía enviar a exilio aos equipos galegos para evitar levalas a cabo.
Como sinal de protesta pola negativa ás probas por parte do club de Móstoles, as futbolistas decidiron cruzar os brazos e non disputar o balón durante o primeiro minuto de xogo. A resposta, sorprende, das rivais foi darlles as costas ás xogadores do Burela.
As futbolistas do Móstoles deron as costas ás do Burela durante a súa protesta no primeiro minuto do encontro
"Xogamos con máscaras FFP2 para protexernós a nós e a xente que nos rodea. Sabiamos que nos íamos enfrontar a unha situación complicada pero estabamos convencidas de como facelo", relatou en Twitter a futbolista Lara Balseiro, que amosa nun vídeo o momento no que as futbolistas do Móstoles dan as costas á súa protesta.