A segunda edición da proba, entre o 23 e o 26 de febreiro, consta de catro etapas (unha por provincia) que percorrerán escenarios únicos, partindo da Muralla de Lugo e rematando na Praza do Obradoiro despois de subir o Monte de Santa Trega ou visitar a zona máis afectada polos incendios en Ourense
A edición do pasado ano de O Gran Camiño supuxo o retorno de Galicia ao calendario ciclista internacional. A proba organizada por EME Sports co apoio da Xunta e das catro deputacións provinciais atraeu nomes de primeiro nivel e rematou cun podio de categoría encabezado por Alejandro Valverde na tempada da súa despedida. Retransmitida por Eurosport para todo o mundo, foi celebrada, ademais, polo deseño do seu percorrido e polas paisaxes que se puideron ver ao paso dos ciclistas
O Gran Camiño regresa este mes, do 23 ao 26 de febreiro, con catro etapas (unha en cada provincia) cun percorrido moi duro e grandes sorpresas, como a saída da primeira etapa dende a propia Muralla Romana de Lugo, a chegada ao Monte de Santa Trega na segunda, a terceira xornada (raíña) por algúns dos lugares máis afectados polos incendios do pasado verán en Valdeorras, ou o remate da cuarta tirada na Praza do Obradoiro en Compostela.
Desde a organización, Ezequiel Mosquera destaca que esta volta é un “proxecto de país” e un “lenzo en branco para que podamos pintar o bonita que é a nosa terra” e trasladar a todo o mundo o patrimonio e paisaxes de Galicia
Desde a organización, Ezequiel Mosquera destaca que esta volta é un “proxecto de país” e un “lenzo en branco para que podamos pintar o bonita que é a nosa terra” e trasladar a todo o mundo o patrimonio e paisaxes de Galicia. O pasado ano, lembrou o responsable de EME Sports, era “un proxecto” para o que a organización “puxo toda a carne no asador”. Este ano, tras a repercusión “social e mediática” da edición 2022, é xa “unha realidade”, lembrou Mosquera, que busca “vender Galicia” no exterior e “seguir apostando” por dar a coñecer "as súas incribles paisaxes". Mosquera subliñou que a proba "desde o seu propio nome vai máis aló dunha volta ciclista”.
Na mesma liña, o exciclista Óscar Pereiro, padriño da proba, eloxiou o éxito da primeira edición do Gran Camiño e augurou que se superará este, mentres que destacou a capacidade do ciclismo para “difundir a beleza desta terra".
Etapas
- 23 de febreiro. Muralla de Lugo-Sarria. 191 Kms
- 24 de febreiro. Tui-A Guarda/Monte Trega. 189 Kms
- 25 de febreiro. Esgos-Parque Natural da Enciña da Lastra/Rubiá. 171 Kms
- 26 de febreiro. Novo Milladoiro-Praza do Obradoiro. 18 Kms (CRI)
En Lugo, punto de saída desta edición, o responsable de Deportes da Deputación, Efrén Castro, destacou que esta primeira etapa será “moi icónica” e centrada no patrimonio, o Camiño de Santiago e a paisaxe
Cada unha das etapas foi presentada individualmente polos responsables de cada deputación provincial e das localidades polas que transita o percorrido deste ano. En Lugo, punto de saída desta edición, o responsable de Deportes da Deputación, Efrén Castro, destacou que esta primeira etapa será “moi icónica” e centrada no patrimonio, o Camiño de Santiago e a paisaxe. Na mesma liña, o tenente de Alcalde da cidade, Rubén Arroxo destacou o “orgullo” que supón para que a proba saia "da muralla romana mellor conservada do mundo”, algo “que non ten ningún outro sitio” e apostou por “seguir promovendo a cidade a través do deporte”.
A segunda etapa ascenderá ao alto inédito en ciclismo profesional de Santa Trega, atravesando mesmo un treito sen asfaltar moi preto da meta. O responsable da proba e de EME Sports, Ezequiel Mosquera, destacou que “pensamos que podería ser unha icona ciclista, non só pola parte deportiva, senón polo que representa” pois “a historia de Galicia está escrita aquí, neste monte”, dende onde hai unha espectacular vista da desembocadura do Miño a carón dun dos castros máis fermosos do país.
A idea de levar a proba a Valdeorras xa se planificara. Con todo, “chegou o verán e aquilo quedou todo arrasado” polas chamas. “O habitual no ciclismo” é escapar desta terra queimada, que “non se pode ensinar pola tele”, dixo Mosquera. Porén, tomaron a decisión de seguir adiante e converter a etapa nunha homenaxe á zona
Durante a presentación da etapa en Ourense, Mosquera sinalou que a idea de levar O Gran Camiño a Valdeorras xa se planificara antes do verán, tendo en conta que esta área é “un verxel para o ciclismo”. Porén, “chegou o verán e aquilo quedou todo arrasado” polas chamas. Nesta situación, “o habitual no ciclismo” é escapar desta terra queimada, que “non se pode ensinar pola tele”, dixo Mosquera. Con todo, el, xunto co seu equipo e de acordo cos patrocinadores, tomaron a decisión de seguir adiante co planificado e converter a etapa nunha homenaxe á zona.
Finalmente, a derradeira tirada terá como escenario a comarca de Compostela, un recoñecemento da provincia da Coruña e de Galicia como “territorio ciclista”, destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Participación do vixente gañador do Tour de Francia
Haberá unha participación de luxo, con varios equipos World Tour, como Jumbo-Visma (coa presenza confirmada do gañador do último Tour de Francia, Jonas Vingegaard), Movistar, Cofidis e Astana
A proba mantén a súa categoría (2.1), un nivel que non é doado acadar para unha carreira de recente aparición e que comparte coa Volta a Murcia, o Tour dos Alpes Marítimos, a Semana Internacional Coppi e Bartali, o Giro de Sicilia, a Volta a Asturias, o Tour de Hungría, a Ruta de Occitania ou a Volta a Portugal. E unha participación de luxo, con varios equipos World Tour, como Jumbo-Visma (coa presenza confirmada do gañador do último Tour de Francia, Jonas Vingegaard), Movistar, Cofidis e Astana, ademais de escadras coma Q36.5, Human Powered Health, EOLO Kometa, Corratec ou os mellores conxuntos continentais de España (Euskaltel, Burgos BH, Kern Pharma y Caja Rural) e Portugal (Efapel, Tavira, Rádio Popular, Tavfer...)