A futbolista galega Vero Boquete comentará para TVE a final da Eurocopa de fútbol. "Nunca pensei en poder comentar unha final dunha Eurocopa masculina. Estou encantada coa oportunidade", indica
Un tuit de Alfonso Hermida durante o partido de semifinais que enfrontaba a España contra Francia sinalaba a Vero Boquete como a gran comentarista que é : “Pero que me dicides do pedazo de Eurocopa que está facendo @VeroBoquete en Televisión Española? Non hai analista mellor ca ela”, refería o chío. Axiña chegaron as reaccións, a meirande parte a favor, aínda que sempre hai haters polas redes sociais. Máis de 6.800 “gústame” e preto de 400 comentarios situaban á de Compostela no centro da conversa, unha vez máis.
A futbolista galega está acostumada a romper barreiras (ao ser pioneira ao gañar a Champions League, por exemplo) e ser unha referente, aínda que non o persiga, para a mocidade, especialmente para a rapazas galegas. Boquete é unha futbolista de elite e tamén, a día de hoxe, unha comentarista de prestixio elixida para analizar en directo a final da Eurocopa deste domingo entre España e Inglaterra, en TVE. “Nunca pensei en poder comentar unha final dunha Eurocopa masculina. Estou encantada coa oportunidade”, asegura.
Como leva ser a revelación da Eurocopa?
Eu estou contenta de como están a saír as cousas. É certo que as críticas son case todas positivas e iso quere dicir que a maioría da xente está satisfeita. Logo, cando chegan as louvanzas de xente que se dedica a isto pois evidentemente ten máis valor. Que as críticas positivas sexan da miña familia ou dos meus amigos é fácil pero que profesionais disto o vexan así é un eloxio e é de agradecer que o fagan público. Neste caso o tirón, especialmente en Galicia, vén por ese tuit. Pero non me vexo como que son a revelación da Eurocopa. Eu estou facendo o mellor que sei e que podo e gozando tamén desta experiencia.
Está sorprendida de que sorprenda o seu coñecemento técnico/táctico do deporte que leva practicando profesionalmente desde hai 20 anos?
Claro, se o que fai os comentarios é un analista home ao mellor non sorprende tanto que saiba disto pero parece que está a sorprender que unha muller comente o fútbol e teña os coñecementos técnicos. Entendo que tamén a sorpresa é porque é a primeira vez que hai unha comentarista analista coa selección española nunha Eurocopa masculina. Entón, o que hoxe é noticia e sorprende a partir de agora xa non sorprenderá máis.
Sempre está a romper barreiras e neste eido tamén vai ser unha referente para as rapazas que están a ver a televisión.
Si, por unhas ou outras razóns moitas veces tócame ser a primeira. Por un lado é bo porque non tes nada con que compararte, co cal fago o que sei e como podo, pero por outro lado gustaríame tamén ter algunha referencia para realmente eu medirme e saber se o estou facendo ben, mal ou pódoo facer mellor. En calquera caso, ser referente sempre é unha cousa positiva e se agora hai nenos e nenas que me ven aí e o perciben tamén como algo normal e unha opción de futuro para eles, pois gañamos todos.
"Quen teña a dúbida de se estou na Eurocopa por cota ou non que vexa, escoite e analice o traballo que estou facendo tanto eu como os meus compañeiros e despois valore"
Chegamos a 2024 e unha muller, por fin, comenta unha Eurocopa na TVE, que forma un equipo con Marchena, Mario Suárez, Ferrer e Boquete. Hai que aplaudir tamén a aposta da TVE?
A verdade é que o apoio da TVE e o trato cara a min foi sempre moi positivo. Primeiro creo que mediron a nivel de fútbol feminino, cando fixen a Eurocopa de 2022 en Inglaterra. Fixen tamén o Mundial e durante este ano tamén estiven comentando algúns partidos da liga masculina en Movistar; fago tamén moita radio tanto en Radio Marca como en Radio Nacional. Ao ir facendo esas cousas ben, dáche a oportunidade de que chegue unha Eurocopa masculina e en TVE digan “por que non” meter a Vero como analista cando o que fixo ata agora estivo ben. Evidentemente, despois hai que ter o valor de facelo e, neste caso, fixérono.
Logo tamén sempre hai que ler críticas negativas nas redes sociais que falan da cota…
Eu entendo as opinións de calquera sempre que sexan con respecto. No tema dos haters, se son insultos xa sabes de que tipo de persoa veñen e que valor lle podes dar a ese comentario. Pero cando son comentarios do tema de se estou aí por cota ou non, a verdade é que non o sei. Se estou por cota, estou tentando aproveitar a oportunidade que supón para que a partir de agora xa non sexa por cota, senón por calidade e por merecemento. Eu espero que non sexa por cota, pero penso que no caso da igualdade de xénero esa dúbida vai estar sempre aí. Pero quen teña a dúbida de se estou na Eurocopa por cota ou non que vexa, escoite e analice o traballo que estou facendo tanto eu como os meus compañeiros e despois valore. Eu tento facelo ben e se é por cota agora que non o sexa no futuro e se xa non o é desde agora pois moitísimo mellor.
"Encantaríame estar no fútbol masculino porque nestes momentos é o máximo nivel e tampouco hai ningunha muller que chegara a adestrar en primeira división no fútbol masculino. Ese foi sempre o meu reto e o meu soño"
É máis difícil xogar ou comentar?
Para min comentar, porque xogar sáeme innato. Está claro que cando estás vendo un partido é moi doado falar e dicir que “aquí tiña que facelo desta ou doutra maneira” pero cando estás no campo é complicado. Entón, eu, desde a experiencia que me dá o xogar, intento ser tamén nese sentido o máis comedida posible porque sei da dificultade que ten o xesto técnico ou a táctica que estamos a comentar. Comentar é máis difícil porque tes que medir as palabras, non queres faltar ao respecto a ninguén. E cando comentas en TVE eu teño que transmitir para todos e para todas. E hai distintos niveis de afeccionados. Hai xente que coñece moi ben a técnica e a táctica deste deporte e hai outra xente que non. E todo iso tamén o teño na cabeza á hora de comentar os partidos.
Ve un futuro profesional como comentarista?
A miña primeira opción é ser adestradora profesional. Encantaríame estar no fútbol masculino porque nestes momentos é o máximo nivel e tampouco hai ningunha muller que chegara a adestrar en primeira división no fútbol masculino. Ese foi sempre o meu reto e o meu soño. No momento que deixe de ser futbolista quero ser adestradora. Tamén, por iso, o de meterme no fútbol masculino como analista, porque parece que moitas veces tes que demostrar a túa valía desa maneira porque non te coñecen. Ti non estiveches neses vestiarios nin neses campos e tes que facer outras moitas cousas. Eu estou preparándome para todo o que poida ser no futuro: rematei o máster de management deportivo, estou co tema de analista e adestradora. O meu primeiro obxectivo é adestrar, pero creo que todo o demais sempre suma. A min nada me resta e vou facendo un pouquiño de todo.
Dicía tamén algún comentario en redes sociais que “como non poñan a Vero Boquete na final, apago a tele”. Estará na gran final?
Si, estarei na final. Para min é un privilexio poder gozar disto. Nunca pensei en poder comentar unha final dunha Eurocopa masculina. Estou encantada coa oportunidade. Tentarei gozalo ao máximo e prepararei o partido da mellor maneira posible para que a retransmisión tamén lle guste á xente e lle achegue o que nós estamos vivindo alí.