Pauleta, a futbolista galega que cumpre o soño de xogar coa 'seleção' de Portugal

Pauleta celebra o título de Liga co Benfica en 2025 © SL Benfica

"Fiz-me e tornei-me mulher em Portugal. Por isso, queria muito agradecer em campo a Portugal", dixo Pauleta, a de Redondela, tras ser convocada por primeira vez coa 'seleção'

"É algo que queria há muito tempo. Conto sempre a minha história: cheguei a Portugal há dez anos, era apenas uma miúda de 18, sem saber muito bem o que era a vida. Cresci aqui, tornei-me mulher aqui, até tirei a carta de condução aqui e fiz o meu curso numa universidade portuguesa. Fiz-me e tornei-me mulher em Portugal. Por isso, queria muito agradecer em campo a Portugal, também a toda a estrutura do futebol feminino português". 

Con estas palabras na televisión do Benfica, a futbolista Paula Domínguez Encinas, máis coñecida como Pauleta, celebrou a súa primeira convocatoria coa selección absoluta feminina de fútbol de Portugal. A galega, nada en Redondela hai 28 anos, leva máis dunha década no país veciño, ao que chegou procedente do extinto El Olivo vigués, onde deu os seus primeiros pasos no fútbol de elite. 

Pauleta, lucindo a camiseta de Portugal de nena, nunha foto difundida no seu Instagram CC-BY-SA pauleta21_

En 2016 fichou polo Braga e logo de dous anos, a centrocampista recibiu a chamada dun dos grandes de Portugal, o Benfica, onde fixo carreira desde a creación do equipo feminino ata virar en estrela e capitá. No club lisboeta gañou cinco Ligas, dúas Copas e tres Supercopas, entre outros trofeos, ademais de liderar o equipo na Champions. 

Pauleta virou en estrela e capitá do Benfica, grande de Portugal, onde leva máis dunha década; tras nacionalizarse lusa e logo de graves lesións, cumpre o soño de xogar polo país de acollida

En 2023 nacionalizouse portuguesa, sabedora tamén das súas posibilidades de formar parte da seleção e coa intención de optar ao Mundial daquel mesmo ano, pero rompeu o ligamento cruzado do xeonllo esquerdo e ano e medio despois tivo a mesma lesión no dereito. Recuperada tras moitos problemas, e ao nivel que a levara a ser unha das mellores xogadoras do campionato luso, a futbolista galega ten agora o soño do campionato do Mundo máis perto. 

Pauleta di cumprir un obxectivo de "sempre":  "Sempre esteve comigo e pelo qual nunca deixei de lutar, mesmo nos dias mais difíceis"

"Passei por duas lesões graves nos últimos anos, houve alturas em que tive muitas dúvidas sobre o futebol, a carreira, a vida desportiva, mas nunca desisti. Quis sempre lutar para continuar em campo a fazer o que mais gosto, que é jogar futebol", asegurou tras coñecer a súa convocatoria para iniciar a fase de clasificación para a Copa do Mundo 2027 no Brasil. Poderá facer a súa estrea ante Finlandia o vindeiro 3 de marzo en Vizela ou ante Eslovaquia, o 7 en Barcelos

"A Pauleta é uma jogadora que já seguimos há algum tempo. O processo de naturalização dela já terminou há algum tempo; infelizmente, fruto das lesões, não pôde dar o contributo antes", dixo o seleccionador portugués, Francisco Neto, sobre unha futbolista que hai xa tempo que decidiu apostar por Portugal ante os rumores que tamén a situaban entre as opcións para o combinado español. 

Grupo de apoio a Pauleta e ao Benfica no Porto do Son © SL Benfica

"Cheguei a Portugal há dez anos sem imaginar tudo aquilo que este país me viria a dar. Foi aqui que cresci, que me tornei mulher e onde comeci verdadeiramente a construir a minha vida", publicou Paula no seu perfil de Instagram nada máis coñecer a súa convocatoria, nun post que acompañaba cunhas fotografías nas que se pode ver de cativa lucindo unha camiseta da selección portuguesa. 

Para Pauleta a súa convocatoria "representa muito". "Anos de trabalho, de sacrifício, mas também de dúvidas e de superação. Um objetivo que sempre esteve comigo e pelo qual nunca deixei de lutar, mesmo nos dias mais difíceis. Como o coração cheo de orgulho e gratidão", explica a futbolista galega, da que o Benfica destacou que a súa importancia no club levou a que no Porto do Son se crease un grupo de apoio a ela que se tornou tamén en peña benfiquista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.