Supercopa Galicia: unha nova competición enfronta os oito campións das copas galegas de fútbol

O Ribadeo FC celebra a consecución da XXXIV Copa Deputación de Lugo © Ribadeo FC

A Federación Galega de Fútbol fixo este mércores oficial a creación da Supercopa Galicia, unha competición oficial que enfrontará os oito equipos campións das oito copas oficiais celebradas en Galicia na temporada 2022-23: a Copa da Coruña, a Copa da Costa, a Copa de Ferrol, a Copa do Sar, a Copa Deputación de Ourense, a Copa Deputación de Lugo, a Copa Rías Baixas de Pontevedra e a Copa Rías Baixas de Vigo. 

A SR Calo celebra a vitoria na Copa do Sar © FGF

Enfrontaranse os campións da Copa da Coruña, Copa da Costa, Copa de Ferrol, Copa do Sar, copas Deputación de Ourense e Lugo e copas Rías Baixas de Pontevedra e Vigo

Xa que logo, o Victoria da Coruña, o Sofán de Carballo, o CCRD Perlío de Fene, a SR Calo de Teo, o Atlético Arnoia, o Ribadeo FC, a SD Portonovo de Sanxenxo e mais o Juvenil de Ponteareas loitarán pola primeira Supercopa Galicia. 

O torneo intégrase dentro do programa de actos de celebración do centenario do Real Club Celta, achegando este club a instalación, o estadio Abanca Balaídos, para a celebración da final desta nova competición, que se celebrará no mes de outubro, probablemente o día 12. 

Todos os emparellamentos serán a partido único e seguindo criterios de proximidade xeográfica. Durante o mes de agosto terán lugar xa os cuartos de final, que enfrontarán o Victoria e o Perlío, o Calo e o Sofán, o Ribadeo e o Arnoia e o Juvenil de Ponteareas e o Portonovo.  

Os vencedores das dúas primeiras eliminatorias e os das outras dúas veranse as caras nas semifinais, previstas para finais do mes de agosto e principios de setembro, nun calendario que se pode consultar na web da Federación Galega

Cadro da nova Supercopa Galicia © FGF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.