Galicia gaña a Copa das Rexións da UEFA

A selección galega afeccionada de fútbol tras gañar a Copa das Rexións da UEFA este sábado CC-BY-SA FGF

A selección galega faise co trofeo que recoñece o fútbol non profesional tras impoñerse a Belgrado 3-1 na final disputada en Vilagarcía

O fútbol non profesional galego é o mellor de Europa. Así pode concluírse tras a vitoria este sábado en Vilagarcía 3-1 da selección galega na final fronte a Belgrado da Copa das Rexións da UEFA, prestixioso torneo oficial do fútbol afeccionado que se celebrou por primeira vez en Galicia, en varias sedes en Cambados, Portonovo, Ribadumia e Vilagarcía cunha importante afluencia de público.

A selección galega afeccionada de fútbol celebra o terceiro gol ante Belgrado na final CC-BY-SA FGF

A Copa das Rexións está destinada a futbolistas que nunca xogaran a nivel profesional e dura dúas tempadas, enfrontando a representantes de 27 estados europeos que primeiro superan unha fase previa nos seus países. Galicia xa era campioa estatal e desde este sábado tamén o é europea tras gañar todos os partidos desta fase final.

A selección galega, dirixida por Iván Cancela, estivo conformada por futbolistas do Arosa, da UD Ourense, do Paiosaco, do Estradense, do Choco, do Somozas, do Rápido de Bouzas, do Alondras, do Sigüeiro e do Atlético Arteixo. Unha representación do mellor do fútbol afeccionado galego, que leva tempo destacando nas competicións que disputa.

Público no estadio da Lomba, en Vilagarcía, durante a final Galicia-Belgrado da Copa das Rexións da UEFA CC-BY-SA FGF

A Federación Galega negocia con dúas seleccións suramericanas para o regreso da selección galega profesional sete anos despois

A Copa das Rexións chegou a Galicia xusto cando a Federación Galega de Fútbol (FGF) negocia con dúas seleccións suramericanas para a disputa dun partido amigable da selección este ano, xa con xogadores profesionais. O presidente da FGF, Rafael Louzán, recoñece que "non é fácil" ante o "saturado" do calendario, tanto na Liga como nas competicións europeas. O combinado profesional galego, recuperado en 2005 polo goberno de coalición da Xunta tras 66 anos, hai xa sete anos que non xoga, cando se enfrontara en Riazor ante 18.000 persoas a Venezuela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.