A principios do mes de xullo de 2022, Bibiana Santiso, tradutora, intérprete e formadora que traballaba desde había anos de maneira externa para o Real Club Deportivo, recibe un correo electrónico do director xeral do club, David Villasuso, onde lle advirten de que non contarán máis cos seus servizos.
Só unhas semanas antes, Santiso cargara nas súas redes sociais contra o daquela adestrador do equipo feminino do club, Miguel Llorente, que viña de ser restituído no cargo tras ser apartado temporalmente e investigado por unha denuncia anónima na canle que o club abrira para advertir de "incumprimentos ou posibles incumprimentos" do seu código ético. Antes, Bibiana xa informara ao club da grave situación que estaba acontecendo polo trato do técnico con algunhas futbolistas.
Aquelas denuncias, que se vincularon principalmente co racismo sufrido por unha xogadora e algún comentario e comportamento pouco apropiado, tiñan moito máis de fondo. "Calquera sabe que por soltar uns tacos non pasa o que pasou", explica Santiso, ex-futbolista, traballadora daquela do club, intérprete e portavoz d'A Terra, o balón mais elas, asociación que pula pola visibilización de mulleres e nenas dentro do fútbol e pola "eliminación de todo tipo de barreiras e obstáculos", que recolle denuncias sobre discriminación.
"Todo o que pasou coas 15 na selección española pasou antes no Deportivo", explica Santiso para deitar luz sobre unha revolta interna contra o adestrador que acabou sendo case totalmente silenciada, que agromou algo con aquela denuncia anónima vía mail, que tivo demasiadas consecuencias e a restitución do técnico sinalado como resolución. Mesmo houbo un escrito denunciando a gravidade dunha situación que "sabían de sobra dentro do club". Nunca saíu á luz.
"Todo o que ocorreu coas '15' na selección española pasou antes no Deportivo"
Aquel anuncio da apertura dun expediente ao técnico do Deportivo na tempada 2021-22 chegara pouco despois da dimisión e da denuncia da súa segunda adestradora, Ana González, unha moza de 26 anos entón que, dous anos despois, vén de conceder unha entrevista en Relevo. Nela denuncia a dura situación persoal vivida pola súa relación laboral con Llorente, un día despois de que o mesmo medio debullase nunha reportaxe o "motín do Depor contra o seu adestrador" e algún detalle sobre o acontecido, segundo a súa versión, naquel vestiario. Varias integrantes terían advertido ao club de abuso de poder, burlas, comentarios racistas ou sexistas do técnico e das consecuencias en forma de "medo", "ansiedade" e bágoas constantes entre varias mulleres.
"Foi durísimo, moi complicado ter que xestionar todo aquilo", revive agora, dous anos despois, Santiso, testemuña de moito do ocorrido polo seu labor no club e, nomeadamente, como intérprete de Charity Adule, xogadora nixeriana que, segundo di, sufriu racismo. Bibiana asegura ter sido testemuña de comentarios como "todos os negros son iguais, non se queren integrar", por parte de Llorente.
'Relevo' debulla o motín no vestiario do Deportivo 21-22 contra un técnico ao que a segunda adestradora e algunha xogadora acusan de trato discriminatorio e comentarios despectivos
Respecto de por que os detalles daquilo saen agora, dous anos despois, Bibiana Santiso di que "as entende a elas porque se sentían moi vulnerables". "Leva tempo procesar que estás sendo vítima, máis aínda cando estás nun club como o Deportivo, exposta publicamente, sabendo que todo o mundo vai opinar. Sénteste moi soa porque é como loitar contra un xigante", explica, en referencia sobre todo a Ana González, que na entrevista en Relevo debulla un inferno. "Notaba que eu só era a segunda e el o adestrador, como unha bolseira que tiña que adoralo. (...) Cambioume a vida, tiña medo de saír á rúa", di.
"Era o traballo da miña vida, o soño da miña vida e fodeuse, fodeuse", di emocionada nun vídeo. "Dixen: se isto é vivir de fútbol como adestradora, non o quero. Se eu non podo protexer as xogadoras, se non podo cambiar o deporte ou como tratan as xogadoras, non quero estar aí. Porque é unha merda, é unha merda como se trata as xogadoras (...). Estaba segura de que o que me fixeran pasar a min non lles ía pasar a elas. E pasou", reflexiona quen dixo que foi o ano "máis duro" da súa vida. "Por un momento, deixei de ser persoa", conta quen fala do "medo, a ansiedade e angustia" que lle provocou o temor a que Llorente "viñese" e lle "recriminase" todo o que sucedeu.
Porque o adestrador sinalouna a ela en rolda de prensa logo de ser restituído no cargo e despois de que o Deportivo concluíse que non se producira "ningunha actuación irregular nin sancionable". "O que fixo, baixo o meu punto de vista, é desmedido e desmesurado. (...) Como se pode facer tanto dano a unha persoa; pasei dúas semanas moi malas. (...) Non merezo isto", dixera Llorente en rolda de prensa. "Fíxose a vítima e saíu como se tal cousa, dando por riba leccións", lembra Santiso, que tamén tivo algún problema con el e escoitou de primeira man varias denuncias de xogadoras e membros do equipo.
Ana González, segunda adestradora daquela: "Por un momento, deixei de ser persoa; tiña medo de saír á rúa"
Segundo contan as damnificadas en Relevo —e din outras fontes—, o adestrador actuaba de forma despectiva e agresiva, intentaba ridiculizar a futbolistas... "Tanto me ten que sexa xorda, é unha mimada", disque dixo respecto de Eva Dios, xogadora con problemas auditivos. Alba Merino, a daquela capitá, asegura no mesmo medio que moitas compañeiras víronse "afectadas psicoloxicamente", "choraban de ansiedade" e pediron deixar o Deportivo. Varias perderon as ganas por adestrar e xogar.
A finais de marzo de 2022, todo estoupou. Días despois de que Ana González abandonase o club e explicase todo o que sufrira. O Deportivo ofreceulle seguir na entidade, pero no filial. As xogadoras rebeláronse e negáronse a adestrar con Llorente tras coñecer por boca da capitá as denuncias da súa segunda adestradora. O club, segundo o relato de Alba Merino e doutras fontes, non as apoiou de todo e non foi nada contundente, todo o contrario. Noutra información de Relevo, a capitá explica que a entidade intentou que a crise non transcendese e acúsaa de reprendar as futbolistas que se rebelaran.
A carta na que explicaban a súa decisión de pedir a marcha do adestrador estaba lista pero non chegou a facerse pública nunca. En cambio, ao club chegou un correo anónimo denunciando comentarios despectivos, faltas de respecto, presións para que futbolistas xogasen lesionadas... Entre outras cousas. O Deportivo abriu a investigación e acabou reincorporando o adestrador.
A decepción cos responsables daquela do club é evidente. Pola súa feble actuación ante as denuncias de varias xogadoras que ían chegando aos poucos. Ningún daqueles dirixentes queda xa no Deportivo. O último, e máis sinalado, o que era director xeral, David Villasuso, acaba de regresar a Abanca, propietario e máximo accionista da entidade.
Durante a investigación, levada a cabo por unha avogada e unha analista de Abanca, Santiso foi unha das entrevistadas. A intérprete denuncia que as investigadoras non tiveron nun principio en conta parte do seu testemuño. Contoulles que Llorente a agarrou do brazo obrigándoa a manter unha conversa con el contra a súa vontade, diante de máis persoas do club, pero ese relato non aparecía na transcrición da súa declaración. Esixiu que se incluíse no escrito antes de firmala e así o fixeron finalmente.
"As mulleres do Real Club Deportivo velaron moito máis pola imaxe do club que o club por elas"
Este martes, logo do impacto mediático do descrito en Relevo, o Deportivo emitiu un comunicado no que aclara que o asunto "foi resolto hai dúas temporadas" e que "na actualidade xa non seguen no organigrama do club ningunha das persoas vinculadas ao mesmo". "No seu día as persoas responsables seguiron todos os protocolos de compliance que estaban establecidos nese momento, contando nese proceso con profesionais independentes", engade.
Ademais, e "máis aló da resolución tomada naquel momento", o Deportivo di "lamentar profundamente que calquera persoa puidese sentirse tratada de forma inadecuada" no club. Nun breve comunicado, engade que censura "de forma contundente" calquera "actitude que non responda os valores de respecto e igualdade que debe representar o fútbol".
"As mulleres do Real Club Deportivo velaron moito máis pola imaxe do club que o club por elas", lembra agora sobre o acontecido Santiso, que cre que algúns dos responsables que Abanca puxo no Dépor "ensuciaron" moito do que convertera a entidade nun referente no fútbol feminino: pola súa aposta decidida, polas boas condicións para as xogadoras e polos seus resultados (tres das recentes campioas do mundo con España formaron parte do club non hai demasiado).
O caso é coñecido con máis detalle, pero foi tamén agochado durante moitos meses. Ata que saíu á luz agora, pouco despois de toda a polémica xurdida arredor da selección española, precedida da rebelión das 15 futbolistas que pediran xa cambios na estrutura da Federación Española antes do Mundial e do posterior motín, tamén, das campioas do mundo tras o bico non consentido de Rubiales a Jenni Hermoso.
"Pode que saber isto agora tamén sirva para que moita xente abra as ollos sobre o que ocorre", di Santiso, que deixa unha reflexión: "No fútbol feminino faise todo internamente, pero como a maioría dos dirixentes son homes, é como dar contra un muro; nin os clubs nin as federacións están preparados para manexar estes temas". Así, advirte dun problema de "machismo estrutural" e da necesidade de que aumente a presenza feminina nas altas instancias do fútbol e do deporte e de que haxa un protocolo claro para arranxar estes problemas.
"Se o fas pola canle interna, bloquéante, e se o fas publicamente, parece que todo ten que ser en grupo e unánime, como se o trato denigrante non puidese ser a unhas persoas ou como se fixese falta a unanimidade para ter razón", resume Santiso, que aínda hoxe se pregunta como aquilo que ocorreu no Deportivo puido acabar así: restituíndo no seu posto ao adestrador. "En serio?", pregúntase.