As xogadoras da selección española de fútbol, obrigadas a acudir á convocatoria baixo a ameaza de sancións

As xogadoras celebran o título de campionas do mundo, despois de derrotar a Inglaterra © RFEF

A pesar de pedir non ser convocadas ata que haxa máis cambios na Federación, están a acudir á cita ante a ameaza de ser duramente sancionadas, en base á Lei do Deporte, con multas entre 3.000 e 30.000 euros e a suspensión da súa licenza federativa por un período entre 2 e 15 anos

Por imperativo legal. As xogadoras da selección española de fútbol feminino que foran convocadas para os partidos da Nations League -o primeiro, este venres en Suecia- a pesar de pedir non facelo, están a presentarse na convocatoria lanzada pola RFEF. Fano ante a ameaza de ser duramente sancionadas, en base á Lei do Deporte, con multas entre 3.000 e 30.000 euros e a suspensión da súa licenza federativa por un período entre 2 e 15 anos, o que lles impediría mesmo xogar nos seus equipos da Liga española.

Hai uns días, un grupo de 39 xogadoras, entre as que se atopaban a maior parte das integrantes do equipo que este verán gañou a Copa do Mundo, fixeron público un comunicado no que demandaban máis cambios na RFEF, ademais da substitución de Luis Rubiales por Pedro Rocha na Presidencia, e do cambio de Jorge Vilda por Montse Tomé como adestradora e apuntaban o seu rexeitamento a seren convocadas. 

Mesmo así, Tomé na súa primeira convocatoria chamou a 20 delas, amplificando o conflito xa existente. Nese momento, 18 das convocadas -entre elas a galega Teresa Abelleira- fixeron público un segundo comunicado no que reiteraban as súas protestas e a súa negativa a acudir á convocatoria, sinalando que "estudaremos as posibles consecuencias legais ás que nos expón a RFEF ao poñernos nunha lista na que pedíramos non ser convocadas por razóns xa explicadas peblicamente". "Lamentamos unha vez máis que a nosa Federación nos sitúe nunha situación que nunca teríamos desexado", concluía o comunicado.

Porén, ante a posibilidade de recibir unha dura sanción que mesmo lles impediría xogar en España durante anos, estas xogadoras víronse obrigadas a acudir á concentración, primeiro en Madrid (as pertencentes a equipos desta rexión) e, xa esta tarde, en Valencia. Fixérono nun ambiente tenso, e deixando clara algunha delas o seu malestar pola situación creada pola Federación.

Por parte do Goberno, o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, anunciou que se reuniría coas xogadoras para tentar desbloquear a situación. Francos denunciou que a lista presentada pola RFEF provoca que España faga "o ridículo como país" e sinalou que as xogadoras teñen "medo". 

Logo, o Goberno anunciou que pedirá á Federación que libere as xogadores que non queiran viaxar coa selección e que intentaría mediar entre elas e a RFEF. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.