Unha ducia de achados arqueolóxicos en Galicia ao longo do pasado ano
O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) de San Cibrao de Las escolmou, un ano máis, os dez achados arqueolóxicos máis destacados do ano 2023 en Galicia, entre os que destacan un gran número de descubertas de orixe castrexa, romana ou galaico-romana, pero tamén da Idade de Bronce e medievais.
-
01
O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, ademais da investigación e conservación do castro de San Cibrao de Las (ou Lansbrica), busca difundir o coñecemento sobre a cultura castrexa e os castros, fomentando, á súa vez, a consciencia da súa protección. Neste labor de divulgación, hai uns días difundiu nas redes sociais a súa selección de achados arqueolóxicos do último ano en Galicia, que aquí debullamos.
-
02
Castro dos Penedos, Salvaterra do Miño
Nos últimos meses do ano atoparon no castro dos Penedos (Salvaterra do Miño) unha cabana circular con dúas enormes rochas no seu interior, pedras que foran trasladadas dende outro lugar para posteriormente ser protexidas dentro dunha estrutura circular e cunha posible función relixiosa. Cultura Galega dedicoulle esta completa reportaxe ao achado
-
03
Torques de ouro en Betanzos
Nunha leira de Betanzos atopáronse en maio e outubro, de forma casual, dous torques de ouro, mentres se araba a terra. Ambos os dous, de 365 e 390 gramos, presentan as características habituais destas pezas no ámbito ártabro.
-
04
Aldea prehistórica en Vilarello, A Pobra do Brollón
Unha investigación achou unha aldea prehistórica en Vilarello (A Pobra do Brollón) datada entre os século XI e V a.C, unha "testemuña perfecta da transición entre a Idade de Bronce e a Primeira Idade de Ferro".
-
05
Muralla da roda de Adai, Lugo
En setembro, as escavacións na roda de Adai, a tan só dez quilómetros da cidade de Lugo, atoparon indicios de que a muralla estaba coroada de seixo. O xacemento, datado entre o 1.600 a.C. e o século II a.C, estase a converter nun punto de referencia para o estudo da Idade de Bronce en Galicia.
-
06
Falo de pedra de época medieval en Torre de Meira (Moaña)
Entre os descubrimentos máis sorprendentes do ano está este falo de pedra de época medieval, atopado en Torre de Meira (Moaña). Este tipo de figuras, máis habituais en xacementos romanos ou celtas, son máis estraños nos medievais.
-
07
Muralla no xacemento de Castro Valente
O xacemento de Castro Valente, entre Padrón e A Estrada, inclúe unha muralla de grandes dimensións, datada entre finais do século IV d.C. e o s. VII d.C. Ten quilómetro e medio de lonxitude, con 30 torres e pecha un espazo de 11 hectáreas.
-
08
Ídolo-placa feminino de xisto atopado nunha mámoa de Lalín
Nunha mámoa de Lalín atopouse este ídolo-placa feminino de xisto cuns cinco mil anos de antigüidade, un agasallo ao defunto realizado polas persoas que realizaron o enterramento
-
09
Forxa de época galaico-romana no castro de Punta Sarridal (Cedeira)
No castro de Punta Sarridal (Cedeira) descubriuse en decembro unha forxa de época galaico-romana, a primeira atopada de forma completa. O achado, do que deu conta GCiencia nesta información, súmase a outros destacados como a estrutura dun balneario castrexo, unha pedra formosa ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano.
-
10
Restos do castro de Armeá (Allariz) baixo a 'cibdá' romana
En setembro, os restos do castro de Armeá apareceron baixo a súa cibdá romana. Trátase dunha vivenda circular e materiais arqueolóxicos da Idade do Ferro, descubertos a uns tres metros de profundidade. Tamén atoparon vestixios dunha posible fortificación medieval.
-
11
Lápidas funerarias de orixe romana atopadas en Lugo
O décimo achado destacado polo PACC foi a descuberta de lápidas funerarias de orixe romana atopadas en Lugo durante unhas obras de peonalización. Datadas entre o século I e o II d.C., as pezas formarían parte dun mausoleo dunha necrópole próxima.
-
12
...E moitos outros
Non foron os únicos achados dun ano especialmente rico en descubertas arqueolóxicas. Por exemplo, un estudo de Rebeca Blanco-Rotea descartou a orixe romana do groso do monumento de Santalla de Bóveda (na imaxe), datado principalmente no século VII d.C.
Ademais, investigacións en Vilamartín de Valdeorras acharon restos do cultivo de vides na zona no século IV d.C. e en Touro atopouse primeiro castellum da época romana documentado na Galicia occidental.
Así mesmo, foron importantes as investigacións no monte Cido (Folgoso do Courel), no castro de San Vicenzo (Avión), no castro de Arxeriz (O Saviñao), no castro de Montes Claros (A Laracha), no Preguntoiro (Pantón), en San Mamede (Lousame), no castro de Tralocastro (Ferrol) ou os achados de petróglifos en Oza-Cesuras, un dun treito de Camiño Real en Brandomil (Zas) e mesmo restos dunha muralla romana na Coruña, todos elas recollidas informativamente por Cultura Galega.